PUBLICIDADE

Esta próxima semana, do 23 ao 25 de agosto, Lalín celebra outro ano máis o Titirideza, Festival Galego da Marioneta, con cinco espectáculos de compañías de monicreques e de manipulación de obxectos. Segundo explicaron onte os organizadores, o festival suprime un día de programación pola falta de axuda da Xunta de Galicia.

 

Durante a presentación do cartel, Julio Balado, un dos representantes de Viravolta amosou o seu malestar coa Xunta de Galicia pola falta de resposta ante os trámites realizados e, pola contra, agradeceu ao Concello o aumento da partida ata os 7.000 euros. A organización decidiu reducir a Mostra a tres días, nos que se presentarán cinco compañías galegas.

Abrirá o festival, o xoves 23, Tanxarina Títeres con A galiña azul, unha obra baseada no conto de Carlos Casares e dirixida por Cándido Pazó. É un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade, destinado ao público infantil e familiar, no que se empregan diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral.  A galiña azul foi recoñecida este ano co Premio ao Mellor Espectáculo de Títeres en Fetén, a Feria de Teatro Para Niños y Niñas de Xixón. Ás 20:30 no Salón Teatro.

O venres 24, Elefante Elegante presentará a súa Danza da Choiva, premiada o ano pasado co María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil. Danza da choiva é un espectáculo sen palabras onde conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e os monicreques. Trata un tema serio –a falta de auga derivada do cambio climático– a través dunha posta en escena poética e visual. Os seus efectos cómicos, plásticos e oníricos advirten e divirten o público familiar e infantil a partir dos 3 anos. Será tamén no Salón Teatro ás 20:30.

O sábado 25, Titirideza comezará cunha función matinal a cargo de Mircromina Títeres: A familia unida. André, o Presidente, Propietario e Presentador do espectáculo busca empregado. ¿A quen non lle interesa? Cromina, despóis de ser pai, enfronta a súa natureza casual e festeira á responsabilidade e seriedade das circunstancias. A través de clásicos como a autoridade, a paternidade, o dragón e ata a morte. Ás 13:00 na Rúa Pelayo (no Museo Ramón Aller en caso de choiva).

Ás 19:00, tamén na rúa Pelayo, Títeres Trompicallo presentará Jiñol. Rosalia, Jiñol, o Sr. Bulú e o Policia ven alterada a súa vida pola inesperada chegada dun paquete que contén nada máis y nada menos que … ¡un crocodilo! Este é o principio dunha historia dinámica e divertida, contada con títeres de luva, na que as distintas situacións da obra xiran entorno ao comportamento que os títeres teñen co intruso. A evolución deste conto desemboca nun inesperado final.

Titirideza rematará nos arredores do Km 0 coa animación de rúa da compañía Troula, que representarán Hakuna Matata, unha proposta con tres manipuladores de marionetas inchables xigantes, un zancudo Igor e unha ciclista que percorrerá as rúas de Lalín.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos