in

Primeiras citas en tempos de Tinder e a composición escénica

Irene Moreira |
Irene Moreira

A primeira impresión… Mellor con gafas non, sen elas, de costas e así non sei cando chega, non, de fronte, así fago eu primeira un escáner e aínda estou a tempo de pirarme. Para que me meto nestas leas… Pois así son os nervios tamén cando sabes que se van acender as luces e o público vai ver por primeira vez a túa proposta escénica. Como nos compoñemos para unha cita no Grinder/Brenda ou Tinder pode extrapolarse a como nos enfrontamos á composición escénica.

Dende onde emitimos, a posición que tomamos para o discurso, ben sexa xestual, textual, de obxectos ou sonoro, é a chave que abre o sentido da proposta. Analizar compositivamente esa recepción é fundamental. Como encaixo o público na miña proposta; frontal, a dúas bandas, circular, público en altura respecto ao escenario… En moitos casos temos a complexidade técnica engadida dos teatros principais, esas caixas italianas tan custosas e tan pouco versátiles, mais iso é outra irreverencia.

A forma de colocar o público, ese primeiro lugar dende onde ler a escena é comunicación non verbal, o que nunha cita sería a primeira impresión, saber se nos conquistaron coa primeira imaxe é un reto para calquera creación. É toda unha declaración de intencións que debemos coidar para non ter que recorrer a colar información no programa de man, porque non fomos quen de que se entendese no escenario. Como dicía, é a nosa mellor declaración de intencións do que vai acontecer, é a mirada directa aos ollos coa dirección de escena e o público, é o xeito de establecer a comunicación sen fala, e aí estamos ordenando o espazo e o tempo, perante a mirada da espectadora, que cumpre a súa función de “espectar”, sen saber que vai pasar logo.

Aprendemos a compoñer, compoñendo moito, adestrando o que funciona e o que non, como cambian as historias dependendo do lugar espacial desde onde se conten, e así co tempo sabemos identificar o que vai ter un bo encaixe escénico e o que non se vai entender. Para mellorar a composición escénica precisamos do coñecemento panorámico que nos dá a dirección de escena, que sabe de onde partiu a proposta, cales foron as fontes, as ideas primixenias e cara a onde vai, a capacidade de discernir o que lle pertence á montaxe, e o que aínda que é unha boa idea, non é para esta proposta porque poría en risco o que se quere dicir ou faría incoherente o seu estilo ou estética.


Publicidade

Cada creadora comeza a compor seguindo a súa “intuición artística”, o latexo que sentimos a primeira vez que creamos e que despois perseguimos en cada proposta e non respiramos ata que aparece .

A intuición artística é a bagaxe, o sedimento da experiencia máis o coñecemento que usamos sen pensar cando temos que decidir…porque hai que decidir, tarefa inefábel da dirección, non queda outra! Co acerto e uso da “intuición artística” gañamos seguridade e desenvolvemos a nosa propia linguaxe escénica que ten na composición o impulso creador inicial. Esther Ferrer define a performance como a arte que combina o espazo e o tempo coa presenza dun público, pois é unha boa definición para o teatro en tempos de Tinder.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pedro Brandariz

Falece o actor Pedro Brandariz tras unha indisposición nunha función escolar

Fugas |

Fugas e Interferencias recibe propostas de comunicacións para o seu VII congreso sobre a arte de acción