in

Xosé Manuel Pazos Varela: mestre, político e amador do teatro

Xosé Manuel Pazos, Antón Lamapereira e Alba Cordeiro
Inauguración do FTMC da Biblioteca de Cangas (1995). De esquerda a dereita: Xosé Manuel Pazos, Antón Lamapereira e Alba Cordeiro.

Poucos minutos antes de comezar este artigo para lembrar a Xosé Manuel Pazos, abrín o correo electrónico e atopei a mensaxe dun antigo profesor seu na Universidade Laboral de A Coruña onde cursou bacharelato.  Este profesor, amigo meu, conservaba de Xosé Manuel, entre outras, algunha imaxe “mitineando” no salón de actos. E confesa -no email que me enviou- “que sempre lle tivo moito cariño, pois era un mozo afable e animoso, con esa forza que espallan os bos e xenerosos”. A súa paixón pola política e a súa bonhomía víñanlle, pois, desde moi novo.

Mais, cando lle entrou o veleno do teatro a Xosé Manuel? Nono sei nin acordo termos falado sobre o asunto nas mil e unha conversas que tivemos. Ás veces recibíame dicindo  cun ton agarimoso e de sorna tan seus: “aí ven o armadanzas”. A vida xuntounos na teima do teatro e a política, que compartimos moitos anos.

Lembro o ano que nos coñecemos en Cangas. Foi en 1983, coincidindo co meu destino no Instituto de Rodeira. Con Xosé Manuel estaba a xente de Múa, o grupo de teatro que el dirixía alternando coas súas clases de mestre en Lubián, aló na montaña sanabresa. Que amor polo teatro tiña que, recén chegaba da viaxe, incorporábase aos ensaios para actuar e dirixir, por exemplo: É mentira (1975) de Jesús Campos, ou A paz de Aristófanes. Ambas traducidas por el.

Xosé Manuel foi unha peza fundamental na dinámica desenvolvida polo grupo Múa e, desde logo, crucial para a evolución socioteatral posterior en Cangas. A continuidade desta labor é a fusión de Múa nun novo proxecto: a creación dun Obradoiro de Teatro en Cangas, integrado na Escola Dramática Galega que tiña a súa matriz en Coruña.

Xuntos, con el e coa compañía de Silda Alfaro, Pepa Barreiro, Manoli Rivera, Antonio Pazos, Ricardo Soage (Richi), Lois Soage, Maite Campos, Manolo Vietes… Vivimos unha intensísima “vida teatreira”. Os espectáculos montados, coa entusiasta dirección de Vieites, foron: E vostede… como se chama? e Zeussion Continua, baseado este último nunha peza de Woody Allen. En ámbolos dous espectáculos, traducidos ao galego por Xosé Manuel, foi tamén actor.

Teatro de Ningures
Xosé Manuel Pazos e Pepa Barreiro en 'Zeussion Continua' de Teatro de Ningures.

Con E vostede… como se chama? obra estruturada en diferentes  pezas cortas de Ionesco, Arrabal, Ángel García Pintado e outro texto baseado nunha banda deseñada- fomos de bolo á Sala Luís Seoane da Coruña. O espectáculo foi moi ben acollido polo público en xeral e moi especialmente por membros da Escola Dramática Galega cos que conversamos con sumo interese por coñecer a súa valoración crítica. Se algo caracterizaba ao grupo neses momentos eran as súas ganas de aprender.

Logo veu a creación de Teatro de Ningures. Toda esta historia está recollida nas Crónicas do Teatro no Morrazo, publicadas no Faro de Vigo entre 2017 e 2018.

Neste contexto -sen esquecer o labor asociativo de Xiria e doutras entidades culturais- naceu a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo; a erregueté | Revista Galega de Teatro, na que Pazos foi, até o día do seu pasamento, membro do Consello de Redacción e do Consello Editorial; o Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas (creado hai 25 anos), iniciativa na que Xosé Manuel, como comentarei logo, foi un factor fundamental; a construción do Auditorio Municipal

Ben. Xa que nos artigos Adeus ao ‘Alcalde do teatro’ e Ímoste botar moito de menos, Pazos desta mesma páxina web están amplamente recollidos os aspectos humanos e de escritor, tradutor, actor e xestor teatral de Xosé Manuel Pazos, vou engadir deseguido algúns datos e reflexións que, coido, axudarán a comprender mellor a relevancia da súa personalidade.

No exercicio da súa función municipal como político -tanto na oposición como no goberno- sempre estivo presente a preocupación pola cultura entendida como servizo público. E non só polo especial interese que lle prestou ás artes escénicas. Pazos apoiou á pintura coas exposicións Arte no MorrazoA carón do mar e outras; á música e á danza con concertos, grupos folclóricos, festival de jazz; ao cine, por medio da súa intervención no cineclube; e non podemos esquecer o seu traballo nas comisións das Festas do Cristo.

Outro aspecto que desexo lembrar é a súa inquietude polo libro e a edición, apoiando, de diferentes formas, a publicación de libros e cadernos de fotografía, de historia local ou de pintura. O seu amor polo libro e asemade pola documentación, entendida como salvagarda da memoria, lévanos xa a falar do teatro. Aínda que o que escribo agora está xa publicado no número 99 da erregueté, cuxo tema central era o do Patrimonio das Artes Escénicas Escénicas, considero oportuno lembralo de novo.

Por medio de Xosé Manuel Pazos, concelleiro por Esquerda Unida en 1995, presentouse unha moción pola que a Revista Galega de Teatro e Teatro de Ningures cedían fondos bibliográficos e coleccións de revistas especializadas  para a Biblioteca Pública de Cangas. O Concello de Cangas, gobernado entón polo Partido Popular e con Alba Cordeiro como concelleira de Cultura, mirou con bos ollos a iniciativa e levou a Pleno a proposta dun convenio polo que o Concello se comprometía a recibir, catalogar e arquivar na Biblioteca Pública os fondos cedidos que recibirían o nome de Fondo Teatral María Casares, en memoria e homenaxe á actriz María Casares. O convenio foi aprobado en Pleno Municipal en 1995. Un exemplo, polo demais, de como é posible a colaboración -e non o reproche e aldraxe- entre diferentes partidos políticos.

Desgraciadamente, o pasamento inesperado de Xosé Manuel, agora Alcalde, fixo imposible unha cita que tiñamos pendente para estudar o xeito dunha renovación cara a mellorar o convenio asinado hai 25 anos.

 

FTMC2 |
Inauguración do FTMC da Biblioteca Pública de Cangas (1995).

A idea de tender pontes teatrais con Portugal foi outra das súas teimas. O fixo como director, programando compañías portuguesas desde a primeira Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Aínda é lembrada a montaxe do TAI do Porto coa obra A hestoria do gato malhado e a andoriha sinha, con texto de Jorge Amado. Mais tamén foi un dos protagonistas desa fermosísima experiencia do Teatragal que quedou reflectida na edición da revista Ensaio, na que tamén estivo, como non, implicado.

Outra face da súa labor como amador do teatro foi a escrita. Máis aló de ser autor e tradutor dunha abondosa obra, como se pode ler nos artigos citados desta web, reflexionou sobre diferentes aspectos do teatro. Cito, como referencias puntuais, o artigo publicado en 1989 no número 6 de Información Teatral, titulado O teatro galego na encrucillada; ou O teatro afeccionado: situación e perspectivas, traballo incluído no libro Teoría e Técnica Teatral, coordinado por Manuel Vietes, editado por Laiovento; ou o Entrudio en Lubián. Festas Parateatrais II, publicado no número 52 dos Cadernos da Escola Dramática Galega.

Desde logo a súa contribución teórica é máis abundante, e sería un bo xeito de lembrar a súa memoria que alguén se decidise por recoller este tipo de traballos.


Publicidade

Compre lembrar aquí e agora que a inmensa labor desenvolvida por Xosé Manuel a prol do teatro galego está feita desde o seu compromiso “afeccionado”.  A súa decisión de pertencer a Academia Galega de Teatro, ademais do recoñecemento do seu traballo polos profesionais, expresa, para min, o seu desexo de non crear fronteiras e de colaborar en man común polo teatro galego. Como fixo ao longo da súa vida.

Xosé Manuel Pazos foi de profesión mestre de escola. Un bo pedagogo que entendeu que o teatro é un magnifico instrumento educativo e, por esta razón, e pola súa xenerosidade, comprendeu a miña petición para que escribira algún texto para o grupo de teatro no Instituto de Rodeira. É oportuno recordar que a extensa obra dramática e de tradutor de Xosé Manuel está escrita “por encargo” para representar polo Grupo Múa, para Teatro de Ningures ou para o Teatro do Atlántico.

Pois ben, as obras escritas para o grupo de teatro do Instituto foron Gallaegaria, adaptación dun texto de Plauto –Pazos foi un bo coñecedor da comedia clásica- que foi estreada no curso 2001/2002; e Crónicas da peste. A traxedia do Prestige, estreada no curso 2002/2003 e representadas, ámbalas dúas, na Mostra de Teatro de Ensino Secundario (MOTESMO). O encargo foi respondido con dilixencia, pois Pazos tiña unha enorme capacidade creativa. Foron dúas pezas cunha linguaxe sinxela e cheas de frescura, tinxidas de humor e sátira. As rapazas e rapaces gozaron coa interpretación.

Xosé Manuel amaba o xogo. Sempre disposto para o teatro. Un dos seus personaxes, que lembramos con moito agarimo na miña familia, é o do Lobo no conto dramatizado de Carapuchiña vermella. Representouno nun aniversario das miñas fillas co asesoramento musical de Nardo Carpente, un amigo común.

O último exemplo que me deu foi o da súa actitude na enfermidade dialogando coa morte. Unha mestura de filosofía estoica e epicúrea.

Amigo, até sempre. As ilusións, inquedanzas e proxectos que sementaches imaxinando outro mundo posible quedan na nosa memoria.

Xosé Manuel Pazos, Antón Lamapereira e Alba Cordeiro
Inauguración do FTMC da Biblioteca de Cangas (1995). De esquerda a dereita: Xosé Manuel Pazos, Antón Lamapereira e Alba Cordeiro.

Antón Lamapereira

Antón Lamapereira

(Monforte de Lemos, 1945). Profesor xubilado de Filosofía no Ensino Secundario. Cofundador da Escola Dramática Galega e fundador e director da erregueté | Revista Galega de Teatro ata o ano 2016. Membro do seu Consello Editorial. Actor e director de teatro afeccionado en diferentes grupos como Avelaiña teatro (Pontevedra) ou Teatro Aberto (Cangas do Morrazo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Eroski Paraíso de Chévere

A AELG ofrece varios proxectos didácticos vinculados coas artes escénicas

fetega |

A 32ª edición do FETEGA en marcha: aberto o prazo de presentación de espectáculos