O CDG programa unha función inclusiva do espectáculo o venres 6 na que se facilitará audiodescrición, tradución á linguaxe de signos, accesibilidade e programa de man de lectura fácil.

 

O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution regresa do xoves 5 ao domingo 8 ao Salón Teatro de Santiago para se despedir do público no mesmo escenario no que esta adaptación da obra de Valle-Inclán foi estreada o 12 de abril e onde, por vez primeira, se desenvolverá unha función inclusiva o venres 6.

Esta é unha das principais novidades da segunda estadía en Compostela desta montaxe, dirixida por Xron, que acaba de rematar unha xira de dous meses por outros oito espazos galegos mais o Teatro Español de Madrid. Cambian tamén os horarios de representación no Salón Teatro para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.

Para a función inclusiva do venres, contarase con tradución simultánea á linguaxe de signos e programa en lectura fácil, así como con audiodescrición e espazos para cadeira de rodas previa reserva. O pase, para o que se establece un prezo especial único de 5 euros, está organizado en colaboración coa ONCE, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).

 

Encontro co público

Retómase, ademais, o programa “Encontros co Público”, que desta volta terá lugar ao finalizar a representación do xoves para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo.

Esta versión, a primeira en idioma galego, de Divinas palabras achega unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.

As entradas para estas catro derradeiras funcións de Divinas Palabras Revolution poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos