Crítica

Psicópata

Desdobramento psicópata

| Camilo Franco |

Coucheiro

Agora as historias van de unha en unha, de dous en dous, cando hai soltura de tres en tres. Non é bo ou malo. É un sinal dos tempos e de que algúns ditos levan razón. O teatro galego coetáneo está contando sen pretendelo unha historia de déixate dividir e perderás e por aí anda tentando sobrevivir á falta de tamaño, a loitar pola taquilla (ese concepto tan desprezado noutro tempo) e a converter as carencias nunha marca de fábrica.

Antón Coucheiro combate a falta de tamaño coa multiplicación dos roles. E cunha certa convicción de que cortarse non é apropiado nestes tempos. Metido a Psicópata, recolle todos os tópicos dese subxénero que tan feliz fai aos espectadores desde o século XX para acá, e despois de darlle unha volta e sen descontar algunha reflexión, recolócao todo nunha comedia vermella en catro actos (máis ou menos) e desenvolve ante o espectador un xeito de enclopedia cómica historias de psicópatas contadas. Van aparecendo os clásicos, os interpretados e os reinventados, e a cada quen corresponde unha linguaxe: da performance á manipulación.

Pola forza das ganas ou das circunstancias, o mesmo ten que interpretar a un psicópata comedido que a un extrovertido, o mesmo interactúa co público que resolve unha matanza en Ortigueira descabezando a un cento de Clics de Playmobil mentres reinventa unha versión despreocupada dos títeres. O ir cambiando de xénero mentres avanza a historia  sen deixar nunca a paisaxe sarcástica, permite ir especulando co medo do espectador (a ter que saír) e co carácter dos psicópatas, que os hai para todos os disgustos. As distintas partes en confluencia airean a condición de todo nun na que se move o actor principal e van quedando encaixadas con ese certo aire do absurdo. Coa precisión de que o absurdo, a día de hoxe, é dunha cotidianeidade brutal. En fin, unha performance dun psicópata pode parecer na letra un asunto delirante, pero en canto prendes a televisión en calquera informativo, a clasificación cambia sen piedade.

A peza “ameaza” ao espectador con ese asunto de ter que asomarse ao escenario. E como as boas ameazas, esta cúmprese. Pero o medo é moito máis efectivo que a realidade, é máis importante como posibilidade que como realidade. A potencia con que vai funcionado o humor do temor perde algo de fol contra o final, no xogo co espectador. Pero seguro que todo o mundo agradece a falta de realismo nese caso.

 

 

Psicópata, de  Manuel Cortés, Antón Coucheiro
Dirección: Manuel Cortés, Simone Negrín
Adaptación: Manuel Cortés, Antón Coucheiro
Escenografía: Antón Coucheiro
Iluminación: Fidel Vázquez
Son: Túlio Flávio
Vestiario: Clotilde Vaello
Música: Túlio Flávio, Jose Díaz
Coreografía: Antón Coucheiro
Elenco: Antón Coucheiro, Túlio Flávio

Zona C. 4 de marzo de 2015. Santiago de Compostela.

 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!