in ,

noradanze: “Soño cunha escena onde poidamos ver espectáculos de linguaxe urbana, profundos de contido, cunha estrutura de profesionais propia.”

IMG 20210821 174425 856 |
Imaxe de noradanze por Martín Rodríguez.

noradanze (Vigo, 2003) é unha bailarina e creadora moi nova que está a piques de presentar o seu primeiro proxecto, NoDa, logo dun profundo período de transformación persoal e profesional. Falamos con ela e preguntámoslle por este traballo e a súa conexión coa escena urbana.

Que é NoDa?

NoDa é o meu primeiro proxecto. Unha vez decidín cambiar o meu nome, con ese cambio quixen levar a cabo unha peza, que sinto que é o meu primeiro proxecto. É como o nexo de unión entre o pasado e a miña nova forma de identificarme e de presentarme ao mundo. Comecei a traballar nel dende principios da pandemia, cun equipo que conta con Lucas Simón e Erea Arocas na dirección, Noa Iriarte na escenografía e Martín “Montty Wiet” Rodríguez na cámara, produción e son. Mais polo tema das restricións sanitarias tivemos que aparcalo un tempo. Como é un proxecto moi asociado ao meu cambio persoal, decidín non amosar nada nas redes ata telo rematado. É un traballo audiovisual, que inclúe tres temas musicais orixinais e as miñas coreografías.

IMG 20210828 100921 482 |
noradanze no proxecto “NoDa”. Imaxe de Martín Rodríguez.

Como se relaciona NoDa cos teus traballos pasados?

Eu sinto que a miña carreira aínda non comezou, senón que comeza co “proxecto #1”, que é NoDa. Obviamente non quero facer como se o meu pasado non existise: é a miña historia e está aí. Pero é agora que sinto que abrín os ollos e teño moi claro o que quero, o que me interesa. Estou comezando tamén a xerar a miña linguaxe persoal e niso baséase precisamente NoDa.

Como foi a súa xénese?

Foi un proceso de discriminación. Comecei con varios temas sobre os que traballar a partir da improvisación, explorando ademais diferentes códigos da danza, estilos nos que me teño formado, pero sempre coa intención clara de atopar unha mestura que me representase e onde sentirme cómoda para expresarme.

Entón, de onde vén noradanze?

Encántame moverme. O movemento, de feito, sempre estivo presente na miña vida, moi conectada coa música. O meu pai é músico, a miña nai ten moito cariño pola música, o meu irmán é músico… A música sempre estivo ao meu redor. Con todo, eu comecei como atleta. Fun ximnasta de elite, algo que me axudou a conectar co meu corpo e a ter un certo control do mesmo. Despois estiven no Conservatorio, estudando percusión, ao tempo que estaba en clases extraescolares de danza. Chegou un momento no que decidín deixar a ximnasia e o Conservatorio para dedicarme unicamente á danza. Metinme nunha escola e comecei a aprender diversos estilos, especialmente hiphop,de onde evolucionei cara ao freestyle. Dentro da escena urbana, atopei un espazo propio no whacking. Foi o estilo no que máis me formei e no que sentín que mellor podía sacar o que teño dentro e quero expresar. Tamén aprendín dancehall, un estilo moi purista e que non invita moito ao colectivo LGTBIQ+, e outros máis como o house, o locking, o popping, o break

IMG 20210821 174429 454 |
Imaxe de noradanze por Martín Rodríguez.

De feito é bailando whacking como te podemos atopar en moitos dos teus vídeos. Que te ofrece este estilo en particular?

Comecei no whacking grazas a SilviMannequeen, que é a nai do vogue en España, a que trouxo o estilo ao Estado.

O whacking defínese como un movemento de liberación que atopou o colectivo LGTBIQ+ nos anos 70 e no contexto dos clubs de baile. A min o que me interesa é sacar a esencia do whacking e levala á miña personalidade e achegala a outras músicas. Non quedarme no estilo mesmo, que é do que penso adoece a escena urbana actual.


Publicidade

Por exemplo, eu coñecín o whacking por Silvi, pero namorei dese estilo vendo bailar a DiiFeeling, que tiña varios espectáculos mesturando música urbana e flamenco, por exemplo. Eu non namorei do whacking co disco, senón co flamenco, así que para min xa foi unha mestura dende o comezo.

E como pode ser a relación destes estilos de danza urbanos coa escena?

Hai que ter en conta que a meirande parte dos espectáculos urbanos os podemos ver só en competicións ou certames específicos onde diversas escolas amosan os seus traballos (como o Vikul ou o Vigo Bailando). Para min o interesante é saír deste contexto e levalos a escenarios máis amplos, coma o teatro. Hai estilos de danza que xa levan moito tempo presentes na escena, como o contemporáneo, aos que deberiamos atender.

Creo que a escena urbana adoece un tanto de conciencia artística, situándose máis cara ao atlético. É certo que a danza ten unha parte atlética, pero tamén ten unha parte artística que non podemos esquecer e eu quero que na miña carreira predomine esta segunda parte.

Mentres no urbano só vemos as competicións ou o mundo das clases como o noso medio de vida, esquecemos que temos unha escena que ten moito que dicir e da que podemos aprender moito e enriquecernos. Creo que temos primeiro que abrirnos, cambiar nós como creadoras para poder xerar espazos novos.

Cales son os teus planes para o futuro?

Pois o máis inmediato é mudarme a Madrid, xa que aquí sinto certas limitacións para medrar. Non quero dicir que non existan oportunidades. De feito, atopo cousas moi interesantes na danza e no teatro galegos, pero no meu estilo si vexo dificultades. Por exemplo, para xerar unha compañía relacionada cunha linguaxe urbana.

Quero traballar con diferentes artistas e compañías que admiro, como Candela Capitán, YungBeef ou María Escarmiento, e aprender do seu traballo. Gustaríame tamén ofrecer colaboracións con artistas que se centran na música e esquecen se cadra un tanto a danza nas súas presentacións.

Quero seguir formándome e evolucionar no meu código e na miña linguaxe. Non é o momento para min para “dar” (por exemplo seguir dando clases como ata o de agora), senón para nutrirme e medrar.

Soño cunha escena onde poidamos ver espectáculos de linguaxe urbana, profundos de contido, cunha estrutura de profesionais propia e onde haxa diferentes compañías que presenten os seus traballos. Gustaríame por exemplo, chegar a casa logo dun espectáculo e poder ler unha crítica onde se valoren as miñas referencias e os meus intereses.

IMG 20210821 174425 856 |
Imaxe de noradanze por Martín Rodríguez.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Intempestiva'. Elahood Danza.

‘Intempestiva’ de Elahood no Festival C de Compostela o 30 de agosto

Fotografía de Mohammad Rahmani

O teatro outro