in ,

Las aves

Libres coma os paxaros

294085522 463257335805395 2494563776382717417 n |
Imaxe da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Libres coma os paxaros

“Cegos humanos, semellantes á folla livián,
impotentes criaturas feitas de lama desprezábel,
míseros mortais que, privados de ás,
pasades a vosa vida fugaz como sombras vans ou ensoños mentireiros,
escoitade ás aves, seres inmortais e eternos, aéreos,
exentos da vellez e ocupados sempre en pensamentos perdurábeis.”

Aristófanes, As aves.

 

Como afirma Raquel Vidales no seu artigo sobre a recepción da estrea de Las aves no Centro Dramático Nacional, xa ía sendo hora de ver La Calòrica de xeito máis asiduo fóra de Cataluña. Acontece agora, coa xira desta peza grazas ao espazo que o CDN abriu á compañía, incluíndo un par de funcións no seu idioma orixinal, logo da súa estrea na Sala Beckett de Barcelona, no ano 2018.

Curioso que mesmo un teatro tan potente coma o catalán teña que pasar por Madrid para poder expandirse cara ao resto de España, mais este é sen dúbida o sistema no que vivimos.

Las aves chega á 38ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia precedida do seu éxito de crítica e público (II Premis de Teatre 18/19, Premis de la Critica 2019) cunha revisión do texto orixinal de Aristófanes do que conserva partes da trama orixinal e, sobre todo, o acedo humor crítico á sociedade do seu (noso) tempo.

No texto primixenio, o autor ateniense diseccionaba os males da xove democracia da época (a democracia ateniense non tiña nin 50 anos), onde atopamos xa a figura dx políticx manipulador/x que aproveita os malestares do pobo para chegar ata os seus intereses persoais.

Con este material, o dramaturgo Joan Yago crea un texto co foco posto na crítica ao sistema neo-liberal, excesivo e consumista, exento de valores humanos e que utiliza axs demais como meros obxectos de usar e tirar. Esta crítica, interesante en si mesma, non sería máis ca un exercicio intelectual se non tivese como contraste ao mesmo pobo que se deixa manipular, convencido de que así obterán, tamén, os seus propios intereses.

Nun exercicio de virtuosismo dramatúrxico, o autor ofrece unha mostra dos elementos que fan que o populismo evidente e barato (que tanto vemos nos nosos días) teña o éxito que ten, e así aparecen escenas como a da familia de pombas txarnegas que reflexan ás familias de obreiros que se converten en sostén dun sistema que as mastiga e cuspe, crendo que acadarán así un futuro mellor, mentres esquecen que antes eran, efectivamente, paxaros libres.


Publicidade

O Capitalismo, posto en pé polo actor Xavi Francés nun rapeiro que (a min) me lembra a Paquirrín, ten outro célebre intre de reflexión, mirando o que foi mal na formulación da súa teoría, sinalando a avaricia humana como elemento corruptor dunha tese que era aparentemente limpa e sen malicia.

Son moitos os intres nos que, a través do humor, a compañía transmite a súa visión dun mundo corrompido pola falta de humanidade. Mesmo a asemblea de aves reflicte o que moitas veces atopamos nas reunións de persoas (dende o hemiciclo parlamentario ata as xuntanzas veciñais), onde o medo e a manipulación flagrante fan que os paxaros se volvan contra si mesmos e elixan un home evidentemente corrupto coma o seu representante.

Como digo, unha das fortalezas da peza é a de ofrecer escenas doadamente recoñecíbeis por todxs a través do humor e a ironía, nunha mestura que provoca tanto vergoña como liberación grazas ao riso.

La Calòrica ten moi ben collido o ritmo da comedia, con gags que achegan comentarios e subtexto ao evidente, e intres de tensión crecente que estouran con contrastes abruptos, xerando un mar de gargalladas.

Aí, a dirección de Israel Solà aproveita ao máximo tanto o potencial do texto como o do seu elenco, co que xa ten a familiaridade dos anos e a confianza (levan xuntxs dende o 2010, cando remataron as súas respectivas formacións no Institut del Teatre de Barcelona). Todo está posto no xogo actoral, con coreografías de movemento sinxelas pero que son un continuo ir e vir, tanto nos espazos (a través dunha porta e unha pasarela, unha escenografía tan sinxela como efectiva de Albert Pascual – premiado por certo polo seu maravilloso vestiario) como nos personaxes (nos que a maioría do reparto van incorporando diferentes roles, nun traballo excepcional tanto na presenza, como na fisicidade, como no vocal – tendo en conta que ademais levan pouco tempo con esta versión en castelán na que, por certo, perdemos matices como o da xa referida familia de pombas txarnegas).

O elenco fai un traballo sobresaínte. A dobre faz de Pistetero, incorporado por Marc Rius, convértese no verdadeiro eixo da peza, incapaz como é de asumir os seus fracasos e insistindo na manipulación para continuar na persecución dos seus obxectivos (que en realidade son os de non tocar coa súa fraxilidade e necesidade de comunidade). O resto de intérpretes pasan por un calidoscopio de personaxes de amplísimo rango con habilidade e gran destreza. Esther López manexa os elementos da comicididade con soltura, aproveitando o exceso dos seus personaxes para sacarlles partido. Aitor Galisteo-Rocher manexa un torrente de voz que percorre todo o patio de butacas, como na súa incorporación de galo ou a maxistral nai-pomba. Igualmente, aproveita a súa corporalidade para ofrecer contrastes nos seus personaxes dende o físico, sen perder o ollo do que funciona na platea, do que tira proveito (como no seu xuíz ou, especialmente, como Democracia). Xavi Francés, do mesmo xeito, utiliza a súa feitura física para traballar a corporalidade específica do personaxe dende o comezo, como a bubela tatexa do comezo ou o cura que chega á cidade das aves para propoñer un contrato de uso sexual sobre dos paxaros.

En fin, unha peza de teatro político aceda e corrosiva, unha comedia existosamente resolta, na que o mesmo Aristófanes botaría unhas boas risas, sabendo o pouco que temos cambiado dende os seus tempos.

Las aves, La Calòrica

Dramaturxia: Joan Yago
Dirección: Israel Solà
Escenografía, Vestiario e Iluminación: Albert Pascual
Espazo sonoro: Guillérm Rodríguez, coa colaboración de Arnau Vallvé
Caracterización: Anna Rosillo
Intérpretes: Xavi Francés, Aitor Galisteo-Rocher, Esther López e Marc Rius
Fotografía: Anna Fàbrega

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 16 de xullo de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alma de tigre © Vanessa Rabade 2 |

A Agadic impulsa os novos espectáculos de 28 compañías a través das súas axudas á creación

Programación MIT de Ribadavia

A xornada de clausura da 38ª MIT de Ribadavia céntrase na memoria e no encontro interxeracional