in

Islandia

islandia |

O reality e a realidade

Manuel Xestoso

ISLANDIA
Foto: Tristán Pérez-Martín

 

Islandia non existe: é unha metáfora que representa a posibilidade de facer as cousas doutro xeito. Foron os islandeses os que protagonizaron unha revolta que levou á materialización do soño da maioría da poboación europea: dicirlles “non” aos bancos, negarse a rescatalos, evitar as políticas de austeridade, encarcerar aos directivos que provocaron o desastre financeiro. O que realmente queda daquel experimento aínda está por avaliar na súa xusta medida, pero a posibilidade da alteridade quedou aberta e, como non, debidamente ocultada.

La Veronal parte desa posibilidade para elaborar unha crítica á actualidade europea que comeza polo retrato da banalidade dunha cultura baseada na imaxe: unha cultura que desprazou o pensamento en favor do lugar común, que substituíu a reflexión pola ocorrencia, que prefire a síntese acomodaticia ao cuestionamento complexo. O discurso está en sintonía con ese desexo de cambio que se adiviña na dinámica política europea (Islandia é de 2012: talvez hoxe podería titularse Grecia) e engancha co espectador seducíndoo coa promesa de que a función afondará nesas contradicións entre a frivolidade do mediático e o drama dunha poboación empobrecida e despoxada dos dereitos máis básicos. O que temos, dísenos, é un triste reality multilingüe encubrindo unha triste realidade que só fala o dialecto do beneficio económico.

E nese punto, Islandia dá un xiro que converte a análise desa realidade nunha proposta de máis alcance, presentando a danza como un modelo de lectura cara ao sofisticado, atento ao detalle do movemento, pendente dos mínimos detalles que conducen aos cambios de envergadura. Unha simplicidade que –como a paisaxe islandesa ou as alfombras árabes– agocha unha elaborada complexidade onde se dá conta do real.

O problema é que a promesa non se cumpre de todo e o argumentario cae nunha repetición que, a forza de insistir en mostrar a superficialidade do contemporáneo, cae na mesma irrelevancia que critica. Hai máis suxestión que coherencia, e o exceso de discursividade e de asepsia levan a función cara a un camiño que a converte nun manifesto programático, sen o misterio capaz de enfeitizar ao público que posúen espectáculos posteriores da compañía como Siena.

Non obstante, a función engaiola grazas a unha excepcional pulcritude estética na que se combinan admirablemente o uso do branco, a transparencia da iluminación, a austeridade na escenografía e a suxestiva selección musical. E, sobre todo, grazas a unhas bailarinas formidables que dan corpo a unha coreografía xeométrica e matemática que non renuncia á poesía. Marcos Morau consegue que o movemento adquira unha plasticidade case escultórica mesturando a serenidade do clásico coa nerviosa trepidación da modernidade, engadindo toques de humor e pantomima, e dotando o conxunto dunha distancia irónica que crea unha inquietante atmosfera de desvalemento. Un combinado perfecto para reflectir as inseguridades do habitante deste século: tan inestable coma un glaciar en tempos de cambio climático.


Publicidade

 

Islandia de La Veronal
Dramaturxia e textos: Pablo Gisbert – El Conde de Torrefiel
Dirección: Marcos Morau
Coreografía: Marcos Morau en colaboración cos intérpretes
Intérpretes: Inma Asensio, Lorena Nogal, Sau-Ching Wong, Manuel Rodríguez, Tanya Beyeler, Carla Romero, Mònica Almirall e Nicolás Chevallier
Asistente de coreografía: Lorena Nogal
Espazo: North Howling
Deseño de iluminación: Enric Planas
Música: Diversos autores islandeses
Fotografía: Tristán Pérez-Martín
Vídeo: Edu Pérez
Vestiario: Soffía Ósk Stefánsdóttir

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal, 2 de outubro de 2015.

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

noiteboa |

Noiteboa

via6 |

Cando dous son multitude