O Teatro Colón da Coruña acollerá o venres 23 de maio, ás 20.00 horas, a estrea de Sophie non é o meu nome de guerra, espectáculo de Redrum Teatro a partir do texto homónimo de Roberto Pascual. Con esta peza Pascual acadou en 2021 o Premio Rafael Dieste, certame convocado de forma bienal pola Deputación da Coruña, quen financia tamén a montaxe. O espectáculo traza na escena “unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña, un duro periplo vital no que a protagonista, Sophie, se enfronta á violencia da trata das mulleres, ás restritivas políticas migratorias e á hostilidade que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que arrodea as mulleres migrantes”, tal e como o explicou a directora do espectáculo, Laura Míguez, na presentación do espectáculo. Míguez definiu a montaxe como “unha proposta de concienciación” fronte á trata de mulleres e como unha vía artística para “visibilizar a inmigración forzada”.

A historia de Sophie “é unha historia individual, pero forma parte dun macrorrelato colectivo que debe funcionar contra os discursos de odio e contra o racismo”, expresou, e a obra pon deste xeito o foco na migración forzosa, na trata de mulleres e na explotación, tanto sexual como laboral. Mais o grande obxectivo da montaxe non é transmitir é crueza da historia, senón “esperar a empatía do público para representar unha muller, non unha vítima”. Porque malia a dureza deste relato, hai marxe para a esperanza na medida en que a montaxe procura ser, como engadiu a directora “un alento para que persoas como Sophie acaben contando a súa historia”, xa que considera fundamental “que a historia das mulleres negras sexa contada por elas”, apuntou Míguez, quen confesou tamén ser moi consciente de que esta “é unha historia que non lle pertence, unha historia que colle prestada” e á que se achega “con todo o respecto” e sen esquecer que ela é “unha muller branca, privilexiada, nada en Ourense en 1987”.

Na montaxe, que conta cun elenco formado polas actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin, Redrum Teatro procura “rachar coa invisibilidade de mulleres reais que non habitan só nas obras de teatro, nas películas ou nos xornais, senón que viven nos nosos edificios, nas nosas cidades e que, en definitiva, son parte da nosa comunidade”. O equipo conta tamén con Atenea García na axudantía de dirección, As Dúas e Punto na iluminación e na escenografía, Mounqup no espazo sonoro; Ousseynou Gueye na confección de vestiario, Mariel Teixeira González na dirección de movemento e Judith Adataberna nas videocreacións.
Ao longo da obra, dividida en doce cadros, desvelarase a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de achegarnos ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña.

Unha viaxe transformadora
Na presentación do espectáculo Roberto Pascual definiu a obra como “unha viaxe transformadora, vital, persoal e xeográfica” na que a aproximación á “diversidade cultural, tanto a do punto de partida como a do lugar de destino” xoga un papel esencial. Pascual, quen se estreou na dramaturxia con este texto, tamén coincidiu con Míguez na importancia de achegarse cuns “claros principios éticos” a unha historia coma esta. O autor, durante o seu proceso de creación, tampouco quixo perder de vista que é “un home branco, consciente dos seus privilexios” para emprender a escrita desta peza que ten como meta “falar de historias ocultas”. Precisamente, explicou que estas “serven para abordar o noso presente e a nosa realidade”.

A compañía
Redrum Teatro é unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e á edición de libros infantís constituída en 2009. Dende a súa creación, Redrum levou á escena unha vintena de espectáculo. Entre as súas montaxes, atópanse obras como A pensión, A canción do elefante, Invisibles, Hamelin ou O pequeno poni. No ámbito das montaxes para o público infantil, algúns dos espectáculos que puxeron en escena foron A nena que quería navegar, Roedores ou, máis recentemente, Os contos do Lobicán, espectáculo estreado a finais de 2024 e gañador do Premio María Casares ao mellor espectáculo de monicreques.