in

Entre (hu)ecos

entrehuecos |

Fendas de son

| Roi Vidal Ponte |

 

entrehuecos

 

Entras nunha igrexa como quen entra nun teatro. O actor principal realiza unha coreografía de teatro xestual, teatro de obxectos, posdrama salmódico e interacción co público en honor dun personaxe ausente que tomamos por real. É unha ficción curativa. Unha asemblea terapéutica. Un invento humano para o conforto colectivo.

Séculos despois (séculos de tempo máis filosófico ca cronolóxico) entras nun teatro como quen entra nunha igrexa. É un edificio público reservado para os ritos da comunidade: recitais poéticos, premios gobernamentais, panteón de ilustres. A escolla do lugar marcará todo o que aconteza. O espectáculo, o ritual, comeza fóra, cos asistentes apiñados, ansiosos por entrar. Alguén repartiu unhas pequenas ras de plástico coas que facermos ruído, unha fricción oclusiva que se expande entre a multitude como unha noite de verán.

E o verán entra no templo a escuras. A luz, pouca, deixa fírgoas de misterio nas penumbras. Non hai escenario, mais unha (in)determinada ordenación do espazo, que permite ou obriga ao público a mudar de lugar, a deambular polas naves laterais, buscando un oco desde o que asistir á cerimonia. Un coro con lentes de sol canta con sons cotiáns: risos, berros, estalos, murmurios, bicos. Os músicos, estrados polo templo, improvisan un free-jazz que vai do ambient ao noise. De a pouco distingues corpos de vermello. Son as actrices. Son as mestras de cerimonias. Son as protagonistas da historia. Da súa propia historia.

Comeza unha rapaza xordomuda cunha danza sacada da súa lingua, ou sexa, da súa maneira única de se expresar, xestual, teatral, danzística, ritual, humana. Baila coas súas propias palabras nun prólogo que anuncia o sentido de todo isto. Este silencio, estes ruídos, esta cousa rara, estes monólogos dubidados.

A forza visual do interior arquitectónico é tan potente que a atención se vai unha e outra vez ao son. Poucas experiencias teatrais contaron tan ben o sentido do concepto de espazo sonoro. A escolla do elenco, actrices amadoras participantes nun obradoiro de autoteatro a recitaren cadanseu monólogo purgador, non fai senón incrementar a sensación de que o que escoitamos é tan importante como o que se mostra. E esas raíñas continúan a chiar, a se poren de acordo para aplaudir ao seu xeito, dotando á velada dunha maxia especial, espectral, espacial, sonora. A aplaudiren a proclama e a denuncia, o berro e a queixa, o ánimo e a reflexión metafísica, a dor existencial e política, o que toca, en definitiva, dentro de cada actriz, de cada participante no obradoiro, de cada oficiante, a compartiren todas elas unha mirada incómoda sobre a realidade, a ofreceren os sorrisos que so aparecen tras a dor.

O ritual dará en festa ao saír do templo (era un teatro ou unha igrexa?). Ás portas dun museo de arte contemporánea a comunidade tomará xamón e beberá viño quente, comentará a xogada, valorará os esforzos e… E as raíñas? Onde están? Ficarían dentro? Se cadra aínda están alí, a aplaudiren por nós. A reflexionaren por nós. A choraren por nós. Por vós. Por todas. Amén do teatro, esa ficción curativa, esta asemblea terapéutica, este invento humano para o conforto colectivo.

 


Publicidade

Entre (hu)ecos de Loreto Martínez Troncoso
Concepción: Loreto Martínez Troncoso
Composición musical: Ramón Souto
Creación e interpretaciónCarmen Mª Alonso Vázquez, Alba Mª Álvarez Alonso, Paula Ballesteros Arias, María José Bures Rodríguez, Mª Carmen Castro Alarez, Mª Eugenia Fernández Ferreiro, Cristina González Nieto, Mª Esther Lodeiros Meijide, Mercedes Llerena Carregal, Raquel Noya Varela, Elsa Pereira Rodríguez, Alejandra Pombo, Xoana Regos Sanz, Nemesia Rodríguez Vigoy, Nailya Saifulina, Mª Lourdes Santos Tobío, Mª Luisa Silvela Costoya, Mercedes Tarrío Rivas; Ana Senra Vázquez e Ángela Iglesias a partir de textos e voces escritos e ditos no contexto do obradoiro “Liberar a nosa voz”.
Vertixe sonora [intérpretes neste concerto]: 
Maribeth Diggle soprano | Enrique Martínez tenor | Pablo Coello saxofón | Jorge Manuel Fuentes trompa | Nerea Rodríguez acordeón | David Durán órgano | Ángel Faraldo mesa de misturas | Ariel Ninas sanfona | Diego Ventoso percusión | Carlos Méndez contrabaixo | Ramón Souto director
Coro Asubío, Christian Losada director

Estrea no Festival Escenas do Cambio. Igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela. 5 de febreiro de 2017.

 

 

 

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

resaca |

Resaca

cdg |

Comunicado de Tito Asorey