in

Chévere leva o teatro aos escaparates de Ames

ChevereEscaparate |
As representacións faranse no exterior e en grupos reducidos para diminuír o risco de contaxio.

 

Chévere volve esta semana ao traballo logo de catro meses de parón forzoso por mor da Covid-19. Farao no concello de Ames con dúas xornadas (venres 17 e sábado 18) durante as que levará o teatro aos escaparates dos comercios, unha actividade que se encadra no programa AmesON, contido á súa vez no Plan Reactiva Ames, co que o Concello pretende dinamizar os sectores cultural e comercial deste concello.

Estas pezas poderanse ver o venres 17 no Milladoiro, entre as 19:30 e as 21:00 e o sábado 18 en Bertamiráns, entre as 12:30 e as 13:45 e posteriormente entre as 21:00 e as 23:00. Para favorecer os grupos reducidos e renovar o público constantemente, faranse 2-3 e ata 4 pases de cada peza.

EscapÁrate! é un proxecto innovador que usa o teatro como ferramenta para a promoción e dinamización do pequeno comercio e para incentivar o consumo responsable, con participación directa dos establecementos comerciais. Busca transformar os escaparates, auténtica seña de identidade do comercio, en escenarios para o teatro, para poñer en valor o comercio retallista como espazo de socialización e reivindicar a compra-venda nunha relación de proximidade baseada no diálogo, de gozar do paseo a ceo aberto ou de deixarse sorprender polo aire na cara, polo cheiro a comida recén feita e pola teatralidade dos escaparates.

Ademais, no contexto da crise provocada pola Covid-19, faise máis necesario aínda desenvolver accións de animación e promoción do comercio de proximidade, un dos sectores máis afectados. O obxectivo é contribuír a que a xente recupere a confianza, saia da casa atraída por unha iniciativa orixinal que altera a súa rutina diaria, e crear unha experiencia positiva en relación co pequeno comercio. O obxectivo final é vivir e usar a nosa vila dunha maneira inesperada e sorprendente, como signos de cambio cara unha nova normalidade máis solidaria, imaxinativa e compartida.

Esta proposta contribúe ademais a recuperar a actividade cultural e teatral no concello, mentres os teatros e centros culturais abren con grandes limitacións de capacidade. Porque esta é unha actividade na que o público está ao aire libre, durante un tempo breve, en grupos reducidos, favorecendo a distancia interpersoal e separado dos artistas.

 


Publicidade

EscapÁrate! Consiste en representar 5 pezas teatrais breves dentro dos escaparates, constituíndo un roteiro teatral que atravesará as rúas e prazas de Bertamiráns e Milladoiro.

Idea e creación: Chévere. Intérpretes: Patricia de Lorenzo, Xron, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Borja Fernández, Mónica García, Antón Coucheiro. Arranxos sonoros e loxística: Xacobe Martínez Antelo. Comunicación: Xana García.

As actuacións terán lugar ao longo de dous días dacordo co seguinte horario:

VENRES 17 XULLO

MILLADOIRO (rúa Anxeríz e adxacentes)
19:30 Comercio CAREVA. Peza: Corcheiro&Percheiro (bailaríns pendurados)
19:45 Comercio PATAGONIA. Peza: Cambio de tempada (comedia romántica con manequín)
20:00 Comercio CAREVA. Peza: Corcheiro&Percheiro
20:15 Comercio PATAGONIA. Peza: Cambio de tempada
20.30 Comcercio MAYZU. Peza: Tres tenores (recital lírico)
20:45 Comercio PATAGONIA. Peza: Cambio de tempada
21:00 Comercio MAYZU. Peza: Tres tenores

SÁBADO 18 XULLO

BERTAMIRÁNS (arredor das prazas do Concello e da Mahía e avenida da Mahía)
12:30 Comercio: LA LOLA. Pernas (coreografía para seis pernas con pelos)
12:45 Comercio: A TENDA DE FRÁBER. Corcheiro&Percheiro (bailaríns pendurados)
13:00 Comercio: LA LOLA. Pernas (coreografía para seis pernas con pelos)
13:15 Comercio: A TENDA DE FRÁBER. Corcheiro&Percheiro (bailaríns pendurados)
13:30 Comercio: QUEENS Telesaúde (consultas a distancia)
13:45 Comercio: A TENDA DE FRÁBER. Corcheiro&Percheiro (bailaríns pendurados)

21:00 Comercio: QUEENS. Telesaúde (consultas a distancia)
21:30 Comercio: T3. Cambio de tempada (comedia romántica con manequín)
21:45 Comercio: QUEENS. Telesaúde (consultas a distancia)
22:00 Comercio: JOSÉ SAENZ. Os tres tenores (recital lírico)
22:15 Comercio: T3. Cambio de tempada (comedia romántica con manequín)
22:30 Comercio: QUEENS. Telesaúde (consultas a distancia)
22:45 Comercio: T3. Cambio de tempada (comedia romántica con manequín)
23:00 Comercio: JOSÉ SAENZ. Os tres tenores (recital lírico)

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TorneoCangas |

Roberto Salgueiro gaña o IV Torneo de Dramaturxia de Galicia na Mostra de Teatro de Cangas

DeputacionCoruña |

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece máis de mil trescentos espectáculos