No confín de… Roberto Leal

Actor, director e docente, Roberto Leal veu do seu Bos Aires natal a Compostela e, desde hai anos, é un dos intérpretes máis recoñecidos da escena e do audiovisual galegos. Matarile Teatro, Voadora ou Teatro e Punto son algunhas das compañías coas que ten traballado. Estaba a piques de estrear O mozo da última fila, adaptación da peza de Juan Mayorga, con Redrum Teatro. Actualmente podemos velo na segunda temporada do thriller televisivo O sabor das margaridas. | Foto: Corsino |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Sobre a mesa de noite non teño libros. Hai moito tempo que non leo na cama, prefiro o sofá ou a terraza. Agora mesmo estou con catro á vez: uns textos de musicais breves de Kado Kostzer, autor de teatro arxentino; as obras de teatro de Joaquín Calvo Sotelo, porque non sei moi ben de onde saíu un libro del que andaba pola casa e púidome a curiosidade. Revolve un pouco as tripas a ideoloxía, pero están moi ben dialogadas e teñen uns personaxes absolutamente delirantes. Tamén estou lendo un epistolario de Don Ramón (Valle-Inclán) –moi ben explicado por Hormigón– e un libriño de relatos eróticos de Barbey d’Aurevilly que non erotizan a ninguén…

A túa banda sonora destes días.

Manéxome con estraños xogos na miña vida diaria. Un deles é escoitar toda a música que teño en base a unha orde aleatoria e marcada por unha serie de normas que trato de cumprir con dilixencia. Nestes días tocan Los Cinco Latinos (subidón total), a Jurado, Sinatra (sempre), e La Traviata interpretada pola Callas…

O último filme que te impresionou.

Antonte volvín ver The Godfather e… meu Deus! Ese señor Brando volveu impresionarme…

A obra de arte na que te perderías agora.

Agora mesmo, de cabeza no Xardín das Delicias de El Bosco.

A peza que che gustaría interpretar.

As dúas que quedaron postergadas por este virus tan anunciado e tan improbable: O mozo da última fila de Juan Mayorga con Redrum Teatro e a reposición, despois de dez anos, de De nuevo ante ti, fascinado, con Daniel Abreu.

E sempre, calquera musical de Stephen Sondheim… “Send in the clowns…”

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Sería un viño, pero con xente da miña historia: mamá, Ramón, meu pai, Magdalena…

Se non foses home de teatro, serías…

Cociñeiro ou auxiliar de voo (vaia, azafato). E Cantante. Si, cantante de tangos, boleros e rancheiras. Todos moi dramáticos e moi arrastrados….

Por alborotar tu pelo negroooooo
entre mis sábanas calientes
y beber el dulce y el amargo
de mis labios impacienteeeeees…

Deixar unha resposta