in

Illas desertas

Imaxe de Xisela Franco

ou a mecánica poética

Comezou xa a programación teatral de Vigocultura no Auditorio do Concello de Vigo e para a súa tempada de 2022 abriu as súas portas con teatro e animación de rúa (The Wolves de La Fam Teatre), comedia (Turistas de Meridional Producciones), teatro de monicreques (Cris, pequeña valiente de Espejo Negro) ou teatro multimedia ( de Artesa Cía). Como vemos, un amplo abano de xéneros, estilos, linguaxes e feituras que se manterán ata o remate da tempada, onde ademais poderemos atender a varias estreas mundiais.

Illas desertas é o novo espectáculo da compañía tudense Artesa Cía. Fundada en Nova York pola actriz Laura Villaverde e o artista Roi Fernández, conta agora nas súas filas tamén con Héctor Pazos (músico e iluminador) e Susana Méndez (técnica multimedia), e son xs catro xs que poñen en pé esta peza onde a poética se mestura coa tecnoloxía de última xeración e as novas linguaxes de comunicación.

PUBLICIDADE

Artesa Cía autodefínese como “unha compañía transmedia” e o emprego dos media é algo no que se manexan con soltura, integrando diversas tecnoloxías na construción dos seus espectáculos.

Así o puidemos ver en pezas previas como Balor (2013) co uso do cinema en directo e a videocreación, ou en Chola, a It Girl (2016) co emprego do videomapping. Agora, en Illas desertas afondan e mesturan estas técnicas co teatro documento e a comunicación dixital en directo.

Illas desertas é unha singradura. A través das historias de Amelia Earhart e Ernest Shackleton, iremos facendo parada en diversas illas desertas, co propósito de que naveguemos cara á nosa propia illa, xa que todxs somos illas, sendo o deserto a nosa falta de humanidade e o remedio, a comunicación. Earhart foi unha piloto pioneira que desapareceu xunto co seu avión cando estaba a dar a volta ao mundo en avión. Shackleton, o primeiro explorador en pretender cruzar a pé a Antártida. Da primeira dise que puido estrelar o seu avión nunha illa no medio do océano Pacífico e mesmo sobrevivir nesa illa por algún tempo. Do segundo, sabemos da súa obsesión polo Polo Sur, onde remataría morrendo logo de varias expedicións de diversa fortuna.

PUBLICIDADE

As historias mestúranse nunha conversa dialóxica que traspasa ao público, grazas ao emprego da tecnoloxía móbil e á interacción que a través dunha app poden ter dende a escena co patio de butacas. Esta é (polo menos para min) unha experiencia novidosa que Artesa Cía aproveita de diversos xeitos: para inserir máis información, para relacionarse coa xente que atende á función e mesmo para xerar interacción entre as persoas que estamos sentadas nas nosas butacas.

Así, por unha banda, pídesenos a novidade de manter os nosos teléfonos acesos e con son, algo inusual no teatro, e coa app aberta, de xeito que dende a mesa de mando poidan enviarnos mensaxes e peticións. Un exemplo son os audios cos que aumentan a información que ofrece a peza, xerando un mar de sonoridade dende o patio de butacas que inunda toda a sala.

Do mesmo xeito, un código de cores, divido en catro grupos polo conxunto de espectadorxs, fai que a escuridade se encha de luces verdes, moradas, amarelas e azuis. Así é como se pide outra colaboración do público, repetindo frases ou contestando a certas preguntas que nos axudan a avanzar na nosa viaxe.

Se cadra o intre máis perigoso para min sexa cando se nos convida a interactuar cxs nosxs veciñxs de butaca. O feito de pedirnos que nos presentemos e contemos (se cadra a unha persoa estraña) unha certa anécdota vital, pertinente sen dúbida para a singradura que estamos a facer, pode provocar que o foco de atención cambie da escena para a butaca, centrada agora nun intre de intimidade, e que teñamos que esforzarnos por saír de aí para volver ao espectáculo.

Estes intres son aproveitados polxs membros da compañía para realizar os cambios pertinentes no escenario, que non son poucos nin doados, debido á inxente cantidade de material, plástico e técnico, empregado para a composición escénica.

Con todo, os momentos de interacción co público resultan dinámicos e refrescantes, enchidos ademais da mesma poética visual que impregna toda a peza, grazas ás construcións plásticas dxs intérpretes (Laura Villaverde e Roi Fernández), á interacción coa música en vivo e á coidada iluminación (ámbalas dúas realizadas por Héctor Pazos), que deixa estampas tan fermosas como a posibilidade de vivir unha aurora boreal grazas a un plástico que flota no aire, asistir ao emerxer da Illa das Flores construída sobre un corpo de muller ou participar dunha conversa entre pingüíns metafísicos.

Artesa Cía mestura con delicadeza a poesía visual co emprego dunha técnica posta ao servizo da da interacción, facendo que o público suba os chanzos que o separan do escenario sen sequera erguerse do seu asento.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Illas desertas, de Artesa Cía

Na escena: Laura Villaverde, Roi Fernández, Héctor Pazos e Susana Méndez

Dirección e dramaturxia: Laura Villaverde e Roi Fernández

Control técnico en directo: Susana Méndez

Coreografía: Artesa Cía

Iluminación: Héctor Pazos

Vestiario e escenografía: Esther Quintas e Artesa Cía

Produción: Laura Villaverde

Fotografía: Álex Sobrino, Xisela Franco e Pedro Tizón

Videocreación e Cinema en directo: Roi Fernández

Espazo sonoro: Roi Fernández e Héctor Pazos

Música ao vivo: Héctor Pazos

Texto: Sebastián Álvaro e Artesa Cía

Colaboración tecnolóxica: La Fura dels Baus

 

Auditorio do Concello de Vigo. 11 de febreiro de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Alumno da ESAD de Galicia. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a un/he mesmx. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos co blog Praza Pública.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará

GIPHY App Key not set. Please check settings

    O porco de pe

    Producións Teatrais Excéntricas estrea ‘O porco de pé’, a partir do texto de Vicente Risco

    'Ningún hombre me llevará a la cumbre' de Celeste González

    ‘Ningún hombre me llevará a la cumbre’ Releitura queer um ano depois