in , ,

O FITO cumpre 18 anos

E celébrao cunha programación que arranca hoxe e se desenvolverá ata o 26 de outubro

Presentación FITo reducida 2
Presentación da 13ª edición do FITO. Fonte: Xunta de Galicia.

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) inaugura hoxe a súa 18ª edición, que se desenvolverá ata o vindeiro día 26 de outubro. A cita, organizada pola compañía Sarabela Teatro, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco da súa liña de subvencións a festivais de artes escénicas, así como coa colaboración da Deputación de Ourense, o Teatro Principal de Ourense, o Liceo de Ourense e a Universidade de Vigo.

O Teatro Principal, o Liceo, a Sala Emilia Pardo Bazán do campus universitario e a Agrupación Cultural Auriense serán os escenarios das representacións, nun ano no que se amplían os espazos e as colaboracións.

Unha programación variada

A agrupación Elefante Elegante abrirá o FITO o xoves 16 de outubro no Teatro Principal con Alta costura; ButacaZero presentará Melón pelado o venres 17 no Liceo Recreo Ourensán; e Redrum Teatro levará ao mesmo escenario Sophie non é o meu nome de guerra o domingo 19. O mércores 22 de outubro, a Sala Emilia Pardo Bazán acollerá a mostradas pezas desenvolvidas no proxecto 67 Graos. Ourense Fervescénica, froito das bolsas de creación destinadas a promover o diálogo interdisciplinar entre artistas. Esa mesma xornada terá lugar na Agrupación Cultural Auriense a estrea de Cuore de Italia, da compañía Priscila, unha proposta híbrida de música e teatro asinada por Fernando González, Vadzim Yuknevich, Fernando Dacosta e Fran Lareu, que ofrece unha viaxe desenfadada pola tradición musical italiana. O venres 24 estrearase no Teatro Principal Xoguetes rotos, de Barrosanta en coprodución con ButacaZero. Un día despois, Producións Teatrais Excéntricas porá en escena a súa versión da novela de Castelao Os dous de sempre, tamén no Liceo.

A programación estatal e internacional incluirá Antiga novidade, do creador madrileño Nacho Vera, o sábado 18 de outubro no Teatro Principal; Feliz día, da compañía arxentina Suttotos, o xoves 23 no mesmo espazo; e Amalia y el río, do mítico grupo estremeño Guirigai, que clausurará o festival o domingo 26 tamén no Teatro Principal.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe dun ensaio de Ca-Co-Flex!

ALOMAIS Teatro estrea ‘Ca-Co-Flex!’

Os dous de sempre Mofa e Befa

Mofa e Befa estrean ‘Os dous de sempre’