Actualidade

Teatro Antroido leva este domingo o seu traballo ‘Rosalías’ a Ponteareas

PUBLICIDADE

Rosalías chega ao concello de Ponteareas para conmemorar o nacemento de Rosalía de Castro. A compañía Teatro Antroido estará este domingo, 25 de febreiro ás 19h00, no Auditorio Reberiano Soutullo de Ponteareas.

Rosalías é un acto poético, didáctico e divertido co que Teatro Antroido pretende ofrecerlle ao gran público as facetas menos coñecidas desa grande muller que foi Rosalía de Castro.

Partindo dunha idea de Agasallo de sombras (o espectáculo -escrito e dirixido por Roberto Vidal Bolaño e estreado polo Centro Dramático Galego hai 30 anos- que acabou por dinamitar a imaxe marmórea e santificada que a sociedade galega tiña da súa escritora máis importante) Rosalías achegará unha manchea de textos de e sobre Rosalia de Castro para contribuír a espallar unha imaxe renovada na que a padronesa xa non é esa muller sensibleira e romanticona, senón unha intelectual feminista comprometida coa análise da sociedade do seu tempo.

Mediante a técnica do Teatro Documento e sen renunciar a forza visual propia de todo espectáculo escénico, Teatro Antroido percorre a vida e a obra de Rosalía a través dos seus momentos máis significativos, nunha narración (escenificada por Roi Vidal e Laura Ponte) chea de poesía, pensamento, música, símbolos, humor e aire fresco.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos