in ,

Zarandeados en Cangas

'Todos los ángeles alzaron el vuelo' de La Zaranda na 42ª MITCF de Cangas. Foto: Anna R Figueiredo.
'Todos los ángeles alzaron el vuelo' de La Zaranda na 42ª MITCF de Cangas. Foto: Anna R Figueiredo.

Este ano a 42ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo apañoume desbordado de traballo. Só puiden ir un día. Pero vaia día!

Ando con tanta cousa que cheguei co espectáculo comezado e saín correndo, como se a vida se esgotase, tal cal acontecera cos personaxes naquel escenario escuro, ao que non saían para saudar, no aplauso final, as magníficas actrices e actores de La Zaranda.

Desde onde conseguín aparcar, até o Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, aínda había unha boa tirada, case na outra punta da vila. Cheguei correndo, entrei pola primeira porta lateral. A platea estaba a escuras e, baixo un cenital, desde o escenario, un actor cos xeitos de Max Estrella – aquel cego visionario, escritor bohemio, da obra mestra do de Vilanova de Arousa – soltaba frases filosóficas relucentes como raios. Non era Max Estrella, era o personaxe que os outros alcumaban de idiota e que citaba a Dostoievski e a Shakespeare, que carretaba libros vellos e unha cadeira de rodas, como a barca de Caronte.

Todos los ángeles alzaron el vuelo é a última peza de La Zaranda, a xa histórica compañía de teatro, que se adapta aos tempos manténdose fiel ao seu selo inconfundible, que se vai volver manifestar neste espectáculo.

Todos os anxos alzaron o voo e a terra ficou desprotexida e sen anxo, exposta á depredación máis vil e a súa auto-aniquilación.

Conmoveunos a beleza tétrica e pictórica, xunto do humor cruel e tenro, tan propios desta compañía. A teatralidade consciente, aproveitando o xogo como figura retórica, para que eses personaxes desafiuzados, descartados, desgraciados e vadíos (as dúas putas; os proxenetas: o chulo e o exconvicto; o idiota que amenta a Dostoievski e a Shakespeare e carreta libros vellos) poidan relatar/(re)flexionar/reflectir o mundo a través dun puticlub, e facer de todos nós metáfora dos puteiros.

Por aí se enfían as relacións egoístas de explotación, marxinación, abuso e comenencias varias…

Marabilloso e terrible espectáculo, no que en innúmeras ocasións estamos a piques de rir, pero o riso conxélase e non pode saír, porque aquilo, aínda atenuado pola retórica teatral, é atroz. Sobre todo porque sabemos que a realidade, apuntada no escenario, aínda o é máis.

Marabilloso e terrible espectáculo, no que a coreografía e a danza son o anxo que se integra nese estilo tan característico de La Zaranda, que nos pode lembrar ao Beckett dos pallasos e á marionetización e á obxectualización de Kantor.

O final foi contundente, co escenario como un oco negro, diante do aplauso de abraio e consternación que se puido sentir na sala. Zarandeados porque todos os anxos alzaron o voo.

'Todos los ángeles alzaron el vuelo' de La Zaranda na 42ª MITCF de Cangas. Foto: Anna R Figueiredo.
‘Todos los ángeles alzaron el vuelo’ de La Zaranda na 42ª MITCF de Cangas. Foto: Anna R Figueiredo.
Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As autoras e autores que combateron no IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

David Gun Gundas gañou o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

'Nanai da China', de Pérez&Fernández

Camiño Escena Norte desvela as compañías do itinerario Constelacións