in , ,

O Teatro Gorrilla celebra unha nova edición

Esta tarde, no barrio vigués de Churruca

Desconfigurando o xénero, de Daniel Lezso. Imaxe de Daniela Domínguez.
Daniel Leszo. Imaxe de Daniela Domínguez.

Esta tarde os bares do barrio vigués de Churruca volven converterse en salas, grazas ao Teatro Gorrilla, para acoller tres propostas escénicas en tres espazos diferentes, co gallo do Día das Letras Galegas. As funcións comezan ás 19.00 horas no Tinta Negra (rúa dos Irmandiños, 2); continúa ás 20.00 horas na Casa de Arriba (rúa Martín Códax, 23); e ás 21.30 horas trasládase ao Arco da Vella (rúa Churruca,2).

As artistas

Daniel Lezso chegará dende Santiago de Compostela para traer ao Gorrilla o seu espectáculo de danza Meu Rei,  “que esvaece a concepción de xénero empregando o espazo como lenzo e a súa corporalidade como artefacto executor”. A peza “explora as distintas formas de expresión dende unha conciencia aberta a ocupar novos lugares; constrúe novas relacións coa súa anatomía, reconquistando os espazos colonizados pola visión do sistema cisheteropatriarcal”, e naceu” na profundidade dun sentimento escuro coa necesidade de purgar a toxicidade acumulada nun corpo maltratado pola imaxe allea”.

O movemento físico da proposta “retrata unha distorsión do ‘ser home/muller’ que dialoga coa contrariedade de “ser/existir” fóra da predisposición social”. Presenta “unha metamorfose escura do ser e, ao mesmo tempo, encarna un prisma que salvagarda as emocións e a identidade alén do espectro de xénero”.

Nu.Eva e Raquel Ferradás combinarán música e danza xogando á improvisación nunha sinerxía única e especial. Eva Comesaña, tamén coñecida como Nu.Eva, é bailarina e DJ e xunto á bailarina Raquel Ferradás crearán unha improvisación en torno á música que Eva irá compoñendo no momento e Raquel tomará como fío para danzar e xerar unha atmosfera única.


Publicidade

Ademais, Boreada Teatro, compañía de teatro cómico e contemporáneo formada pola actriz Andrea Pico e a dramaturga Diana Longa, presentará a súa peza A vaca mirando ao mar. Nesta ocasión as intérpretes serán Sandra Nufi e Andrea Pico, e na dirección e dramaturxia está Diana Longa.

A organización non desvelou cal vai ser a orde e o espazo de presentación de cada proxecto, para incentivar que o público vaia a todos. Ademais, a entrada aos espectáculos será inversa. Ao saír o público fará unha achega monetaria, valorando por si mesmo o traballo das artistas e organización, aínda que a organización do Teatro Gorrilla recomenda un mínimo por cada peza de 4 euros.

O proxecto

Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, e que pretende “transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian a arte a través de múltiples concertos”, por iso, queren que as artes escénicas tamén “teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes de Galicia”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AB 2025 horizontal reducida

As residencias Atopémonos Bailando 2025 dan a coñecer os proxectos seleccionados

Sophie non é o meu nome de guerra 1

Redrum Teatro estrea ‘Sophie non é o meu nome de guerra’