Un total de 15 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar no Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Arantxa Treus, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; o concelleiro de Educación do Concello da Coruña, Jesús Celemín, e Lidia Costa e Fátima Sieira, representantes de AISGE, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, acadou nove finalistas (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).
Con seis finalistas atópanse Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe) e O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).
Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).
Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.
Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de micromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).
Estes 15 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 30 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.
Finalistas por montaxes
- Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego (9 finalistas): dirección (Marta Pazos), dirección de movemento (Rut Balbís), actor secundario (Toni Salgado), actor secundario (Xosé Manuel Esperante), actriz secundaria (Camila Bossa), espazo escénico (Blanca Añón), texto orixinal (Avelina Pérez), vestiario (Pier Paolo Álvaro) e iluminación (Nuno Meira).
- As que limpan, de A Panadaría (9 finalistas): espectáculo, dirección (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman), dirección de movemento (Clara Ferrão), actriz protagonista (Noelia Castro), actriz secundaria (Areta Bolado), actriz secundaria (Ailén Kendelman), espazo sonoro (Ailén Kendelman), maquillaxe (Esther Quintas) e texto orixinal (Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro)
- Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro (6 finalistas): actor protagonista (Josito Porto), actriz protagonista (Belén Constenla), actor secundario (Adrián Ríos), espazo escénico (Pablo Giráldez ‘O Pastor’), espazo sonoro (Mon Orencio) e maquillaxe (Baia Fernández).
- O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (6 finalistas): espectáculo, adaptación-tradución (Quico Cadaval e Pepe Sendón), actriz protagonista (Patricia Vázquez), actor protagonista (Víctor Mosqueira), actor secundario (Evaristo Calvo) e vestiario (Carlos Alonso).
- Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante (5 finalistas): dirección (Tito Asorey), actriz protagonista (Melania Cruz), espazo sonoro (Vadim Yukhnevich), texto orixinal (Marianella Morena e Tito Asorey) e iluminación (Laura Iturralde).
- A Peste, do CDG (4 finalistas): adaptación-tradución (Cándido Pazó), actriz secundaria (María Roja), espazo escénico (Dani Trillo) e vestiario (Martina Cambeiro)
- O Deus do Pop, de Diego Anido (4 finalistas): espectáculo, actor protagonista (Diego Anido), dirección de movemento (Guillermo Weickret e Diego Anido) e iluminación (Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda)
- Ragazzo, de Barrosanta (2 finalistas): adaptación-tradución (Lali Álvarez, Xavier Castiñeira e Anxo Outumuro) e actor protagonista (Anxo Outumuro).
- Papagena, de ButacaZero (1 finalista): maquillaxe (Diego Valeiras)
- Wombo Combo, de Galeatro (1 finalista): espectáculo infantil
- Ninja, de Teatro Ghazafelhos (1 finalista): espectáculo infantil
- A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro (1 finalista) espectáculo infantil
- A barca do inferno, de Nauta Teatro (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
- Raio The Loubican, de micromina (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
- Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Tïteres Cachirulo (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas