in

Bivalvos como galegos

bivalvos como galegos |

Dálle-dálle e peta-peta

Roi Vidal Ponte

Bivalvos como galegos

 

Todas coñecemos esa campaña publicitaria dunha cadea de supermercados galega que apela ao sentimento de pertenza á comunidade mediante frases típicas. Pensabamos que só nolas dixeran a nós ou que se dicían en todo o planeta, mais descubrímolas como idiosincráticas da nosa maneira de ver o mundo e arroibamos coa identificación. Por moito que se disfrace de autorreivindicativa é identificación máis localista que nacional porque non se desvía da visión tópica e folclorizante coa que as grandes institucións políticas e económicas continúan a tratar con todo o que lles é propio.

O dúo formado por Fran Rei e Pedro Brandariz, coñecidos polas súas aparicións en Luar como O Gordo e o Calvo ou Os Ramistas, parten do mesmo discurso pero preséntano dunha maneira irónica. O espectáculo confórmano tres sketchs coa galeguidade do cotiá como tema de fondo. No primeiro, un home busca traballo nunha oficina de emprego coas correspondentes bromas sobre a preguiza do funcionariado, críticas á falacia da recuperación económica e unha visión dolorosa e distanciada desa solución de mobilidade que é a emigración. No segundo, un home vai mercar a prensa do domingo e o quiosqueiro éncheo de suplementos temáticos e agasallos varios, nunha crítica divertida ao exceso de materialismo ao que nos leva á sociedade de consumo e da información. No terceiro, o mesmo esquema varía coa participación dunha espectadora á que Brandariz convida a cear. O costume da cita, tan habitual dos filmes norteamericanos, mestúrase con certa gastronomía cutre que nos é tan familiar e co noso conformismo perante a desgraza porque éche o que hai.

As escenas mantéñense grazas ao bo facer dos actores e a un esquema pechado do que saen con leves improvisacións de frescura. Destaca Pedro Brandariz polo seu físico agraciado para a comedia e sobre todo pola súa organicidade. Di as frases exactamente como se din. Mantén a actitude conformista e submisa, despistada e humilde, tal e como a temos ao vernos nesa situación. Descubrimos nel un personaxe: a cristalización do conformismo galaico ante as inxustizas do cotiá. Como no Charlot de Chaplin, a crítica política, neste caso adaptada á antropoloxía galega, exposta coa amabilidade do familiar.


Publicidade

A repetición mediante a que avanzan as escenas alóngaas até a extenuación. Enténdese que a intención é os cómicos gañárense ao público facéndolle saber o que vai acontecer, que a repetición é indispensable para provocar a gargallada coa confirmación do que esperamos ver. É o mesmo mecanismo absurdo que alicerza o humor último de José Mota. Un truco vello, quizais un dos poucos elementos clownescos que perviven no espectáculo, xa que o seu humor é máis discursivo que xestual, céntrase no gag situacional máis que no slapstick físico circense e o resultado final perde algo de frescura a cambio de gañar en profundidade. Será por continuarmos a nos pensar unha cultura máis profunda que fresca. Mesmo no supermercado.

 

Bivalvos como galegos
Compañía: Os 7 magníficos máis 1
Dirección: Iván Prado
Elenco: Pedro Brandariz e Fran Rei
Escenografía: Kukas
Vestiario: Os 7 Magníficos máis 1 e Juana Rolón

Festiclown Vilagarcía. Peixería Vella, Vilagarcía de Arousa. 18 de agosto de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0b7e43ef2836231c14bd29dd751fb825 110x110 1 |

Vaya circo!

img 7399 |

Ultranoite no país dos soviets