in

Arlequina

ArlequinaKukas |

Corazón de poeta

| Manuel Xestoso |

 

Precisábase unha celebración en condicións dos corenta anos da compañía e, de paso, demostrar que os títeres e o gran formato non só non están pelexados, senón ao contrario: as grandes dimensións amplifican a maxia coa que o teatro de monicreques é quen de revestir unha historia. Kukas sacou toda a artillaría para esta conmemoración e buscou a complicidade dun bo número de artistas que xa traballaran con el noutras ocasións, para asegurarse de que a arte do feiticeiro construtor de marionetas provocarían o abraio que a circunstancia demandaba.

Curiosamente, Arlequina, ese personaxe “con alma de marioneta e corazón de poeta”, demostra que a cerna dun espectáculo de grandes proporcións pode ser unha boneca simple coma o debuxo dun neno, unha boneca humilde e soñadora feita con papel de xornal. Talvez esa é a meirande lección que proporciona o espectáculo: que o corazón das obras de títeres reside na sinxeleza das emocións que todos compartimos, teñamos a idade que teñamos. Que a espectacularidade sen un sentimento que transmitir queda en fogos de lucerío.

Pero o espectáculo existe e para iso están eses corenta anos de experiencia, para que a viaxe iniciática de Arlequina vaia acompañado dunha ilusión de gran elegancia plástica e musical que a transporta por escenarios que xiran arredor da escena: unha rúa con músicos ambulantes transfórmase na pista dun circo, ou nun océano con illa deserta incluída, ou no obradoiro dun mago que, en realidade, é un artista: un soñador que crea a Arlequina á súa imaxe e semellanza.

A peripecia débelle algo ao Pinocchio de Collodi, e Kukas recoñece e agradece o préstamo nun simpático cameo do personaxe italiano. De igual xeito, a traxectoria da compañía aparece aquí e alá, puntuando o relato con alusións que os seguidores recoñecerán. Se non se identifican, tampouco pasa nada: a historia é a vella historia da viaxe de aprendizaxe, do regreso á casa cun relato que contar. E aínda que estea actualizada coas novas preocupacións que nos desacougan –como a deterioración ambiental–, os escenarios e a trama seguen sendo tan coetáneos coma intemporais: eternos.

Os monicreques de Kukas son algo máis que o nome dunha compañía: son pequenas obras de arte intimamente ligadas ao xogo, á imaxinación e a transmisión de coñecementos. E toda a mestría acumulada en catro décadas de percorrido condúcennos ao soño dun artista que fantasea cunha boneca inxenua e delicada. Unha lección de humildade para ter en conta.


Publicidade

 

Arlequina, de Os Monicreques de Kukas.
Dirección: Isabel Rey Pousada, Marcelino de Santiago (Kukas).
Elenco: Jorge Casas Caneiro, Isabel Garcia Coldeira, Borxa Insua Lema, Marcelino de Santiago Viqueira, Larraitz Urruzola Tolosa, Ero Vázquez Cabrera.
Músicos (Zoar Ensemble): Joan Ibañez, Benjamín Iglesias, Alex Salgueiro, Antonio Suarez, David Villa.
Deseños marionetas, escenografía: Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas)
Deseño iluminación: Miguel Cabaleiro Saco
Música: Zoar Ensemble
Composición cancións: Benxamín Iglesias
Deseño publicidade: Isabel Rey

Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio do Concello. 3 de xullo de 2019.

 

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 5-07-2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

1F11236C 4B52 4AD8 A797 012CE695A213 |

Obradoiro das Residencia Paraíso na MIT Ribadavia

NunCuartoDaRotonda01 |

A nova compañía Acusmaser Opus preséntase hoxe na Illa con ‘Nun cuarto da rotonda’