Crítica

Os amores de Jacques o Fatalista

Eros e civilización

| Roi Vidal Ponte |

 

Jacques2

 

Houbo un tempo no que as historias eran contadas con graza. O importante non era de onde viñan nin a onde se dirixían as personaxes, senón que a súa singradura favorecese as peripecias. As historias, en realidade, eran sempre as mesmas, e podíanse contar cos dedos dunha man. Cando hoxe alguén se remite a ese tempo e a esas historias, é alcumado de clásico. Se o fai con afán lúdico e vangardista, de neoclásico. Se o afán é experimental e autoconsciente, de postmoderno.

Quico Cadaval é o noso director máis neoclásico. Ninguén coma el é quen de se excitar co verbo requintado de Cunqueiro ou de inventar unha actualización humorística do Edipo de Sófocles. É tamén un dos directores que máis importancia lle dan á literariedade da literatura dramática, pois para el a palabra é creadora de mundos, pero en ningunha produción anterior a esta lle dera Excéntricas tanta cabida á súa obsesión pola palabra literaria e pola arte de contar historias.

O espectáculo parte dunha orixinal dramaturxia que teatraliza o argumento da novela de Denis Diderot, de xeito que todo o que vemos é unha sorte de ensaio dunha representación teatral. É o tamén clásico distanciamento brechtiano que, apoiado nesta ocasión nunha escenografía construtivista e nun vestiario actual (agás no contraste cómico co disfrace do músico), evidencia o carácter artificioso do feito teatral e anima os xogos actorais do elenco, especialmente cando se trata, como aquí, de representar unha mesma escena con estilos diferentes.

Para Jacques todo o que acontece no mundo está xa escrito no ceo. Se a existencia é algo que nos pasou, a creatividade reservámola para cando temos que narralo. Na versión de Excéntricas o metateatro e eses xogos xestuais propios dos comediantes populares do pasado, dirixidos e actuados con mestría e elegancia renacentista, inciden na idea de que o que importa non é tanto o que se conta se non como se conta.

A ausencia de Evaristo Calvo deixa paso a un Marcos Orsi que medra nos momentos máis histriónicos e que deixa demasiado peso a un Vitor Mosqueira acostumado a desenvolver a súa hábil inventiva física nun segundo plano: sobrancea no recordo a escena na que Mosqueira lle dá a vida a María Casares dunha maneira absolutamente xenial. Pola súa parte, María Costas canta e fala con claridade e sinxeleza nunha sólida actuación na que fai gala dunha excepcional dicción e dunha agradable naturalidade; mentres que Piti Sanz, responsable do espazo sonoro executado en directo con alicerces rococós, arranxa as súas esporádicas intervencións interpretativas cunha vergonza entrañable.

Aínda que o espectáculo non ten a forza textual do ciclo irlandés da compañía nin a comicidade propia de Mofa e Befa, ofrece un visionado agradable, por máis que ao principio o exceso de narratividade o faga parecer aburrido. É unha boa maneira de se achegar de xeito teatral á obsesión de Cadaval pola arte de contar historias, que aquí pasa do contacontos unipersoal ao elenco actoral con fluidez e enxeño, e que engade, neste caso, fortes cargas dun erotismo debidamente racionalizado que, como se fose unha metáfora da estética xeral do espectáculo, lle confire máis centralidade ao verbo que á carne.

 

Os amores de Jacques o Fatalista de Denis Diderot
Adaptación e Dirección: Quico Cadaval
Axudante de Dirección: Evaristo Calvo
Elenco: Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, María Costas, Piti Sanz
Espazo Escénico: Marcelino de Santiago, “Kukas”
Deseño de Iluminación: Octavio Mas
Dirección Musical: Piti Sanz
Vestiario: Vaello
Axudante de Produción: Efrén G. Pedrero
Produción: Rubén G. Pedrero

Teatro Principal, Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016.

 

 

 

 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!