in

Sigue buscando

sigue buscando |

O teatro baleiro á procura dos corpos

| Roi Vidal Ponte

Sigue Buscando

 

A ninguén se lle escapa que o teatro galego se divide entre quen pensa que hai que facer un teatro posdramático para conectar cun público novo e quen opina que esas pallas mentais son propias dunha elite de modernos urbanitas e que o que hai que facer é o teatro de toda a vida. Algúns resistimos no centro deste debate mudo, co único desexo de que o choque sexa cada vez máis forte e dea paso a unha definitiva normalización teatral que forneza os escenarios do mellor de cada unhas das dúas tendencias.

Por sorte, dun tempo a esta parte, grupos que se orientan cara a estética do teatro posdramático veñen realizando propostas nas que o formalismo, a abstracción e o exceso de intelectualidade dan paso a unha enunciación clara e interesante. Unha delas é Funboa Escénica, que con esta Sigue buscando toca un dos temas máis queridos e necesarios dos discursos artísticos actuais: o fracaso.

Publicidade

A autoparodia e a aceda ironía coa que Cristina Balboa e Estevo Azañón amosan os seus fracasos persoais acada as máis altas cotas de xenialidade artística con momentos inesquecibles: a maquillaxe e o vestiario iluminados pola luz negra, o recordo dunha escena que nunca máis volverá saír tan ben, o uso do espazo sonoro como recurso denso e central apto para substituír as carencias orzamentarias.

A peza desenvólvese como un espectáculo de cabaret no que os intérpretes, no canto de lles cuspir insultos ao público, utilizan as súas propias miserias. E aínda así os señores de bigote que sentamos na butaca sentimos que non deberiamos rir tanto deles, polo efecto rebote.

Alén da temática, o espectáculo sorprende polas súas descubertas formais, que acaban por nos convencer de que se cadra non estabamos tan lonxe do éxito. Momentazo: o escenario baleiro, e a mirada dos mestres de cerimonias detrás de nós, obrigándonos a enfocar, como se fósemos cámaras, iso que está ante nós e que non é máis que un espazo baleiro e que chamamos teatro.

Para alixeirar, algúns números musicais ben dosificados animan o ambiente. Outros números, máis tirando cara ao circense, deixan que Azañón e Balboa amosen a súa valía actoral. Mais estes non abundan, e a peza, ao final, fracasa na concreción corporal, interpretativa, dunhas actuacións que parten dunha concepción teatral absolutamente orixinal, clarividente e renovadora, mais que por veces fican no puro concepto.

Como se lles chegase coa idea, non acaban de escenificar dunha maneira totalmente convincente aquilo que contan. Demostran que o de facer que non se actúa non é tan fácil. Que aínda que reflexo, o teatro non é a vida. Que mesmo sen actuar, o escenario (ese cabrón baleiro) esixe sempre dunha fisicidade, dunha presenza, dunha maneira de facer e de dicir, dun certo aquel (propio d@s mellores intérpretes do teatro de toda a vida) contundente, verdadeiro, concreto, poderoso, impoñente… (sigo buscando?) que non destaca pola súa abundancia no teatro posdramático de noso.

 

Sigue buscando de Funboa escénica
Dirección: Cristina Balboa
Creación e interpretación: Estevo Azañón e Cristina Balboa
Espazo sonoro: Iago Seoane e Joel Fontán
Espazo escénico, vestiario e maquillaxe: Funboa Escénica
Iluminación e asesoramento coreográfico: Paulina Funes
Deseño gráfico: Paulina Funes e Cristina Balboa
Vídeo: Iago Seoane e Cristina Balboa

Sála Ingrávida, Porriño, 15 de agosto, 2014

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatro saca |

Peor imposible

go on |

Go on!