Do 27 ao 29 de novembro terá lugar o IV Congreso Internacional Performa, no Colexio Maior Fonseca e no salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

 

As xornadas contarán coa presenza de José Sanchis Sinisterra para a conferencia invitada, e de Marcel·lí Antúnez, Óscar Cornago e Juan Navarro ou Roger Bernat para conferencias performativas, ademais de corenta relatores e relatoras do ámbito dos estudos teatrais e performativos ou da escena profesional.

O Congreso pretende focalizar a mirada nos espazos, reais ou virtuais, relacionados con aquelas propostas teatrais/performativas que se afastaron dos escenarios tradicionais. Neste sentido, preséntanse as seguintes liñas temáticas nas que as comunicacións poden encadrarse:

  • O xiro performativo nas artes
  • Teatro e novos espazos
  • Artes escénicas e activismo social: a intervención do espazo público
  • Teatro e novos medios: o teatro dixital
  • Literatura expandida, poesía e performance
  • Artes audiovisuais e experiencias performativas: da instalación ao poscine

O propósito é afrontar estas liñas temáticas desde o ámbito hispánico sen descartar unha perspectiva comparada que atenda á aparición no contexto internacional de novas prácticas teatrais e performativas, cuxa natureza implique unha reconsideración do concepto de espazo.

Outro dos eixos fundamentais deste congreso será a análise das motivacións sociais e políticas que están detrás destas prácticas, do seu impacto cultural, ao que por suposto non será allea a noción de mediatización. Valorarase, por último, a dimensión intermedial ou posmedial do obxecto de estudo.

O mércores 27 de novembro, Marcel·lí Antúnez presentará a conferencia performativa Sistematurgia. Varietés. Antunez, un dos fundadores da compañía La fura dels Baus, está recoñecido internacionalmente como unha das figuras máis relevantes da arte electrónica e da experimentación escénica, que leva 30 anos desenvolvendo a súa arte en museos, galerías, teatros e espazos non convencionais en máis de 40 países.

O xoves 28 a xornada pecha con outra conferencia performativa: SE ALQUILA #1. Archivo universal del actor, de Óscar Cornago e Juan Navarro, que presentan como un libro vivo, un estudo sobre a memoria dos corpos, o pasado, a experiencia e o público, unha conversa imposible entre o mundo das ideas e a acción, o suxeito desta conferencia e o obxecto de estudo, arredor da memoria de Juan Navarro como actor, performer, creador escénico e director teatral.

Finalmente, o venres 29 terá lugar a perfomance Uti et abuti (el uso y el abuso), de Roger Bernat. Bernat crea espectáculos onde o público ocupa o escenario, como Domini Públic (2008), Pura coincidència (2009), La consagración de la primavera (2010), Please Continue: Hamlet (2011), Pendiente de voto (2012), Desplazamiento del Palacio de La Moneda (2014), Numax-Fagor-plus (2014) ou We need to talk (2015). No 2009 editou, con Ignasi Duarte, Querido Público. El espectador ante la participación: jugadores, usuarios, prosumers y fans.

O congreso está aberto a quen queira asistir, mais para obter un diploma acreditativo cómpre matricularse e facer un pagamento de 50 euros, a través do correo performagrupo@gmail.com.

O programa completo pode consultarse aquí.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos