Un novo título vén de sumarse ao programa anual de coproducións do Centro Dramático Galego coa estrea o pasado sábado en Culleredo de Punto en boca: entre fíos anda o lío; un espectáculo itinerante da creadora Raquel Crespo que xirará ata finais de agosto por unha trintena de localidades, maioritariamente en núcleos rurais das catro provincias.
O espectáculo é o primeiro resultado dunha iniciativa social pola que a súa autora acadou o VI Premio Luisa Villalta para proxectos pola igualdade e coa que, durante os pasados meses de febreiro e marzo, desenvolveu no concello de Culleredo unha decena de actividades e obradoiros arredor da costura, o teatro e a súa relación.
Trátase dunha proposta pensada para público familiar que propón unha reflexión sobre o valor dos oficios tradicionais e, en concreto, sobre o papel das mulleres no ámbito da costura e da industria téxtil, utilizando o teatro como ferramenta para divulgar e reivindicar estas profesións.
Trala función de estrea que acolleu o Xardín Botánico Ría do Burgo de Culleredo o pasado sábado, esta nova coprodución da unidade teatral da Xunta de Galicia iniciou unha intensa xira durante os meses de xullo e agosto, que contará con actuacións en Alfoz, Bóveda, Ribadumia, Celanova, A Pobra de Brollón, Curtis, A Lama, A Arnoia, Vilamartín de Valdeorras, Rodeiro, Beade, A Rúa, Sarria, Taboada, Friol, Pazos de Borbén, Mugardos, Meira, Rábade, Baños de Molgas, Irixoa, A Cañiza, Carral, Allariz, O Valadouro, Oroso, Lourenzá e Lousame.
Escenario e taller
Raquel Crespo interpreta nesta peza unha muller, metade actriz e metade costureira, que percorre o mundo co seu carromato: un fogar con rodas que é, ao mesmo tempo, escenario e taller. Viaxa soa, pero sempre acompañada por “unha araña discreta e incansable tecedeira de silencios”.
Para o desenvolvemento do espectáculo, a súa creadora contou, entre outras achegas, con Susana Crespo na dramaturxia e coa música de Xosé Lois Romero. Ademais do Centro Dramático Galego na coprodución, dispuxo tamén do apoio da compañía El Ruiseñor e do Concello de Culleredo.
Ao tempo que se inicia esta xira, continúa desenvolvéndose a doutra das coproducións impulsadas este ano polo Centro Dramático Galego, neste caso con Mariña Lestón, que está a representar o espectáculo Costa da Morte, cartografía dun naufraxio en diferentes localizacións singulares do litoral galego.