in

O teatro outro

Fotografía de Mohammad Rahmani
Fotografía de Mohammad Rahmani

Pensar ao outro preséntasenos como unha tarefa problemática, por non dicir imposible porque todo o que dicimos sobre o outro dicímolo dende o eu. O outro entón, non ten ningún contacto comigo. O problema é que cando o definimos facémolo pensando en todo o que excede de modo absoluto: todo o que non son eu nin está determinado por min, é un outro.

Todo o que é, existe soamente para min, sempre para un eu que os categoriza previamente.

Entón a pregunta é: podemos achegarnos ao outro librándonos absolutamente do que somos? Acceder a outro na súa outredade? É posible? Se a resposta é non, nese caso, acceder ao outro é algo imposible.

Para min o teatro trata, precisamente, de recortar esa distancia insalvable.

Hai acontecementos socio-políticos que son totalmente imposibles de deixar de lado. Durante un tempo centralizan o discurso popular ata ser asimilados como algo habitual, entón desaparecen. Este proceso de asimilación masiva é unha das razóns de ser dos poderes mediáticos e o motivo polo que controlar a información é vital para certo tipo de intereses. Non se trata xa de ocultar algo, se non de facelo tan visible que chegue a resultar tedioso, aburrido ou repetitivo. “Si, xa sabemos que as cousas en tal sitio están mal, que se lle vai facer.”

O problema desta direccionalidade informativa é que anula por completo todo o que non ten que ver coa crise bélica en si. Isto leva a identificar certos lugares ou certas persoas con algo que, en esencia, é unha excepción. Se falamos de guerra, entón non falamos de cultura, costumes, tradición, etc. E coma sempre, as representacións artísticas e culturais desaparecen baixo o manto férreo e opaco das balas e a morte.

Xa de por si, occidente é moi occidental en canto a súa concepción cultural. Sabemos a historia de occidente, as tradicións de occidente, os conflitos de occidente e os nomes importantes, principalmente masculinos, de xente de occidente. As materias de historia ignoran, penso que deliberadamente, todo o mundo non occidental a través dos diferentes niveis educativos. E así aparecen seres adultos, entre os que me inclúo, sen demasiada idea do que pasa ou pasou noutros lugares.

Que sabemos do teatro afgano? Sabedes algo? Porque eu non sei nada. Tampouco do teatro que se fai en Siria ou Iraq ou en calquera deses países.


Publicidade

Ante os terroríficos acontecementos que levan semanas sucedendo en Afganistán, deume por pensar no seu teatro. Como é? É habitual para os habitantes de Kabul ir, por exemplo un venres, ver unha función? Sobre que fala o teatro afgano?

En todos os anos que pasei estudando teatro, malamente me falaron un pouco do teatro Kabuki ou do teatro de sombras. Pero agora vexo como un país estoupa e non teño nin idea de que clase de representacións culturais están saltando polos aires. Tal vez perdéndose para sempre ante o avance da ignorancia e o atraso.

Gustaríame entender a perda que sofren os pobos dende unha perspectiva que non sexa a militar. Entender o desarraigo dende outro lugar que non sexa unha imaxe violenta ou un vídeo sobre a angustia de miles.

Se entendemos ao outro dende unha óptica xeralista, todas as traxedias teñen sempre o mesmo aspecto. A masa é sempre masa, nunca individuos con nomes propios que sofren perdas imposibles de entender.

En occidente entendemos o teatro como un lugar que explica a nosa realidade e a enfronta consigo mesma. O teatro explícanos e sácanos, un pouco, do noso eu. Acurta a distancia co outro.

Canto máis longa é a distancia entre nós, máis insensibles se volven as nosas emocións.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

IMG 20210821 174425 856 |

noradanze: “Soño cunha escena onde poidamos ver espectáculos de linguaxe urbana, profundos de contido, cunha estrutura de profesionais propia.”

Carlos Alves. Foto Alexandre Alves

Carlos Alves gaña o III Premio PLATTA de teatro breve