A XVI edición do premio teatral que impulsa a MIT xa está en marcha. Todas as persoas que desexen presentar obra orixinal e inédita, escrita en lingua galega, poderán facelo ata o 18 de xuño.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) convoca unha nova edición do Premio Abrente para Textos Teatrais, un dos galardóns máis prestixiosos da escrita dramática de Galicia. Os obxectivos principais deste consolidado Premio Abrente son fomentar a creación dramática contemporánea na nosa lingua e favorecer a diversidade de estilos e estímulos da creación escénica galega contemporánea. O Abrente é xa un referente no seu corpus e na súa colección, as edicións en Difusora de Letras, Artes e Ideas. En sintonía co propio festival, o Premio Abrente pretende ser unha plataforma estable e dinámica para a dramaturxia galega. Nese sentido, o galardón seguirá despregando a súa influencia en colaboracións con colectivos e asociacións de referencia no seu obxectivo de fomento da dramaturxia en galego, como DramatuGA (Asociación Galega de Dramaturxia).
Marcos Abalde foi o gañador da anterior edición, e entre as dramaturgas e dramaturgos que acadaron o premio atópanse: Vanesa Sotelo, Roberto Salgueiro, AveLina Pérez, Manuel Lourenzo, Xandra Táboas, Ernesto Is, Esther Carrodeguas, Roi Vidal, Fernando Epelde, José Luis Baños de Cos, Carlos Losada, Antonio Yáñez e Fran Godón.
Bases
O Premio Abrente ten unha dotación de 3500€, e acadalo supón a edición da obra e o apoio do festival a través das súas coproducións. Os textos deben presentarse por triplicado e garantindo o anonimato do seu autor ou autora. Todos os detalles do procedemento da convocatoria do certame poden consultarse na sección web do galardón da MIT de Ribadavia.