A cafetería da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia acolleu onte ás 11.00 da mañá unha presentación do volume publicado pola erregueté | Revista Galega de Teatro que inclúe o texto A teteira de Kabul, de Atenea García, e E que nunca chorei, de Miguel Ángel González, Premi Born no ano 2023, na tradución ao galego de Ana Abad de Larriva.
A presentación centrouse na peza asinada por Atenea García, creada a partir do conto homónimo de Carolina Pujadas. García estivo presente no acto e nel compartiu as claves do proceso de creación e da recepción da peza, levada á escena coa compañía que dirixen ela e Nicolás Zamorano, Xarope Tulú, así como as súas inquedanzas vitais e creativas e os seus consellos para as persoas que están a comezar nas artes escénicas e para as persoas que imparten docencia nesta área, a partir das experiencias que viviu ao longo da súa traxectoria.

No acto, Atenea estivo acompañada por Roi Vidal Ponte, membro do consello editorial da erregueté, que coordinou a edición do texto d’A teteira de Kabul, e por Ana Abad de Larriva, subdirectora da erregueté.

A tradución ao galego do texto de Miguel Ángel González xa fora presentada no pasado mes de outubro no Cercle Artístic de Citadella de Menorca, a entidade que organiza e convoca anualmente o Premi Born de Teatre.