O festival da Universidade de Santiago de Compostela (USC) terá lugar entre o 21 de xuño e o 10 de xullo. Obradoiros de formación e encontros con creadoras escénicas son as principais novidades da segunda edición que suma novos espazos de exhibición.
Roberto Salgueiro, dramaturgo, director, responsable da Aula de Teatro da USC no campus de Compostela e coordinador do USCénica, presentou a pasada semana nun vídeo pendurado nas distintas redes sociais do festival, un avance da programación da que será a segunda edición desta mostra que naceu o pasado verán, tralo confinamento de 2020.
USCénica 2021 terá lugar entre o 21 e o 10 de xullo, con programación continua de mércores a sábado na Sala ‘Roberto Vidal Bolaño’ da USC, no auditorio e na terraza do propio edificio, reservada para concertos de jazz. Tamén haberá funcións no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego e na igrexa da Universidade. O festival aproveitará o anfiteatro de herba que hai á entrada da ‘Vidal Bolaño’ para “programar teatro ao aire libre”, en palabras de Salgueiro. Desde o festival queren que todo o entorno natural que rodea ao edificio da USC sexa “un lugar onde a xente poda charlar”, xa que desde a organización non entenden USCénica como “un lugar exclusivamente de exhibición, senón de encontro”.
Programación USCénica 2021
Encontros con creadores do talle de Rodrigo García ou Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño), proxección de espectáculos, concertos de jazz e teatro ao vivo completan a programación do festival USCénica 2021.
Formación USCénica 2021
Unha das grandes novidades do USCénica este ano será a formación. Na súa segunda edición, o festival ofertará unha serie de obradoiros de dirección, performance, iluminación e escrita teatral. Así como unha serie de encontros e seminarios con diversas creadoras escénicas coas que o público terá a oportunidade de coñecer os seus procesos creativos.
Así, Tito Asorey impartirá un obradoiro de dirección e creación, Helena Salgueiro de poesía e performance, Santi Cortegoso de escrita dramática e Daniel Pais de iniciación á iluminación escénica.
O prazo de matriculación vai do 7 ao 15 de xuño no mail [email protected].
Máis información: www.uscenica.com