O espectáculo, dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, é unha das tres producións propias que o CDG porá en escena este ano, coas que dá á creación teatral de autoría galega o maior impulso na última década.
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves 14 de xaneiro ás 20.00h a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que marca o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución.
A posta en escena de O charco de Ulises, versión libre da Odisea revisitada desde a perspectiva da emigración galega por parte de Cortegoso, é o primeiro resultado visible da nova planificación, que muda a cadencia consecutiva de ensaios-estrea-xira aplicadas ata agora para simultanear cada unha destas etapas deste e doutros dous espectáculos xa en preparación: Terceiro acto e Serva me, servabo te, e combinalas ao longo deste 2021.
A odisea da emigración galega
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010, dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.
O equipo artístico está integrado por Pablo Giraldez “O Pastor” no deseño de escenografía, Salvador del Río na iluminación, Saturna no de vestiario, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo de Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.
Representacións e horarios
Á estrea no Salón Teatro deste xoves 14 ás 20.00 h. seguirán outras 18 funcións até o 31 de xaneiro. Os horarios de todas representacións adiantáronse media hora por mor das restriccións derivadas da pandemia da COVID-19; polo que serán os xoves ás 20 h. (o 21 e 28 con encontro do elenco co público tras a función), os venres e os sábados con pases dobres ás 17 e 20 h., e os domingos ás 17.30 h.
O domingo 24 levarase a cabo unha función inclusiva, apoiada con interpretación en lingua de signos e que inaugurará a emisión en streaming do CDG.
Faite coas túas entradas para O charco de Ulises na seguinte ligazón