António e Cleópatra

Ver o invisible a través dunha alma allea

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Magda Bizarro |

 

[Escenas do Cambio 2018 comeza hoxe con este espectáculo de Tiago Rodrigues. Con este motivo, recuperamos a crítica que Vanesa M. Sotelo fixo deste espectáculo, publicada no número 83 da Revista Galega de Teatro (veran 2015)]

 
A partir de Antonio e Cleopatra, Plutarco –en que William Shakespeare se inspirará para abordar a monumental historia entre o militar romano e a raíña de Exipto– afirmou que o amor pasou a ser “ver o mundo pola sensibilidade dunha alma allea”. Ofrecendo como propia a alma allea que propón toda creación escénica, o director luso Tiago Rodrigues, na súa versión distante da shakesperiana António e Cleópatra presenta unha proposta sobre este amor histórico e político que, estruturada sobre dualidades e dicotomías acaba por falar tamén da relación entre quen mira e quen é mirado, entre quen acciona e quen é contado.

Coa presente produción de Mundo Perfeito, Tiago Rodrigues asina unha memoria libre da historia de Antonio e Cleopatra de Shakespeare, igual que Shakespeare o fixo a través de Plutarco e Plutarco sobre a famosa parella. A relación entre Cleopatra e Antonio, ao tempo, é contada a través dos corpos e das voces da parella de coreógrafos formada por Sofia Dias e Vítor Roriz. O resultado é unha peza sutil e arriscada; asentada nunha delicada e moi medida enxeñaría dramatúrxica na que, ademais do traballo de síntese da historia e a redución de personaxes, destacan as variacións e os xogos rítmicos sobre o texto e a comuñón comunicativa que zumegan Dias e Roriz sobre a escena.

António e Cleópatra de Tiago Rodrigues concentra a historia de Shakespeare e reescríbea mediante un escollido xogo textual –de repeticións e variacións– sobre accións descritas que materializa a través dunha proposta actoral que mostra a relación entre o corpo real –de quen manipula– e o corpo evocado –o que o público constrúe na súa mente. A evocación é facilitada por un depurado distanciamento no que o actor como narrador da acción manipula a presenza invisible do personaxe: ás veces, móvese con el; outras, relaciónase con el; noutras, a actriz pasa a relacionarse directamente coa sombra do personaxe ausente, coa sombra que produce o seu propio corpo. Tiago Rodrigues inverte a invisibilidade do actor do teatro de formas animadas para acentuar a súa función como mediador fronte á presenza portadora da acción que, habitualmente visible, aquí pasa só a ser evocada. Deste xeito, o traballo actoral transfórmase nunha metáfora da mirada sobre o mundo desde a sensibilidade do outro.

“Mesmo sen terras para gobernar seremos reis do invisible” din. Sobre o imperio do invisible, en António e Cleópatra a palabra constrúe mundos, confecciona corpos e determina as accións que o espectador debe recoller desde a súa propia sensibilidade. A través da narración de Dias e Roriz, o público compón a súa propia Cleopatra, a apariencia de Antonio, os xestos de César, os detalles físicos de Octavio ou a voz de Enobarbo, creando tantas posibilidades como persoas asistentes. Por outra banda, o elemento do invisible traslada tamén unha reflexión entre o que non está e o seu testemuño: unha relación entre a memoria e a historia ao longo dun diálogo entre o clásico e o contemporáneo inscrito nunha sociedade virtual e de ausencias como a do tempo presente.

Para este António e Cleópatra , Ângela Rocha deseña un espazo esencial, minimalista, diáfano e de gran poder suxestivo. Nel, un ciclorama que se prolonga ata o proscenio sen delimitar a intersección entre ceo e terra envolve o universo no que se narra a epopea. Nese lugar suspendido, ambivalente e abstracto, flota un móbil de linas curvas e círculos azuis e amarelos como trasunto de forzas universais ou ciclos vitais. Ditas estruturas permiten intervir o espazo creando diferentes planos espazo-temporais en convivencia co sutil deseño de luz e de variacións sobre a sombra elaborado por Nuno Meira.

Normalmente, a transición é un dos elementos que definen a dramaturxia dunha creadora. Para transitar, Tiago Rodrigues propón un espazo para deixar en suspenso os personaxes invisibles. Ese lugar é o conformado por un banco, un aparato de música e o disco da banda sonora do filme Cleopatra, protagonizado por Elizabeth Taylor e Richard Burton. Ademais de abrir o diálogo sonoro e dirixir a mirada sobre outro documento que aborda a relación Cleopatra-Antonio da man doutra mirada –a de Mankiewicz– e por outra parella inmortal como a de Taylor e Burton, público e intérpretes poden distenderse e distensarse mentres é posible visualizar as paisaxes da música de Alex North.

António e Cleópatra: un traballo depurado e sofisticado onde a palabra contén as imaxes mais é potenciada pola irrepetible presenza e conexión actoral. Unha delicatessen escénica para ver cos oídos, para escoitar coa pel, para entrar no mesmo presente no que Antonio inspira e no que Cleopatra inspira.
 

António e Cleópatra de Tiago Rodrigues

Dirección: Tiago Rodrigues
Texto: Tiago Rodrigues con citas de António e Cleópatra, de William Shakespeare
Interpretación: Sofia Dias e Vítor Roriz
Escenografía: Ângela Rocha
Figurinos: Ângela Rocha e Magda Bizarro
Deseño de luz: Nuno Meira
Produción: Mundo Perfeito
Co-produción: CCB, CCVF e Temps d’Images

Centro Cultural Vila Flor, Guimarães. 13 xuño de 2015

Vanesa M. Sotelo
Latest posts by Vanesa M. Sotelo (see all)

Máis sobre Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixar unha resposta