in

A 10ª edición do GUIdance de Guimarães sitúa a creación feminina no seu centro

MarleneMonteiroFreitasBacantes |
Akram Khan, a Compagnie Marie Chouinard, Tânia Carvalho, Marlene Monteiro Freitas ou Vera Mantero –que este ano será a coreógrafa en destaque– son algúns dos nomes presentes na 10ª edición do GUIdance–, que se desenvolverá do 6 ao 16 de febreiro e cuxo programa inclúe 11 espectáculos, así como clases maxistrais, debates, charlas e ensaios abertos para os colexios, estendéndose pola cidade de Guimarães e tendo o centro cultural Vila Flor como base de operacións. | Foto: Laurent Philippe (Bacantes, de Marlene Monteiro Freitas) |

 

A edición que celebra a primeira década do festival promove o regreso de importantes coreógrafas que marcaron momentos fundamentais na historia do GUIdance e doutras que chegan por primeira vez, para deixar a sua pegada. Este movemento feminino do elenco coloca intencionalmente o papel da muller no centro da creación.

A programación para esta décima edición do GUIdance comeza a partir das 21:30 do 6 de febreiro, no Grande Auditorio do CCVF, coa creadora Tânia Carvalho poñendo en escena sete bailaríns ou encarnacións físicas dun onirismo baixo control, acompañados no escenario pola coreógrafa, ao piano. Danza e música en directo viven así no escenario de Onironauta. Despois de debutar en Marsella e pasar por Lisboa, Tânia Carvalho regresa a GUIdance –despois de estrear aquí, en 2017, Captured by Intuition– para inaugurar esta edición do festival. Cunha carreira que abrangue máis de dúas décadas, a coreógrafa crea de novo unha peza emocionante e arrepiante, como algúns soños perturbadores dos que un esperta confuso e a tremer. Unha coproducción do Centro Cultural Vila Flor, Culturgest Lisboa, Teatro Municipal do Porto Rivoli – Campo Alegre e KLAP Maison Pour la Danse.

A coreógrafa en destaque, Vera Mantero, presenta Esplendor e Dismorfia na segunda noite do festival (7 de febreiro). En colaboración co construtor sonoro e escénico Jonathan Uliel Saldanha, Esplendor e Dismorfia é un recital híbrido para dous corpos-paisaxe animados pola respiración. Vera Mantero aparece de novo para abrir a segunda semana do festival con Os Serrenhos do Caldeirão, exercícios em antropologia ficcional (12 de febreiro), creación de 2012 na que se debruza sobre a desertización e deshumanización da Serra do Caldeirão, no Algarve. A célebre e icónica coreógrafa portuguesa, cuxa obra xa percorreu varios continentes, tamén estará en contacto co público nunha conversa próxima e distendida que terá lugar ao final da presentación deste último espectáculo.

O primeiro sábado (8 de febreiro) haberá un programa duplo. A tarde tráenos a estrea absoluta de Rite of Decay, da coreógrafa e intérprete Joana Castro, creadora que pasou tempo no Centro de Criação de Candoso (CCC), en Guimarães, para unha residencia artística previa á estrea no festival. En colaboración coa artista sonora Diana Combo, parte da idea de xestión dun corpo que se multiplica noutros xa extinguidos ou por chegar. A fin do mundo como metáfora da nosa propia degradación.

Pola noite, o regreso ao festival da efervescente e impetuosa compañía Akram Khan ofrécenos Outwitting the Devil, un espectáculo inspirado nun fragmento da épica de Gilgamesh, que describe a admiración do rei semi-divino de Sumeria pola abundancia e biodiversidade, sendo, por iso, considerado o primeiro poema ambiental da Historia. Nunha épica de taboleiros rotos e ídolos caídos, interpretada por un elenco de bailaríns de diferentes culturas e xeracións, Akram Khan dispara un tiro de advertencia. Aquí o diaño é, de feito, o home –unha criatura ingrata capaz de destruír todo e a todos os que o rodean.

A coreógrafa Marlene Monteiro Freitas convídanos a Bacantes – Prelúdio para uma Purga o 13 de febreiro, no palco grande do CCVF. Nesta traxedia grega de Eurípides percórrese o delirio, o irracional, a histeria, a loucura, vaise dende a ilusión á cegueira e dende a cegueira ata a revelación. Eis o mundo, moral e estético, que Marlene Monteiro Freitas nos insta a percorrer. Música, danza e misterio lévannos como funambulistas polo fío da intensidade, nun combate de aparencias e disimulos, polarizado entre os campos de Apolo e Dionisio.


Publicidade

A noite seguinte (14 de febreiro) vén liderada por un par de creadores portugueses cunha longa traxectoria colaborativa: Sofia Dias e Vítor Roriz presentan O que não acontece.A convivencia de palabras e movemento é un dos temas centrais na obra dos dous coreógrafos e, nesta peza, levan ao extremo a tensión entre eles. Ao final de todo, o que parece destacar na masa de palabras, ideas e imaxes en movemento é o desexo de estar en relación e de construír un espazo común. Acolledor e igualmente perigoso.

O sábado (15 de febreiro) da última fin de semana do GUIdance ten unha tripla dose de propostas: un espectáculo para toda a familia ás 16:00, Caixa para Guardar o Vazio de Fernanda Fragateiro coa coreografía de Aldara Bizarro. Composta por madeira, espello, aceiro e unha alfombra de algodón negro, é unha escultura, pero tamén un lugar para explorar co corpo e con todos os sentidos, nun proceso de descubrimento individual ou colectivo. A caixa está activada polos corpos de dous bailaríns, que dialogan entre si e co público, a través do movemento e da voz, nun obradoiro performativo especialmente deseñado para crianzas, proporcionándolles un papel activo e creativo.

Ás 18:30 terá lugar a estrea de Dias Contados de Elizabete Francisca. O imaxinario desta peza trasládanos a Lisboa aínda que podería ser outra cidade grande, cuxas transformacións socioeconómicas radicalizan a vida das persoas –en particular das mulleres– e obrigan a reflexionar e repensar modos de vivencia, de resistencia e de insurrección. Dias Contados pon en escena a Elizabete Francisca e Vânia Rovisco, dous corpos-escultura, corpos-acción, que a través de xestos, imaxes e palabras, restitúen unha mirada sobre os conceptos de comunidade, territorio e pertenza.

A xornada do sábado 15 finaliza coa bailarina e coreógrafa canadense Marie Chouinard que, con máis de 40 anos de carreira, debuta no GUIdance con dúas pezas particularmente significativas do seu repertorio: The Rite of Spring (1993) e Henri Michaux: Mouvements (2011).

A 10ª edición de GUIdance bota o pano o 16 de febreiro coa estrea nacional de Des gestes blancs, un espectáculo para familias de Naïf Production, unha fábrica de espectáculos en vivo e aventuras coreográficas colectivas que cuestionan a convivencia. Nesta creación de Sylvain Bouillet con dramaturxia de Lucien Reynès, oito anos é unha idade apaixonante. A imaxinación é inmensa e a enerxía nunca se esgota. Entre a independencia autodeclarada e a necesidade de coidados e conforto, os nenos corren, sen freos e sen pausas, e aprenden xogando. En Des gestes blancs, Sylvain e Charlie Bouillet, pai e fillo de 8 anos, exploran unha relación física e emocional, nunha viaxe de descubrimento tanto para o adulto como para o cativo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NanaParaUnSoldado |

Presentación de ‘Nana para un soldado’, de Pepablo Patinho, en Narón

theater 105574 |

II Premio Platta de Teatro Breve – Castilla y León