in , ,

A profesión teatral, sorprendida e indignada ante a falta de apoio ao FITO de Ourense

BarbaOdinTeater |
Profesionais das artes escénicas avisan da perda “irreparable” que supoñería a desaparición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, despois de que o Concello anunciase publicamente que non apoiaría economicamente unha das citas imprescindibles do calendario teatral galego. | Manuel Xestoso |

 

Entre a rabia e a incredulidade. A decisión do consistorio Ourensán –á cuxa fronte está o novo alcalde Gonzalo Pérez Jácome– de retirar todas as axudas ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) levanta unha onda de indignación no mundo da cultura, que ve con abraio como un festival que precisou de moi poucos anos para consolidarse como unha cita imprescindible do calendario cultural pode desaparecer sen que ninguén faga nada, máis alá de laiarse por unha resolución pouco fundamentada.

A resposta nas redes sociais foi case inmediata, coa creación do hashtag #ourensemerececultura. Por outra banda, as principais asociacións profesionais do sector –como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega ou a Academia Galega de Teatro– fixeron públicos comunicados de solidariedade co FITO que rexeitaban a decisión do Concello.

O rexeitamento xeral que esta decisión provoca levounos a pedir a diferentes personalidades das artes escénicas, ligadas dun modo ou outro coa cidade de Ourense, que nos fixesen unha valoración do anunciado cambio na política cultural do Concello e que consecuencias pode ter para a cidade.

Paula Quintas, da compañía de danza TrasPediante e unha das integrantes do equipo do festival Corpo(a)terra considera que a circunstancia é “crítica” pola falta de seguridade que lle dá ao tecido cultural ourensán. “Dende as asociacións estamos a ter reunións que clarifiquen cal é o camiño que pensa tomar esta corporación. A desaparición do FITO sería un desastre e non entendemos moi ben en base a que criterios se toma esta decisión”. A artista ourensá confesa tamén estar sorprendida “polas formas en que se comunicou esta resolución”.

Quintas cre que non se valora suficientemente o traballo da rede cultural de base, “en moitos casos constituído por persoas que nos formamos fóra e que volvemos a Ourense para desenvolver un labor que reverte no prestixio da cidade”. E continúa: “ese tecido asociativo, ademais, é particularmente rico no caso de Ourense, onde se congregan artistas de moitas disciplinas moi diferentes”.

En xeral, apunta, “as administracións non están sendo o suficientemente sensibles ante o esforzo que esixe a xestión de eventos como o FITO ou como Corpo(a)terra e tenden a ignorar os beneficios que ese traballo lle reporta á cidadanía. É doado para as institucións botar abaixo proxectos que custa moito levantar para aparentar que teñen un proxecto cultural do que, en realidade, carecen. Esperamos que este non sexa o caso e que esta decisión poida reverterse”.

Manuel Guede, dramaturgo e director cuxas raíces están en Ourense e que dirixiu o Centro Dramático Galego durante un longo período da súa historia, ve nesta decisión non só o derrube dun proxecto concreto, senón tamén o anuncio de que “o proxecto cultural para a cidade quede caricaturizado, como corresponde á figura dese caricato que é o novo alcalde. Trátase dunha decisión moi grave, apoiada en argumentos ridículos –como ese de que o custe do festival supera ao das obras de Broadway– e que ameaza con transformar a política cultural nun proxecto de animación social sen substancia”.

Segundo Guede, a situación agrávase por ser Sarabela unha compañía que “sempre foi moi reivindicativa” e que, xa que logo, “esperta poucas simpatías na Xunta de Galicia ou na Deputación de Ourense, que son as dúas institucións que poderían desbloquear a situación”. Guede cre que debe poñerse en valor o traballo de Sarabela que “moito antes do festival xa fixera un labor de sementeira moi importante na cidade non só no ámbito da creación, senón tamén na formación, no teatro universitario, no amador, no infantil…”. Ante este panorama, di, “cabe esixirlles aos partidos de esquerda unha resposta activa ante esta agresión”.

Tito Asorey, actor e director, tamén fai referencia ao traballo de Sarabela. “Eu estou onde estou, grazas á actividade de Sarabela na cidade, empecei con eles e foron eles os que, tanto a través da formación como da organización de eventos coma o FITO, propulsaron a miña carreira, igual que a doutros moitos compañeiros. Esta decisión non acaba só cun festival, remata con décadas de traballo a prol da cidade”.

O director da multipremiada Perplexo, e actor en series como Fariña ou Servir y Proteger, incide no valor que o festival ten para a cidadanía: “Que os ourensáns e ourensás puidesen asistir, por un prezo asequible, a obras de creadores con tanto prestixio internacional como Odin Teatret, Daniel Veronese ou Rafael Spregelburd, entre tantos outros, contribúe a facer de Ourense unha cidade máis culta, máis informada e máis amable, cunha maior calidade de vida”. E retruca ante os argumentos de Jácome sobre o teatro amador: “Esta política faille tanto dano aos profesionais coma aos amadores, que atopan no festival inspiración e ideas para que o seu traballo medre. A política cultural de Democracia Ourensana é propia de xente que vive nun mundo moi pequeno, é unha nova viaxe ao país dos ananos. Se non fixese tanto dano sería un mal chiste”.


Publicidade

A forma en que se trata ao sector da cultura tamén indigna a Asorey, que cre que o populismo do alcalde está moi cerca do autoritarismo: “A calidade democrática do partido que ocupa a alcaldía e de moi baixa calidade; non se pode insultar dende un posto de responsabilidade pública aos adversarios ou aos que non pensan igual. O desprezo con que se fala do que eles chaman despectivamente culturetas indica un talante moi pouco respectuoso e escasamente democrático”.

Mariana Carballal, intérprete, directora e docente, apela ao teatro non só como manifestación cultural senón tamén como un dereito da cidadanía. “O FITO dalle a Ourense a posibilidade de ver como se reflicte o mundo nos palcos nacionais e internacionais. É un ben dificilmente cuantificable e imprescindible para o alimento espiritual da comunidade. E tamén para denunciar corrupcións, opresións e violencias”.

Carballal, que actualmente imparte clases na ESAD de Vigo, tamén apela a unha resposta activa: “temos que loitar para que Ourense non perda o seu festival. É xa un referente de calidade e de xestión”. E remata cun chamamento ás institucións: “señores da política, abran os seus oídos, escoiten a cidadanía. Non están aí para destruír, senón para consolidar e reforzar os proxectos que funcionan”.

O célebre actor Sergio Pazos, que segue a polémica dende Madrid, manifesta que a “cultura”, en xeral, é unha parte moi importante do desenvolvemento dunha sociedade sensible e moderna e, ao mesmo tempo, unha parte moi importante da identidade dun pobo, dun país ou dun grupo. Identidade”, remacha, “a cultura abre mentes e fai pensar, dubidar, aprender, e sentir. Non crea dogmas, ao contrario”.

Pazos matiza que “ás veces, a cultura fai dano, claro, e as veces é molesta, claro: como ten que ser. Que as noticias que me chegan a Madrid sobre o meu Ourense querido sexan tan tristes como que se van pechando distintas opcións culturais é desastroso. Aos responsables políticos só se lles pide que xestionen os cartos públicos e, se pode ser co famoso sentidiño común que temos os galegos, moito mellor”.

Sobre o presunto custo do festival, declara que “os cartos, se están ben utilizados –fiscalizados e controlados- están sempre ben invertidos en cultura. Tanto me da que sexa música, literatura, pintura, baile tradicional, fita, fito ou Adolfito. Unha parte dos nosos impostos deben ir destinados a iso mesmo, a enriquecer a nosa pobre existencia, tal como vai este desastroso mundo. Para min todos os cartos que vaian a cultura –con control por suposto– están ben invertidos”.

A actriz Belén Constenla, cre tamén que “non se deben facer análises de se uns festivais de teatro, de música ou unha Banda Municipal son rendibles economicamente ou non. Consolidados dende hai anos, valorados no resto de Galicia e fóra dela, non pertencen ao concello, pertencen aos cidadáns”.

“Esta decisión dunha patética corporación de suprimir de golpe a axuda ós principais referentes culturais de Ourense faime sentir vergonza e tristeza”, di, e subliña a proxección internacional do FITO: “O Fito é un prestixioso festival grazas ao cal o público pode acceder a unha programación internacional moi difícil de atopar noutros puntos de Galicia”.

E remata apelando tamén á identidade que a cultura lle imprime a unha cidade: “Dá a impresión de que Jácome quere destruír a identidade cultural de Ourense que, preocupantemente, se atopa cada vez nunha situación máis cativa. Considero imprescindible mostrar todo o apoio ao Fito, a Sarabela e ao público da miña cidade”.

 

Foto: Eugenio Barba, da prestixiosa compañía Odin Teatret, que pasou polo FITO nunha das súas primeiras edicións.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Academia8 |

A Academia Galega de Teatro rexeita tamén a retirada de apoio ao FITO do Concello de Ourense

OloboealuaBaobab |

Volve a Pontevedra Núbebes, o festival para os máis cativos