in

Atraco, paliza y muerte en Agbanäspach

Atraco, paliza y muerte en Agbanäspach
Foto de Luz Soria

O anagrama máis macarra

Atraco, paliza y muerte en Agbanäspach é unha obra poliédrica, chea de contrastes. Preséntanos a dous novos dramaturgos, xente de barrio, que reciben a súa primeira encarga para estrear un espectáculo de Boris Kaczynski no Centro Dramático Nacional. O magnate Kaczynski só poñe unha condición: escribir sobre o atraco a un banco.

A loita por escribir e montar unha boa peza leva aos novos autores a construír e perfeccionar a trama. Queren unha obra realista e a opinión de Maria Kapravof, a artista que lidera o novidoso movemento chamado (re)produtivismo, é fundamental. Marabillada polo texto, Kapravof anímaos a seguir os seus preceptos e levar o texto á realidade, esquecendo as táboas do Teatro Kaczynski.

Nao Albet e Marcel Borràs, que ademais de escribir e dirixir o texto tamén o protagonizan, teñen unha forza escénica inconmensurable. Conseguen conformar unha montaxe cunha linguaxe propia que sabe beber do cinema, das novas historias sobre atracos e transitar por diversos estilos. É una obra macarra que sabe xogar co público e acompañalo durante dúas horas polos distintos puntos de vista dun verdadeiro atraco. A realidade e a ficción entrecrúzanse en diversos planos, onde a metateatralidade é a vencedora.

Publicidade

O que podería parecer un espectáculo sobre atracos, entraña algo máis profundo: un debate sobre a ficción, a realidade, a hiperrealidade e a metarrealidade. Un diálogo co espectador/a, pero tamén co proceso creador que se executa mediante maxistrais cambios de espazo, o xogo do vídeo, a banda sonora e mesmo con brillantes subtítulos (para non esquecer o hilarante gag co subtitulado dunha Maria Kapravof enfurecida).

Os diálogos son áxiles e teñen o selo do humor acedo e da comedia máis persoal. Unha consecución de personaxes variados que fan aparición ao longo da trama e conforman este universo cinematográfico que nos lembra ás películas de Martin Scorsese. Carlos Blanco, Alina Furman, Eva Llorach, Francesca Piñón e Vito Sanz son máis que un elenco de secundarios, pois sen eles non se sustentaría a proposta.

A participación galega está presente da man de Carlos Blanco que interpreta varios personaxes con pouco peso, mais necesarios. É unha mágoa non contar co actor arousán con máis forza ou con personaxes máis relevantes nesta trama tan coral.

Irene Escolar interpreta a María Kapravof. Un acerto que sexa ela quen se poña na pel da peculiar artista que defende a realidade extrema fronte a ficción, se temos en conta a intensidade coa que acostuma traballar a actriz. Este personaxe non deixa de ser unha parodia de si mesma e de toda esa filosofía (re)produtivista dos que se formaron con Cristina Rota. As súas aparicións son divertidas e dinámicas.

O espazo deseñado por Jose Novoa é fermoso e cambiante, unha das mellores decisións do espectáculo. Reproduce un banco, pero tamén distintos lugares grazas ao xogo que se dá nas cristaleiras da oficina e dunhas sinxelas persianas. As lámpadas suben e baixan, xunto co teito, e conforman os despachos do banco, o limiar ou mesmo a cámara acoirazada. Unha pasarela superior serve de pantalla de proxección e de espazo de tránsito; á vez que axuda a romper a horizontalidade. Trapelas, fondos cambiantes, portas, fume, leite falso, sangue, mexos, cartos polo ar… A obra xoga con todos os tópicos para romper con eles.

O espectáculo comeza cun ritmo trepidante onde se presentan moitos dos datos fundamentais para entender o contexto dos personaxes. Ao meu modo de ver, esta presentación é excesivamente rápida e sume ao espectador/a nun caos de datos que fai complexo conectar coa trama ata ben entrado o espectáculo. A proposta adoece nalgúns puntos de maior ritmo, sobre todo nos que deberían presentar máis nerviosismo interpretativo como é o propio atraco. Tamén atopamos momentos nos que é difícil escoitar aos actores, que mesmo levando micrófonos, fan que o/a espectador/a teña que facer un dobre esforzo por escoitar e non perderse na cambiante trama.

Aínda así, Atraco, paliza y muerte en Agbanäspach é unha proposta sorprendente que entretén, fala de teatro sen caer na pedantería e leva ao espectador a un atraco real. Como nunha película, a trama presenta puntos de xiro e constantes enigmas que se van resolvendo con humor e o toque macarra de Albet e Borràs. Esta montaxe demostra a gran personalidade e forza das novas voces do teatro do noso país e a importancia de que o CDN aposte por elas. Cómpre agora que a institución nacional teña máis presente aos dramaturgos/as galegos/as, así como aos nosos creadores porque, ás veces, parece que só Madrid está presente na súa programación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Atraco, paliza y muerte en Agbanäspach, Nao Albert e Marcel Borrâs

Reparto: Nao Albet, Carlos Blanco, Marcel Borràs, Irene Escolar, Alina Furman, Eva Llorach, Francesca Piñón e Vito Sanz
Dirección: Nao Albet e Marcel Borrás
Dramaturxia: Nao Albet e Marcel Borràs
Voces en off: Jordi Boixaderas, Rafa Calvo, Eduard Farelo, Camilo García, Maife Gil e Mercé Montalà
Escenografía: Jose Novoa
Iluminación: CUBE.BZ (María de la Cámara e Gabriel Paré)
Vestiario: Paula Ventura
Espazo sonoro: Roc Mateu
Vídeo e subtítulos: Oslo Albet
Asesoramento movemento: María Cabeza de Vaca e Oriol Pla
Axudante de dirección: Anabel Labrador
Axudante de dramaturxia: Juan Miranda
Axte. de escenografía: Laura Ordás
Axudante de vestiario: Sandra Espinosa e Rubén Martín
Tradutora e coach de ruso: Anastasia Kostyuchek (Instituto Ruso Pushkin de Madrid)
Producción: Centro Dramático Nacional

Teatro María Guerrero, CDN de Madrid. 17 de marzo de 2021.

Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fernando Jorge Lopes

Fernando Jorge Lopes: “Os problemas na cultura em Portugal não resultam do surto epidémico”

Festival do Teatro Galego

Máis de 140 pezas optan a formar parte do programa do 32º Festival do Teatro Galego