in

El testamento de María

el testamento de maria 07 foto josep aznar |

Non nos deixes caír na ficción

| Camilo Franco |
| Foto: Josep Aznar |

 
E así anda xente por aí, rezando para que nada do que lle contaron acabe como unha ficción calquera. Esquecendo cantas cousas da vida están configuradas pola ficción: que os alemáns son perfectos, que os norteamericanos son fortes, que os seres humanos somos bos. Ficcións desmentidas pola estatística e, aínda máis, pola crueldade dos feitos. Pero nós seguimos aí: aceptando a ficción como unha referencia. Unha das vantaxes de El testamento de María é devolver aos espectadores esa posibilidade arredor do cristianismo: que todo é ficción, unha ficción inverosímil, caótica, mal organizada e, sobre todo, moi interesada. A outra virtude argumental da obra é explicarnos a María como unha nai que non pode entender o que pasa arredor do seu fillo e, sobre todo, que pode ser calquera cousa menos cristiá.

E a partir daí, desas virtudes de inicio, a obra está construída sobre a fe na actriz (en Blanca Portillo ou en calquera que a interprete), na capacidade de interpretar unha personaxe marcada pola tradición, sobreactuada polos seus biógrafos, distanciada de calquera realidade posible ata o punto que o que podería ter sido verosímil aparece agora como fantasía. A intención de devolver a María á realidade pode resultar tanto unha provocación para a vella escola ou só o animo de traballar sobre un personaxe que, como poucos outros, pode ser entendido como tal. Hai máis literatura que verdade sobre ela. Sabemos o contado e alguén tiña que contar outra cousa.

Este é un personaxe con catro motivacións: a incomprensión sobre o seu fillo, a resistencia a un entorno que é hostil, a covardía de ter abandonado ao fillo na cruz e a dor da súa morte por entre a súa fuxida. Blanca Portillo afonda nos estados de ánimos de cada momento, facendo unha certa secuenciación con eles, unha progresión que comeza coa desconfianza por quen quere contar a súa historia sen contar co seu punto de vista e que acaba coa dor da nai que abandonou ao seu fillo. É unha nai refuxiada lonxe do mundo que circula arredor do culto ao seu fillo e nese rexeitamento Portillo axusta mellor a resistencia, a desconfianza e mesmo a covardía que a dor da nai sobrepasada polo tamaño da traxedia. A actriz é máis contundente nese desprezo polos próximos, está máis decidida no que supón a covardía e está máis inocente cando expresa a súa fe lonxe do cristianismo que na dimensión da dor. A dor é tamén un asunto cultural. A representación da dor tamén é así. Non deixa lugar aos matices. E así como en calquera outra, Blanca Portillo asume os matices como parte da profundidade do seu personaxe, na dor é directa como se todas as dores fose a mesma dor. Aínda co berro mudo. A actriz non escatima. Ou pode ser que sexa necesario contrapesar esa imaxe de serenidade que sempre vai aparellada.


Publicidade

A montaxe é consciente do seu carácter e de que un texto precisa movementos. Por debaixo do texto, desa narración da historia contada noutro sentido, hai unha actividade que impide que a actriz estea quieta. Unha prevención contra o estatismo dos monólogos, pero tamén unha demostración máis dun personaxe inquedo, intranquilo, inconforme coa súa circunstancia. Hai algúns deses movementos verdadeiramente delicados, como coreografías dunha cotidianeidade recoñecible hoxe. Movementos dunha nai que non se afai a unha perda, que ten memoria física dos seus labores. Dunha nai atravesada por unha traxedia privada máis que por un mito.
 
El testamento de María, de Centro Dramático Nacional, Festival Grec, Avance PT.
Autor: Colm Tóibín.
Dirección e adaptación: Agustí Villaronga.
Intérprete: Blanca Portillo.
Escenografía: Frederic Amat.
Atrezzo: Jordi Vera.
Vestiario: Mercè Paloma.
Son: Lucas Ariel.
Composición musical: Lisa Gerrard.
Deseño de iluminación: Josep Maria Civil.
Tradución: Enrique Juncosa.

Festival Internacional Outono de Teatro. Auditorio de Carballo. Sábado, 16 de outubro de 2105.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

alakran |

Kairos, sísifos y zombis

menudodia |

Menú do día