Crítica

Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena

A insurrección dos inocentes

| Manuel Xestoso |
| Foto: Rubén Vilanova / Pistacatro |

 

Un dos maiores logros de Arnoia, Arnoia é ensamblar os xéneros de tal xeito que moitos espectadores sairán da función sen decatarse de que viron un espectáculo circense. Non se quere dicir con isto que o circo deba subordinarse ás outras variantes das artes escénicas, senón que a súa ensamblaxe co teatro case sempre vén pexada pola dificultade en abandonar o principio do “máis difícil aínda”, que tende a concentrar a atención en detrimento dos elementos propios dunha narrativa máis convencional.

Pistacatro leva tempo dando pasos nesa complicada aliaxe: Outono xa era unha excelente mostra dese prurito de desenvolver unha historia a través dos recursos propios das artes circenses, pero sen dúbida é nesta versión da novela de Ferrín onde se logra plenamente crear unha peza teatral que resolve o narrativo mediante solucións características do circo. E o que é máis interesante: sen renunciar a particular poesía que o propio xénero posúe.

O universo ferriniano, por outra banda, propicia que o extraordinario circense se confabule co extraordinario novelesco, dando lugar a un desfile de situacións que permiten seguir a peripecia de Nmógadah como unha viaxe iniciática: a toma de consciencia das iniquidades da idade adulta sen que a inocencia ceda ante os agravios dun mundo declaradamente hostil.

O humor, a destreza acrobática e as referencias a un particular ámbito xuvenil composto de música, cómics e videoxogos complementan con intelixencia o mundo fabuloso do relato orixinal, creando un imaxinario onde conviven a crítica social e a extravagancia quimérica, a reclamación de xustiza e a reivindicación da fantasía: probablemente coma en calquera mente adolescente onde aínda caben a percepción nítida da realidade e o proxecto visionario da súa transformación.

Ningún proxecto tan revolucionario coma unha adolescencia contestataria, e talvez haxa que ler este espectáculo, precisamente, como un chamamento a recuperar esa forza da inxenuidade aldraxada que desemboca na insurrección ante o asoballamento: detrás dos castróns parlantes, as razas exóticas e os encantamentos estrambóticos adiviñamos a inxustiza dun universo perfectamente recoñecible que non concirne só á mocidade. Quico Cadaval reivindica a pista como reflexo especular da realidade apoiándose en Ferrín, igual que xa o fixera apoiándose en Cunqueiro. E, curiosamente, os paralelismos son rechamantes.

Iluminado e producido con delicadeza, hai en Arnoia, Arnoia humor e emoción, unha eficacia que foxe do virtuosismo e un sentido do movemento medido e competente que lle poñen o marco adecuado á acción. Hai que destacar a polivalencia dos intérpretes, que deben desdobrarse en múltiples papeis e, aínda así, logran que o marabilloso se integre na trama con naturalidade e elegancia: a cuadratura do circo.

 

Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, baseado na obra homónima de X. L. Méndez Ferrín.

Dirección: Quico Cadaval
Elenco: Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo, Beatriz Rubio
Produción: Belém Brandido / José Expósito
Escenografía/Iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Carlos Alonso
Axudante de dirección: Marcos Ptt Carballido, Clara Gayo
Música: Xurxo Pinheiro
Fotografía: Rubén Vilanova
Deseño imaxe: Juan Gallego
Produción: Pistacatro, en coprodución co CDG.

Salón Teatro. Santiago de Compostela. 19 de outubro de 2018.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

1 comentario

Concordo coa crítica, e engado: un detalle que deslucía un pouco o resultado era a pouca calidade das locucións de audio. Tanto pola mala gravación en si como pola dicción do locutor. Polo demais, unha delicia de obra.

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos