in

Si fuese una película

O “se fose” de Stanislavski polo método Recuerda Shepherd

Foto: Macarena Recuerda.

Os espectáculos de Macarena sempre van alén de calquera previsión. En todo o que lle teño visto sempre me sorprende. Consegue fascinar ao mesmo tempo que investiga e transita polos lindes da danza, do teatro, das artes do movemento. Penso que, ademais, as súas propostas tamén sempre implican unha certa dimensión meta-teatral, unha reflexión práctica sobre os modos, formas e discursos artísticos.

Neste caso o espectáculo é a mímese sonora dunha historia cinematográfica, que imos imaxinar a partir das accións sonoras realizadas en directo diante de nós. Curiosa proposta posdramática, que utiliza o concepto da imitación/representación/mímese propia do modo dramático de raíz aristotélica, aplicada á imitación ou representación de escenas sonoras (sen palabras).

E, ao mesmo tempo, a teoría de O espazo baleiro de Peter Brook, segundo a cal, entre outras cousas, o emprego de obxectos neutros, mediante a acción, estimula a nosa imaxinación para recrear escenas, por exemplo, un pau é transformado, pola actuación, nun cabalo ou nunha espada imaxinarios. Así que aquí trataríase de “O espazo silencioso” de Macarena Recuerda, estimulando a nosa imaxinación a través dunha actuación que activa diversos obxectos, para producir sons cos que podemos recrear escenas dramáticas: un paseo polo bosque, a entrada nunha cova ou nun lugar misterioso, unha persecución perigosa, unha pelexa, e outras aventuras, como nun filme de acción.

Ademais, Si fuese una película tamén nos leva ao “Se” máxico de Stanislavski, ás situacións dramáticas subxuntivas do “se fose”, nese desdobre entre o que somos e onde estamos e o exercicio de imaxinar situacións extra-ordinarias ou de ficción.

Si fuese una película sería a que nós poidamos realizar na nosa imaxinación, a partir do universo sonoro xerado diante dos nosos ollos. Aí, o dispositivo escénico e o escenario, como laboratorio de operacións artísticas, funcionan nunha dimensión laboral e artesanal, que nos encanta e nos concentra en todas esas actividades coas que Macarena e George Marinov recrean/representan, sonoramente, escenas dun hipotético filme. Iso contrasta co nivel ficcional que imaxinamos, dándose, deste xeito, un desdobre entre a materialidade e a fisicalidade da acción escénica e a fantasía que se representa na pantalla da nosa imaxinación. Sen dúbida, un exercicio fascinante onde o sensorial se potencia e nos demostra a súa elocuencia.

Unha maneira lúdica de espertar os nosos adormecidos sentidos, nesta época na que a IA (Intelixencia Artificial) e o mundo dixital parecen tender a atrofiárnolos, ofrecéndonos a posibilidade de resolvernos e substituír a nosa creatividade.

Especial mención para o inicio, con todas as persoas ouvindo nos auriculares, en murmurios, unha conversa de dúas espectadoras especulando sobre o que imos ver. Iso de que estas propostas “vangardistas” non hai quen as entenda, pero a ver se, polo menos, resulta divertido ou entretido e que, polo demais, como adoitan ter pouco ou nada que contar, sempre queda o consolo de que, seguramente, non vai durar moito, porque esta xente da escena contemporánea, ademais, non son de moito esforzarse e traballar… (parafraseo desde a lembranza do que escoitei no comezo). Bendito humor e ironía para unha especie de prólogo, que tamén podería ser unha “captatio benevolentiae” cómica. Un murmurar que resume moi ben o “sambenito” que pesa sobre as teatralidades posdramáticas ou iso que tamén chamamos creación contemporánea.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Si fuese una película

Concepto: Macarena Recuerda Shepherd

Intérpretes: George Marinov e Macarena Recuerda

Colaboración: Idurre Arriola e Irantzu Azpeitia

Produción de son: Alberto de la Hoz

Iluminación: George Marinov

Asesoramento coreográfico e vestiario: Jorge Dutor

Música: La Bravo & Gydeon

Produción: Macarena Recuerda Shepherd, Antic Teatre e Goberno Vasco

Residencias: Gernikako Udala, El Graner (BCN), Aulestiko Udala, Zornotzako Udala, Bilboko Udala, Teatro Ensalle (Vigo) e La Mutant (Valencia)

Teatro Ensalle, Vigo, 27 de abril de 2025.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle de A Artística, na 3ª edición de Escora Danza 2024. Foto: Carlota Mosquera.

A cuarta edición de Escora Danza desenvolverase entre o 25 de maio e o 8 de xuño

Cry Why

Cry Why