in

Camiño Escena Norte desvela as compañías do itinerario Constelacións

Na nova edición do proxecto, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro

'Nanai da China', de Pérez&Fernández
'Nanai da China', de Pérez&Fernández estrearase en castelán en Camiño Escena Norte. Fonte: CEN.

O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, Camiño Escena Norte (CEN), vén de dar a coñecer que serán 18 as compañías participantes no itinerario Constelacións da súa sétima edición, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro. Estas ofrecerán espectáculos e actividades en escenarios situados polos distintos territorios que conforman o proxecto.

Seguindo co lema “Sementar, coidar, xermolar”, este ano, ademais da xa anunciada incorporación da escena rioxana, o programa estrea FOCOS, unha proposta de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior dun dos territorios participantes, e que nesta primeira edición protagonizará Cantabria, que vén de acoller a presentación oficial do CEN.

Segundo explican dende a organización, os 18 espectáculos que formarán parte do Itinerario Constelacións, eixe central do CEN, foron seleccionados por seis comisións profesionais independentes de axentes do sector, unha en cada comunidade implicada, “co obxectivo de que o programa mostre parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas, producións para público adulto e familiar, de teatro, danza e artes do movemento e novo circo”.

Así, nesta edición, Galicia intervirá no intercambio cultural de CEN da man do Grupo Chévere, que xirará con Helen Keller, a muller marabilla?Paula Quintas Cía., co seu espectáculo Multiperspectivas#3, e Pérez & Fernández, que estreará fóra de Galicia, e en castelán, Nanay de la China.

Pola súa banda, Asturias achegará o traballo de Guayominí Producións, que presentará Hamlet; Zig Zag Danza, que xirará con Postais rotas; e La Roca Producciones, que participará con Zozobra. Cantabria amosará o traballo de El Tejo Producciones con El jardín de las posibilidades; Ábrego Teatro con Soñando a Lorca; e Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2024, xirará con .

No caso de Euskadi, seleccionáronse El dilema del corcho, de Tartean Teatro; Pausa, de niMú; e Progreso, de Olatz Gorrotxategi. Precisamente estes dous últimos espectáculos estrearanse fóra do País Vasco grazas ao CEN. Pola súa banda, Navarra ofrecerá Halley, de Led Silhouette; Una mera curiosidad, de Producciones Maestras e Yúgen, de La Banda Teatro Circo. Por último, A Rioxa estrea a súa participación nesta sétima edicion do CEN coas compañías El Perro Azul e o seu Globe Story; Chamán Producciones con Oveja perdida ven sobre mis hombros que hoy no solo tu pastor soy sino pasto también;  e Sapo Producciones con Te regalo el sol.

Nesta sétima edición, Camiño Escena Norte elixiu o lema “Sementar, coidar, xermolar”que quere “relacionar o proxecto co concepto de sementeira e natureza”, conectándoo con ideas que orbitan arredor do proxecto dende a súa primeira edición, como sostibilidade, paisaxe, camiño e resistencia. Da mesma maneira, CEN segue a impulsar neste 2025 “o proceso de sementar entre os públicos a súa paixón polas artes escénicas, coidando o proxecto desde o seu nacemento para que floreza en todos os territorios, mesmo nas condicións máis desfavorables, e ata o seu encontro coas espectadoras e cos espectadores”. 

Novas liñas de acción

Unha das novidades desta edición é a creación dos FOCOS, conxunto de iniciativas que dinamizarán a actividade cada ano nun territorio diferente, e desta quenda será Cantabria. FOCO CANTABRIA conterá un programa de actividades que inclúe desde accións de promoción do sector escénico cántabro ata o Encontro Habitación Peregrina PRO, que pasa a ser un programa itinerante (o espazo profesional celebrouse ata o ano 2024 en Lugo) e este ano se celebrará no Palacio de Festivais de Cantabria (Santander) do 16 ao 18 de setembro. A inscrición abrirase no mes de xullo.


Publicidade

Os FOCOS tamén determinarán a autoría do cartel e a imaxe de cada edición do CEN. Este ano a deseñadora cántabra Isabel de la Sierra asina a imaxe que acompañará a programación. A proposta visual foi construída a partir do lema Sementar, coidar, xermolar. Para a deseñadora, “representa como o teatro non só se contempla, senón que se vive, sente e transforma” dende o lado do público. “Con esta imaxe mostramos o teatro desde dentro: a arte escénica atravésanos, seméntase na alma e florece como memoria viva. Así acontece en cada paso do CEN: é unha floración interior provocada pola arte escénica, que atravesa cada territorio e cada espectador”, explicou. Cada unha das catro versións do cartel mostra unha figura humana distinta, para “reforzar a riqueza e diversidade cultural de CEN”.

Catálogo de espectáculos recomendados

O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha das ferramentas que promove CEN. Trátase dun “selo de calidade que serve de promoción e apoio á distribución das propostas das compañías fóra da súa contorna habitual”, segundo poñen en valor dende o proxecto. “É o caso da utilidade que supón, por exemplo, para as programadoras dos demais territorios CEN, mais tamén para os do resto do Estado”, subliñan.

Tanto este Catálogo coma a programación do Itinerario Constelacións utilizan un sistema de selección de espectáculos baseado en comisións territoriais. “Un total de 30 persoas expertas traballaron de maneira colexiada e, por medio dun proceso de selección transparente e garantista, realizouse unha clasificación da que saíron os 36 espectáculos que conforman neste 2025 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte. Deses 36, seis por comunidade, saíron os 18 espectáculos mencionados anteriormente e que xirarán este ano nas Itinerario Constelacións”, afondan arredor do proceso de selección.

Organización

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial. Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Foto grupal da presentación de Camiño Escena Norte 2025
Imaxe grupal da presentación de Camiño Escena Norte 2025. Foto de Miguel de Arriba.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Todos los ángeles alzaron el vuelo' de La Zaranda na 42ª MITCF de Cangas. Foto: Anna R Figueiredo.

Zarandeados en Cangas

Punto en boca, de Raquel Crespo e o CDG

Raquel Crespo e o CDG inician a xira de ‘Punto en boca’