in

As Residencias Paraíso 2021 acollerán oito proxectos de artes vivas

Residencias Paraíso

As Residencias Paraíso do Colectivo RPM veñen de seleccionar as artistas que participarán este ano no programa. Dentro dun contexto de enorme vulnerabilidade provocada pola crise sanitaria, en palabras da organización, as Residencias Paraíso chegan á súa quinta edición.

Oito son os procesos artísticos seleccionados para 2021 nas Residencias Paraíso, despois de que a organización valorase un total de 160 proxectos (máis do dobre da media dos anos anteriores). A comisión deste ano estivo formada por Caterina Varela e Felix Fernández –polo Colectivo RPM– e Cris Vilariño, Cristina Moreira e Jacobo Pallarés, como profesionais convidadas.

Dentro do grupo de artistas Paraíso 2021, acóllese o proceso de investigación Antes todo isto era campo de Colectivo Nerval. Unha instalación interactiva –a cabalo entre o concerto e a experiencia escénica– para humanos e plantas que van na procura da posibilidade de reconectarse. Un proxecto que vén dende Valencia para gozar de dúas semanas de residencia combinada na NORMAL e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña entre maio e xuño.

Adriana Reyes é a segunda artista de fóra de Galicia desta edición que estará na residencia que se realiza en diálogo coa MIT de Ribadavia. O seu proxecto de performance Coreografías selváticas interésase pola produción sensible arredor dos movementos e formas da vida vexetal a través do estudo de vinte plantas –amazónicas e ibéricas– coas que leva investigando nos últimos anos. Un libro de botánica en movemento que estará en residenica na Igrexa da Madalena de Ribadavia durante dúas semanas do mes de xullo.

O colectivo Octopus to the Party foi seleccionado por un proxecto do mesmo nome que aborda, desde unha óptica transdisciplinar, o concepto de festa como elemento vertebrador social indispensable, actualmente en crise pola situación de pandemia que estamos a vivir. A súa estadía desenvolverase nunha residencia combinada entre a Cidade da Cultura de Galicia e o Salón Teatro de Santiago de Compostela durante tres semanas do mes de xullo.

Na mesma combinación anterior de espazos en residencia, e durante tres semanas entre xullo e agosto, estará inscrito o proceso A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, de María Llanderas. Un proxecto no que abraza o espírito inconforme da poeta Xela Arias e o seu pulo por facer da súa obra escrita unha arma viva, trasladando ao corpo e ás artes vivas toda esa linguaxe emocional.

O Pazo da Cultura de Carballo será o espazo anfitrión que albergará a residencia de Marta Valverde co proxecto 30′ 70 60′ 120 que reflexiona sobre a precarización actual –no traballo en xeral e no traballo sexual en particular–, dende unha perspectiva documental que mestura o live cinema e a conferencia performativa. Esta residencia levarase a cabo durante tres semanas entre os meses de xullo e outubro.


Publicidade

El dios del pop de Diego Anido é outro dos procesos creativos escollidos Un percorrido desordenado polos fitos que consolidaron a cultura pop, un relato autobiográfico fantástico para o que Anido estará en residencia no Pazo da Cultura de Narón durante dúas semanas entre agosto e setembro.

A primeira quincena de agosto o Vello Cárcere de Lugo acollerá a Miriam Rodríguez Olga Cameselle para a realización da peza de videodanza Memorias danzantes, que busca repensar o paso do tempo no corpo feminino desde un punto de vista interxeracional.

Por último, durante dúas semanas do mes de setembro, desenvolverase o proceso Cerimonia, dentro da primeira Residencia Paraíso que albergará o Centro Torrente Ballester de Ferrol, da man das artistas Helena Salgueiroe Verónica Moar. Unha sinerxia interdisciplinar onde a escultura en cerámica, a danza e a performatividade tenderán unha ponte entre Oriente e Occidente.

“Oito proxectos que poñen no punto de mira cuestións fundamentais para o día a día, impulsados por artistas capaces e inspiradoras que falan por si mesmas da inmensa potencia da comunidade artística vinculada ás artes vivas”, afirman desde a organización das Residencias Paraíso.

Os proxectos recibirán un apoio de entre 1.800 e 3.000 euros ata o total de 20.000 euros cos que se activa a convocatoria 2021. Unha convocatoria impulsada dende Colectivo RPM que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e das distintas institucións co-produtoras do programa: Concello de Santiago, Concello da Coruña, Concello de Lugo, Concello de Ferrol, Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura, así como coa colaboración dos distintos espazos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Néboa

Taoísmo, Lynch e a néboa

Kirenia Danza

Kirenia Danza estrea ‘Primeiro a vida!’ en Oleiros