in

Apoio do mundo da escena e o audiovisual a Iria Pinheiro

ipinheiro |

Este venres, Sermos Galiza adiantaba que a actriz Iria Pinheiro denunciaba ante o xulgado de instrución número 3 de Santiago unha situación de acoso que lle provocou un cadro de ansiedade. Segundo a denuncia interposta pola actriz, durante os tres meses de 2017 nos que traballou para o programa Con Amor e compañía, producido por Ficción Producciones para a Televisión de Galicia, sufriu “tocamentos, insinuacións, humillacións e comentarios” por parte do programa, Jose Luís Viñas Orta.

Pinheiro describe na denuncia e na devandita información xornalística diferentes episodios de abuso que se reproduciron numerosas veces ao longo dese trimestre e sinala que, cando se producía o rexeitamento pola súa parte, o director do progrma “reaccionaba primeiro con desdén e despois, con humillacións públicas”, indica a demanda citada por Sermos.

Ante esta denuncia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia fixo pública a súa posición de “total apoio” a Pinhiero e brinda apoio legal á actriz ao tempo que”aplaude a súa valentía”, nun comunicado que se fixo público a primeira hora da tarde e que reproducimos nesta páxina.

O Comité Intercentros da CRTVG tamén amosou o seu apoio á actriz, fixo pública a “máis absoluta repulsa e condena dos gravísimos feitos denunciados”, e esixe o cesamento do director acusado polo acoso.

Moitas persoas da profesión e do mundo da cultura amosaron a súa indignación a título persoal nas redes sociais e, segundo puido saber a erregueté – Revista Galega de Teatro, espéranse outros comunicados de asociacións profesionais apoiando a Iria Pinheiro nas próximas horas.

 

 

Comunicado da AAAG


Publicidade

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, amosa o seu total apoio á actriz e asociada Iria Pinheiro tras presentar unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela na que describe unha situación continuada de acoso por parte do director do programa emitido pola Televisión de Galicia Con amor e compañía, José Luís Viñas HortaNa citada denuncia, tal e como recolle o medio Sermos Galiza, a nosa compañeira Iria Pinheiro relata unha serie de feitos de extrema gravidade que, dende a AAAG, só podemos definir como deplorables e completamente intolerables ao tempo que os condenamos de forma enérxica.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, hoxe e sempre, está en plena disposición para brindarlle apoio legal ao conxunto do seu corpo asociativo fronte calquera situación denunciable como á que nos estamos a referir. No caso denunciado por Iria Pinheiro, a AAAG puxo a súa disposición no momento solicitado o asesoramento legal necesario e as persoas implicadas gardaron estrita confidencialidade ao respecto tanto da situación vivida coma das conversas que mantidas no contexto do asesoramento legal entre a nosa asociada coa letrada. Unha confidencialidade que se perserva até que Pinheiro decidiu presentar formalmente esta denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio.

A AAAG solidarízase con Iria Pinheiro, compañeira desta asociación e profesional de contrastada traxectoria no noso oficio, fronte os abusos denunciados ao longo dos meses que durou a gravación do citado programa, situación que cualificamos de denigrante e noxenta, completamente incompatible cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas pola que apostamos e que defendemos dende a Asociación, constituída por profesionais do sector, mais tamén por cidadáns concienciados que procuran a erradicación tanto deste tipo de condutas de asoballamento machista, abusos de poder e acoso laboral coma o silencio e a invisibilización.

A AAAG conclúe este comunicando amosando unha vez máis o pleno apoio á nosa compañeira Iria Pinheiro, poñéndonos publicamente á súa disposición unha vez máis e aplaudimos a súa valentía. Ademais, lembramos ao noso corpo asociativo que esta Asociación e os seus recursos están ao seu servizo para enfrontar situacións desta gravidade.

A xustiza non dá a razón a Iria Pinheiro

[ACTUALIZACIÓN – 28/09/2018] O Xulgado do Social número 3 de Santiago desestimou a demanda da actriz Iria Pinheiro contra o director do programa ‘Con amor e compañía’, José Luis Viñas Orta, ao constatar que non existiu no tempo que ela traballou neste espazo “ningún indicio” de acoso sexual. Do mesmo xeito, determina que a actuación da produtora ao coñecer os feitos foi “correcta”.

Segundo recolle o auto, segundo informou Europa Press, o exposto en sede xudicial por parte dos implicados e das testemuñas permite á xuíza determinar que “non se levou a cabo por parte do demandado” cara á actriz “ningún acto atentatorio de dereito fundamental”, tendo en conta que “non quedaron acreditados ningún dos feitos descritos no escrito da demandada”.

“Non se pode negar que quedou acreditado que a actriz non sentía cómoda no programa, nin cos personaxes, nin co vestiario de cada un deles, nin co guión adxudicado, que posiblemente non encaixaba no formato do programa”, indica o auto, algo que, con todo, determina, non ten que ver coa actitude do director. Por iso, explica, “non concorren elementos indiciarios de entidade suficiente para poder inferir, cun mínimo de solidez, seriedade e contundencia que os demandados, e en concreto o director, protagonizasen unha serie de condutas dirixidas a agredir o seu dereito fundamental da integridade moral, e moito menos sexual”, polo que desestima a demanda.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

talia teatro ubu rei |

Talía Teatro conducirá a gala dos XXII Premios María Casares

coliopeqcertezas |

Bárbara Colio impartirá un obradoiro de escrita en Braga