| Roberto Pascual |
| Foto: Pro Light Estudio |
Vivimos nun mundo moi diferente ao do século XV, claro está. Os avances e o progreso con respecto a moitas daquelas actividades que existían naquela época á que se remonta a tradición dos títeres de cachaporra son evidentes. Pero outras tradicións, técnicas, divertimentos ou prácticas non tanto e quizais cumpra telas moi presentes para coñecelas, adaptalas ou gozalas. Larraitz Producións acaba de estrear Dona Barriga Verde, un espectáculo de impecable factura interpretado por esta actriz-manipuladora e en cuxa demorada, documentada e estudada posta en escena participan Borja Insua Lema (Títeres Alakrán) quen fixo a talla en madeira, Kukas (quen se ocupou da caracterización pictórica e deseño do retablo), Bety Busto (no vestiario) e Santi Prego, na dirección. A Asociación Morreu o Demo achegou o asesoramento, atendendo ás investigacións recollidas desta tradición e o Festival Titiriberia colaborou na produción e comunicación da estrea, no Concello de Teo. Estamos diante dunha moi concienzuda e compartida revisión do personaxe popular galego de Barriga Verde, dende un longo e mimado oficio que demostra coidado e adicación, respeto pola tradición e polo público diverso dos nosos días.
Mais ese respeto e comprensión non foi o que atopou nun reducido grupo de pais e nais esta compañía na representación do pasado sábado no malecón de Sarria. Reducido balbordo, co estrondo típico das redes sociais e de certo xornalismo na procura da gorentosa “polémica”.
Un perfil denominado “Keep Calm” publicou no grupo “Sarria con sentido” unha serie de improperios con respecto a esta peza de monicreques que nos obriga a pensar en diversas cuestións sobre a recepción, a liberdade de creación e expresión e o oficio do teatro. Quizais o descoñecemento, outras liortas políticas locais alleas a esta obra, os prexuízos, a hiperprotección visceral da infancia e moito presunto documento de licenciado psicólogo infantil, expresaron (con todo o noso respeto) o seguinte: que estamos diante dun espectáculo bochornoso, que emprega a violencia diante de nenas e nenos de catro anos, onde se aforca a un xuíz e a protagonista mete nun ataúde ao marido, a quen frite a tixolazos. Un dos polemistas publica noutro post: “Queremos un mundo sin violencia, sin violaciones, sin salvajadas, en definitiva y para ello enseñar bien a las nuevas generaciones es fundamental… pero estos se descuelgan con tradiciones del siglo XV y culpan a los padres de no haberse informado de que iba el acto, que insisten en que es para todos los públicos. El siguiente que sea de decapitaciones, que también está de moda y a los chavales les hará mucha gracia.”
Poderiamos considerar intrascendentes estas manifestacións, que respetamos, pero por suposto non compartimos. Mais por minoritarias e camufladas que se presenten (baixo un perfil de Facebook e nunca trasladas directamente á compañía despois da función, a quen o numeroso público aplaudiu), son suficientemente preocupantes por varios motivos.
- Estas opinións maximalistas, non son un retrato serio e veraz do emprego e finalidade das accións “violentas” na dramaturxia da peza. Non é apoloxía da violencia, malia que quen sinta algo así pode erguerse e marchar libremente (gustaríanos saber se estes pais preguntaron á rapazada se se sentiu violentada). Non é exaltación da violencia, é uso lúdico, sen hipocrisía nin tabús, como foi sempre esta milenaria tipoloxía teatral, de varias situacións extremas, críticas e de distintas cuestións sociais que criticar e purgar diante de todos os públicos na praza aberta.
- Os efectos nocivos destas insultantes manifestacións paternas que apelan ao ferido sentimento do público infantil, quizais non sexan suficientemente consideradas. Por iso queremos expoñelo tamén aquí. O efecto “noticia polémica” saltou aos medios, que informaron sen máis dunha situación desagradable. Que supón isto para unha compañía de teatro? Sen ningunha dúbida, máis dificultades para poder distribuír o seu traballo e vivir dignamente del. A autocensura de moitos programadores de concellos é unha ameaza real e ninguén quere presentar un traballo que poida vir precedido de polémicas (aínda que sexan sen fundamento), pois xa bastantes problemas e dificultades hai na xestión diaria coma para asumir riscos engadidos. Sen culpabilizar, cómpre poñernos en situación, empatizar, analizar e mellorar os nosos hábitos sociais para o ben de todas e todos.
- As faltas de respeto asociadas (á tradición, ao popular, ao singular dunha cultura) trascenden do patio, do muro, da eira das redes ao imaxinario colectivo. Non importan as teses (coma a recente da profesora Comba Campoy) nin os proxectos e as tarefas de divulgación do patrimonio, todo parece estar por debaixo da libre expresión, dunha suposta modernidade que nos parece obrigar a ter que censurar certas cuestións na arte teatral para non ferir, non molestar, non ser indecorosa. Mentres tanto, reparamos na violencia de contidos audiovisuais para público infantil? Denunciamos roles de xénero perpetuados en certos brinquedos? A exaltación da violencia ou a publicidade da prostitución en medios de comunicación ao lado dos contidos para público familiar? Facer unha crítica social é moi diferente a facer unha crítica visceral, como podemos ver, lonxe da visión hipócrita, exacerbada e paternalista dunha situación illada e malinterpreteda.
- Os sentimentos son libres e persoais, mais a educación, o coñecemento e a cultura, son unha tarefa colectiva. O teatro non é só evasión, entretemento, delicada e pulcra fotografía social, visión única. O teatro, como se pode ver, é tolerancia, riso, aprendizaxe construtiva, divertimento, madurez, confianza no empoderamento crítico. Recoñecer valores coma esta versión de Barriga Verde, onde por primeira vez temos a unha protagonista feminina. Pareceríalles a estas persoas espectadoras indignadas igualmente violento ou máis se fose masculino? Valórase a subversión e a emancipación da muller? Non é un valor interesante para transmitir dende o xogo escénico? (Ollo, para un espectáculo que non é exclusivamente para público infantil, malia que este xénero se acostume ligar topicamente para a infancia).
Xa só falta poñerlle As idades de Lulú aos nenos e nenas, pode dicir algún presunto viaxado e informado espectador de xeito esaxerado. É difícil poñerlle cancelas á polémica, sobre todo cando certos desexos sociais e mediáticos devecen por polémicas, balbordos e maximalismos. Pensemos, paremos, respetemos dende un pensamento algo máis complexo, procurando ter presentes todas as caras. Iso é tamén o bo teatro, coma este Dona Barriga Verde.