O Carballiño acollerá, do 17 ao 21 de agosto, a duodécima edición do Festival de Títeres. Durante as cinco xornadas que ocupa o festival, terán lugar obradoiros, xogos, contacontos e representacións na explanada do Parque Municipal, ás 19:00 (en caso de chuvia trasladaranse ao Pavillón da Uceira). A entrada será gratuíta e o aforo estará limitado para cumprir coas medidas sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19.
O festival comeza o luns, 17 de agosto, coa compañía Bandullo Azul, que representará a súa obra Flipa cos Contos. O martes 18 será a quenda do obradoiro de títeres con cartón. O mércores Barafunda Teatro presentará Xan das Ondas e, ese mesmo día, está programado tamén un obradoiro de títeres con globos. O xoves 20, a compañía Teatro de Marionetas Trécola representará O Show de Baracollas. Para rematar, o venres 21, pecharase o festival con Estrafalaria, da compañía Xarope Tulú. Neste último día tamén haberá xogos para público infantil e familiar.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



