in

Rolda Internacional: 27 / 05 / 2019

MolieresGiletsJaunes |

A Ópera Nacional de Hungría estreou unha versión de Porgy & Bess cun elenco formado por persoas de raza branca. Os herdeiros de George Gershwin denuncian a falta de respecto polas indicacións do compositor, que indicaba que a ópera debía ser interpretada por cantantes negros.

O pasado ano, a Ópera de Budapest suspendeu o musical Billy Elliot tras unha campaña homófoba que aseguraba que a obra “incitaba á homosexualidade” á mocidade. A campaña foi iniciada por un medio de comunicación próximo ao goberno de Viktor Orbán.

A dirección da Ópera Nacional húngara non dubida en presentar o seu programa como unha oda aos valores cristiáns, en harmonía coa opinión de Orbán, que cre que estes deben volver a “dominar o espazo da liberdade de expresión”.

Publicidade

 


Na segunda edición do Premio Château de Versailles ao mellor libro de historia, o xurado –presidido por Catherine Pégard, presidenta do establecemento público do castelo– reuniuse o mércores 22 de maio 2019 no Palacio de Versalles, para designar o gañador de 2019: a biografía Molière, de Georges Forestier, publicado por Gallimard.

O Premio Château de Versailles ao libro de historia, creado en 2018, pretende apoiar e mellorar a produción editorial da investigación histórica. Para ser premiado, o traballo debe estar encadrado no marco cronolóxico do século XVII ao XVIII, e pode referirse a Francia ou a calquera outro país.

 


O día 21 entregáronse no Teatro Bolshoi de Moscova os Premios Benois de la Danse, os máis importantes da mundo da danza clásica. O premio ao mellor director de escena foi para o británico John MacFarlan, pola versión de O lago dos cisnes dirixida para o Royal Ballet do Reino Unido. O premio ao Mellor Bailarín tamén saíu deste espectáculo: foi para o ruso Vadim Muntagirov, polo seu papel de Siegfried.

O premio á Mellor Bailarina foi compartido pola estadounidense Ashley Bouder –pola súa interpretación de Swanilda no Coppelia do New York City Ballet– e a mexicana Elisa Carrillo –polo seu papel de Xulieta no Romeo e Xulieta do Ballet Estatal de Berlín. O premio ao Mellor Coreógrafo foi tamén compartido entre o sueco Fredrik Benke Rydman, por Dúo cun robot industrial (Stockholm City Theatre) e o alemán Christian Shpuk, por Viaxe de inverno (Ballet de Zúric).

O premio ao conxunto dunha traxectoria foi para Jiri Kylian e o premio especial “Benois-Massine”, para a primeira bailarina do Ballet de Hamburgo, Anne Lauder.

 


O día 13 de maio entregáronse os Premios Molière, os principais galardóns do teatro francés. Nun palmarés cheo de sorpresas, destacan algunhas obras como a montaxe de Noite de Reis dirixida por Thomas Ostermeier, que gañou o Premio á Mellor Obra dun Teatro Público.

Publicidade

La Machine de Turing, de Benoît Solès, acadou catro premios: Mellor Espectáculo dun Teatro Privado, Mellor Director (Tristan Petitgirard) e Mellor Actor e Mellor Autor Francés Vivo para Benoît Solès, que se converteu na grande estrela da noite.

Contra todo prognóstico, Mathilda May superou a Ostermeier e gañou o Molière á Mellor Directora (Teatro Público) por Le Banquet, unha obra que describe unha festa sen palabras, só con onomatopeas corais e soliloquios a base de borborigmos.

A mellor actriz foi Marina Foïs polo seu papel en Les idoles, de Christophe Honoré, e François Morel foi galardoado co Molière ao mellor actor por J’ai des doutes, a súa formidable homenaxe a Raymond Devos. O Premio á Mellor Creación Visual foi para Chapitre XIII, de Sébastien Azzopardi et Sacha Danino, dirixida por Azzopardi.

Os gilets jaunes interromperon varios minutos a cerimonia para denunciar os retallos orzamentais diante de Frank Riester, Ministro da Cultura, presente na sala. Cando a gala acababa de comezar, ocuparon o escenario para denunciar os recortes e entregarlle ao ministro un “Molière de deshonra”. A velada, celebrada no Folies Bergère de París, emitiuse en diferido por France2 sen esta irrupción dos manifestantes.

 


Romeo Castellucci estreou nos EEUU Democracy in America, baseado na obra de Tocqueville. A crítica non acolleu con agrado a nova montaxe do director italiano, á que, en xeral, se acusa de falta de conexión coa realidade contemporánea americana. Castellucci, que gañou o eloxio unánime de crítica e público coa estrea da súa versión Salomé no Festival de Salzburgo, foi acusado desta vez de non saber reflectir de xeito dramatúrxico as ideas que pretende expresar.

Na vindeira edición fo Festival de Aix-en-Provence, en xullo, Castellucci presentará un espectáculo sobre a música do Requiem de Mozart.

 


Faleceu Antunes Filho, gran renovador do teatro brasileiro contemporáneo. O seu nome pasou a ser lendario tras a adaptación que fixo de Macunaíma, e a súa influencia foi notoria en numerosos directores novos do Brasil.

Antunes Filho pertenceu á primeira xeración de directores brasileiros, descendentes dos directores do Teatro brasileiro de comedia (TBC), onde comezou como asistente de dirección en 1952 e do que despois se afastou. Participou activamente no movemento de renovación escénica que se produciu no Brasil durante a década de 1960 e 1970, os anos da ditadura militar.

Dirixiu o grupo Macunaíma –que adoptou o nome da peza homónima– creando varias adaptacións de textos de Nelson Rodrigues, ademais de Trono de sangue, a partir do Macbeth de Shakespeare, así como a versión de Romeo e Xulieta, con banda sonora dos Beatles, en 1984, un espectáculo que marcou a escena teatral brasileira da época.

 


O director británico Peter Brook foi galardoado co Premio Princesa de Asturias para as Artes en 2019. O xurado encargado de outorgar o premio anunciaba na acta: “Mestre de xeracións e considerado o mellor director de teatro do século XX, Brook é un dos grandes renovadores das artes escénicas, con montaxes de alto compromiso estético e social, como Marat-Sade e Mahabharata. Peter Brook abriu novos horizontes á dramaturxia contemporánea, contribuíndo decisivamente ao intercambio de coñecemento entre culturas tan diversas como a de Europa, África e Asia. Brook segue emocionando de xeito intenso a través de postas en escena de gran pureza e sinxeleza, fiel ao seu concepto de “espazo baleiro”.

 


Fairview, de Jackie Sibblies Drury, foi a obra gañadora do Premio Pulitzer na categoría de Drama. O xurado define a obra como “un drama que examina a cuestión racial nunha estrutura en capas altamente conceptual” e que leva a “enfrontar prexuízos moi asentados”.

Fairview, que tamén gañou o Premio Susan Smith Blackburn 2019, estreouse no Soho Repertory nunha coprodución co Berkeley Repertory Theatre en 2018. A produción volverá ser montada no Brooklyn’s Theatre do 2 ao 30 de xuño.

O Premio Pulitzer foi creado en 1917 por Joseph Pulitzer e recoñece os logros en xornalismo, literatura, drama e música. O premio é administrado pola Universidade de Columbia.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LaStradaMarioGas |

Afundación presenta a súa tempada de outono en Vigo

TeatroPrincipal |

Máis de 150 profesionais acudirán a Galicia Escena Pro