in

Santiago Amoukalli

lagartijasauditorio |

Insuficiencia do documento

 

| Manuel Xestoso |
| Foto: Tempo de Lecer |

 
Teatro documental? Podería ser un asunto de xeometría: obrigar a que o plano da realidade e o plano da ficción se crucen nalgún punto e ver se xorde algunha figura nova. Non se trata de ningunha innovación, mais semella que vivimos nunha época que desconfía da eficacia da ficción para dar conta da realidade. Ou que se amosa incapaz de crear ficcións que estean á altura desa realidade. O teatro documental sería entón unha estratexia de encontro co real ou un síntoma de insuficiencia ante a súa complexidade. Un artificio que oculta a inquietude ante a sospeita de que a realidade é, en último termo, inaprensible na escena. Ante a sospeita de que, en consecuencia, intervir sobre ela é algo que está máis alá das capacidades do teatro.

A compañía mexicana Lagartijas tiradas al sol dálle unha viravolta a esta vella cuestión e presenta como ficción un espectáculo con todas as características do teatro documental. Un espectáculo que, precisamente, reflexiona sobre a dificultade de actuar sobre o real sen encerellarse na complexa urdime de intereses que o move. Un relato simple, mais ateigado de complexas ramificacións, que fala de oenegués que lexitiman co seu traballo o colonialismo das multinacionais; de actores que acoden a impartir ben intencionados obradoiros para a infancia en lugares onde o asoballamento e a explotación son a norma, sen preguntarse a quen beneficia, en último termo, ese esforzo; de como, en suma, o capitalismo é quen de absorber os discursos idealistas en favor da emancipación e reciclalos no seu propio interese.

Hai unha evidente intención didáctica que aproxima Santiago Amoukalli a determinados postulados brechtianos máis que ao teatro documento de Peter Weiss. E hai un encomiable esforzo por non caer no simplismo na presentación dun conflito no que as voces das vítimas son sempre as que menos se escoitan: a mirada colonial é a diana principal dunha función que trata de desenmascarar as eivas dun utopismo con máis boa fe que estratexia política.

A compañía evita a ironía, porque o asunto merece seriedade. Mais a ambigüidade entre ficción e realidade coa que xoga admite a dúbida de se a extremada sinxeleza da trama, a insistente apelación ao vídeo ou a un narrador para amosar o contexto, a falta de calor humano que acompaña a treboada de datos e cifras que queren ilustrar a situación… non constitúen unha declaración de impotencia ante o reto de elaborar unha verdadeira ficción que estea á altura da circunstancia que quere presentar.

O traballo é rigoroso; a denuncia, necesaria; a calidade, recorrente. Pero queda un pouso de insuficiencia que permite pensar que non abonda co documento para que o teatro manteña o seu vínculo coa realidade. Que a súa verdade non debe ser allea a si mesmo.

A fin de contas, cando aparecen un mordomo ou unha multinacional, xa sabemos quen é o asasino.

 


Publicidade

Santiago Amoukalli de Lagartijas tiradas al sol
Dramaturxia e interpretación: Luisa Pardo e Gabino Rodríguez
Dirección: Luisa Pardo e Gabino Rodríguez
Narrador: Francisco Barreiro
Espazo e iluminación: Sergio López Vigueras
Maqueta e panos: Pedro Pizarro
Vídeo: Carlos Gamboa
Deseño de son: Juan Leduc
Voz final: Cuauhtémoc Cuaquehua
Coprodución: Belluard Bollwerk Festival, Lagartijas Tiradas al Sol e residencia IN-TEATRO Polverigi

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal. 16 de outubro de 2016. 

 

 

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

getback |

Get Back

mg 0897 |

Helena, xuízo a unha lurpia