in ,

Ernesto Is gaña o XVI Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Ernesto Is scaled |

O dramaturgo asturiano acada con Profetas o seu segundo Abrente, despois de gañalo ex aequo na convocatoria do ano 2016.

Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o gañador do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Profetas, unha reflexión sobre a arte, o amor, as cidades e as ficcións que nos conforman como persoas. O xurado, composto pola actriz Patricia Vázquez, o dramaturgo José Luis Baños de Cos e a escritora Anna R. Figueiredo, salientou de Profetas “a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz”.

Este é o segundo Abrente para o dramaturgo asturiano, xa que no ano 2016 a súa peza Fendas foi premiada xunto a Todo sobre Eva de Xandra Táboas. O galardón consiste na edición da obra por parte da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas na súa Colección Abrente e mais 3500 euros.

Marcos Abalde foi o gañador da anterior edición do Abrente, e entre as dramaturgas e dramaturgos que acadaron o premio atópanse Vanesa SoteloRoberto SalgueiroAveLina PérezManuel LourenzoXandra TáboasErnesto IsEsther CarrodeguasRoi VidalFernando EpeldeJosé Luis Baños de CosCarlos Losada, Antonio YáñezFran Godón.

Profetas

Segundo o xurado, Profetas “presenta o encontro dunha parella que xa non o é, para facer un balance da súa relación, dos encontros e desencontros, despois de varios anos, dende a etapa de maior inmadurez ata a solidez intelectual e física”. O xurado indica que “esta obra teatral ten a materia da cal está feita a vida, vemos que entre eles se acabou o amor, son conscientes, pero aos personaxes cústalles romper ese vínculo. O texto, maxistralmente escrito, ten un ritmo narrativo perfecto, con cadencias, musicalidade e cambios adecuados. Tamén destaca a construción dos personaxes, con peso equitativo tanto para o home coma para a muller, cos cales o público empatiza en igualdade, volvéndose ademais uns xoguetes moi atractivos para calquera actor e actriz”.

O xurado tamén salienta “as referencias moi pertinentes da literatura e do cinema na peza, coma Moby Dick, que se integran con naturalidade na construción dunha tipoloxía de intervención escénica próxima ao ton da conversa. A cuestión metateatral desta obra funciona coma un xogo de agochados, de saltos e retos na recepción. As figuras escénicas están en desamor pero namoran ao público e atrapan a súa atención”.


Publicidade

Profetas Ernesto Is |
Fragmento de “Profetas”, de Ernesto Is

Ernesto Is

Titulado superior en dramaturxia pola ESAD de Galicia, anteriormente fórmase no eido da realización e da produción audiovisual. Completa a súa formación con diversos obradoiros impartidos por Alfredo Sanzol, Paula Carballeira, Antonio Rojano, Sergio Blanco ou Bárbara Colio, entre outros profesionais da escena e da escrita.

Ademais da súa faceta de dramaturgo, traballa como narrador oral e profesor de teatro e escrita dramática. É membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro e un dos coordinadores do seu sitio web. Colabora habitualmente coa Revista Grial (Editorial Galaxia) e con A Movida de Vigo.

En 2016 gaña (ex aequo) o Premio Abrente da MIT de Ribadavia coa obra Fendas. En 2017 acada o Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña con Despois das ondas, peza sobre a vida da actriz franco-galega María Casares que posta en escena por ButacaZero en 2019; montaxe pola que foi candidato a mellor texto orixinal nos XXIV Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Participou no VI Programa de Dramaturgias Actuales do INAEM (2017), dando como resultado a obra El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. En 2018 forma parte do grupo de traballo de dramaturxia do Centro Dramático Galego, coordinado por Manuel Lourenzo, coa escrita d’Onde veñen morrer as baleas. En 2020, os teatros Arriaga (Bilbao), Victoria Eugenia (Donostia) e Principal (Vitoria) seleccionaron o seu proxecto Canciones amarillas para flores tristes para desenvolvelo no programa Antzerkigintza Berriak (Nuevas Dramaturgias). No ano 2021, o seu proxecto Relato para un incendio foi o gañador da primeira Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada pola Xunta, a través do Centro Dramático Galego, en colaboración co sector teatral.

A compañía Feira do Leste estreou, con dirección de César No, dúas súas dramaturxias de proceso: Exilio das Moscas (2016) e Tras Tannhäuser (2017) –axudas á Creación Joven do INJUVE–.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Omma

Omma

Centro Dramático Galego

Marta Pazos e Cándido Pazó dirixirán as novas producións do Centro Dramático Galego