in

Commedia, un xoguete para Goldoni

Commedia09 |

Contar a circunstancia

| Manuel Xestoso |

 
Se nos atemos aos documentos dispoñibles, a natureza humana cambiou máis ben pouco nos últimos milenios: o que cambian son as circunstancias. O teatro vive da circunstancia, da situación concreta en que nos amosamos avarentos ou desprendidos, egoístas ou solidarios, románticos ou luxuriosos. Ás veces a circunstancia é máis explícita que a cerna do conflito e, en consecuencia, o teatro decide elevar a circunstancia á categoría de universal. Commedia explica que o conflito é sempre o mesmo, que o importante é o xeito en que se amosa, o xeito en que se conta. Que o fundamental é a circunstancia.

Vinte e cinco anos despois da primeira estrea de Commedia, un xoguete para Goldoni, a natureza humana segue sen cambiar, pero a forma en que o conta o elenco reunido por Contraproducións gañou en peso narrativo, en sabedoría expositiva. E o que nos contan, sendo o mesmo, redunda máis na forma que no fondo: no fondo, o que hai é unha homenaxe a ese oficio antigo de contar historias polo gusto de contalas, de crear un espazo onde o marabilloso aínda é posible. Aínda que a intención do que se conta quede semioculta polas máscaras.

Unha palabra circunspecta que poderiamos usar é metateatro, pero iso non explicaría a reivindicación alegre –sobre todo alegre– do teatro como ocupación. Aínda que a risa e o bo humor presidan a representación, Commedia está máis do lado do comediante que da comedia. Non é esa vindicación con espírito crítico que tantas veces se converte en obsesión dunha modernidade que rexeita o relato: ao contrario, é a celebración do relato, da circunstancia. Do gozo de contar porque esa é a necesidade básica dos seres humanos: explicar e explicarse. Ou explicarse explicando.

Os cómicos chegan á vila e parodian a historia que deben contar, caricaturízanse a si mesmos e, con todo o respecto, tamén rin un chisco do público. Fan unha inmensa broma que acaba transformándose nunha historia que vai máis alá de Goldoni, precisamente porque Goldoni advertiu nas súas obras que o importante son as relacións que estabelecemos os uns cos outros, o “quotidiano parlare”. Commedia recupera ese espírito lúdico que dita que todo e xogo e que apela á complicidade co público para tratar temas universais que, precisamente por sabidos, son susceptibles de aceptar que se faga brincadeira con eles sen perderlle o respecto á súa relevancia.


Publicidade

Estamos pouco afeitos a efectividade do sinxelo –sinxelo só en aparencia, claro, para dirixir aí a mirada hai que contar co dominio da técnica que demostra todo o elenco– e Commedia recupera esa cara luminosa do equívoco que nos lembra que a realidade non sempre é como parece. Hai unha vivísima narración que cristaliza nun trebón de gags onde o arquetipo se converte en personaxe e a eventualidade nun drama repetido que só admite a risa como resposta: o enredo e o desenfado son as armas con que se contan as penas e as alegrías. O escenario muda entón no territorio natural en que as cousas suceden como deben suceder, cunha estilización que se presenta como tal e que, daquela, reclama a súa parte nas vidas reais dos espectadores. Por segunda vez, un acerto pleno.
 
Commedia, un xoguete para Goldoni, baseado en textos de Carlo Goldoni.

Dirección e dramaturxia: Cándido Pazó
Elenco: Victor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi, Sergio Zearreta.
Escenografía e vestiario: Suso Montero
Iluminación: Afonso Castro
Dirección musical: Fernando Reyes
Axudante de produción: Lilian Portela
Xefa de produción: Belén Pichel

Mostra de Teatro Galego de Cariño. Auditorio Municipal. 13 de agosto de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Linguareteando |

Convocada a III Edición do Concurso de Monólogos LINGUAreteando

theater 105573 1280 |

II Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá