in

O peso do Nadal

Candeeiro do Teatro Diogo Bernardes. Foto: Afonso Becerra.
Candeeiro do Teatro Diogo Bernardes. Foto: Afonso Becerra.

O Nadal pesa e sae caro. Sabémolo ben quen vivimos no centro de Vigo e cando se achegan as fins de semana, a ponte de decembro ou algún festivo, nos encontramos sitiados, con dificultade para entrar ou saír co coche e até para camiñar e facer os recados máis básicos. O primeiro venres despois do acendido dos máis de 11 millóns de leds que alumean clixés de Nadal na miña cidade, pasei máis dunha hora co meu coche nun atasco máis monumental que o alumeado, dentro dos túneles de Beiramar, cando viña das aulas de Belas Artes en Pontevedra. Tiña ensaio co grupo de teatro do Centro Cultural Portugués do Camões, pero non conseguín chegar. Desde a entrada en Vigo pola AP9 até á Praza da Ribeira do Berbés pasei máis do que me leva, nun día “normal”, facer a viaxe Vigo – A Coruña ou Vigo – O Porto.

Ese mesmo día, cando estaba detido na saída do túnel, fun testemuña da alarma que xerou unha ambulancia que ficou atrapada no medio de autobuses e coches en dirección ao Centro Comercial a Laxe. Ese día, en todo o traxecto, non vin ningún axente para o control do tráfico e viviuse un caos que, para unha situación de emerxencia, facía do centro da cidade unha especie de ratoeira.

Este venres da ponte de comezos de decembro, en canto vin que comezaban a amorearse autobuses e coches, bloqueando as rotondas do porto e da Laxe, chamei á policía local  e un axente moi amable informoume que estaban a facer canto podían, cortando o tránsito en zonas estratéxicas para evitar eses atascos.

Todo isto que acabo de relatar sucintamente non é opinión, é só descrición de feitos.

Como falar deste tema sen que este artigo pareza partidista, nun momento de polarizacións no que ou estás comigo ou estás contra min?

As maiorías absolutas poñen nas mans dos gobernantes a potestade para decidir unilateralmente o que cren mellor ou o que máis lles convén, sen necesidade de negociar nin pactar con representantes doutros pareceres e ideas políticas. Iso fai que, na miña opinión, a democracia se resinta, porque fica unha boa parte do pobo, da cidadanía, sen ser respectada ou ouvida.


Publicidade

De repente, parece que os nosos gobernantes deciden que o futuro para a nosa xuventude está na hostalaría, na restauración, no sector hoteleiro e nos sectores que pivotan ao servizo do turismo. Aos hoteis, restaurantes e bares vailles moi ben e eu alégrome. Pero que acontece co sector da cultura e das artes escénicas, por exemplo? Cal é a aposta?

Esta fin de semana escapei a Ponte de Lima, una vila do norte de Portugal duns tres mil habitantes, fronte aos trescentos mil de Vigo, que ten un teatro municipal, o Teatro Diogo Bernardes cunha programación envexable, para ver dúas pezas de Bernardo Santareno, unha o venres e outra o sábado, A Promessa e O Pecado de João Agonia pola compañía Assédio Teatro, dirixida por João Cardoso. O domingo vou ao Teatro Sá de Miranda para ver o último espectáculo de Sara Barros Leitão: Guião para um Pais Possível, que comeza ás 16h. – hora portuguesa – e despois, se as luces de Nadal de Vigo mo permiten, chegarei ao Teatro Ensalle, para ver, ás 20h., Desde ese silencio, a última proposta de AveLina Pérez para dez persoas de público. Uns tanto e outros tan pouco! Uns que necesitan masificacións, con reclamos megalómanos, e outras que prefiren a calidade das pequenas xuntanzas e encontros. O teatro, ese lugar para gardar o calor do encontro máis humano.

Nestas escapadas da marabunta, non só puiden ver esas pezas teatrais, que me emocionan, que me fan pensar, das que aprendo, e que constitúen un alimento para a sensibilidade e o coñecemento. Ademais, puiden admirar dúas vilas, Ponte de Lima e Viana do Castelo, nas que os adornos de Nadal non tapan nin alteran os monumentos, rúas e prazas e o seu valor arquitectónico e histórico. Unha decoración de Nadal feita con bo gusto. E que quero dicir con bo gusto? Pois con mesura, co equilibrio e a harmonía que veñen fundamentados na beleza clásica. Unha decoración de Nadal que permite que as persoas que habitan os centros históricos desas cidades poidan respirar e vivir, nun ambiente máis festivo.

Compararse con Nova York ou París na iluminación de Nadal, require tamén compararse nos medios de transporte, na accesibilidade, nas oportunidades, etc. A min paréceme moi ben ter máis luces de Nadal que en Nova York, pero entón tamén quero ter o metro de Nova York e a oferta artística de Broadway, ou os teatros e museos de París, por aquilo de non comezar a casa polo tellado e ficar cegados de tanta luz led acumulada e tanta masificación.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Cultura Activa S. Coop. Galega

Pallasos en Rebeldía estrea ‘Vía morta’ en Teo

Cartaz do TEP

TEP, Teatro Experimental do Porto celebra 70 anos