Actualidade

O XXIII Festival Galicreques ofrecerá máis de 50 funcións a partir de mañá

Processed with VSCO with c7 preset

PUBLICIDADE

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, celebrará a súa 23ª edición a partir de maña e ata o 21 de outubro de 2018 cunha ampla programación que, con máis de 50 funcións repartidas pola cidade, contará cun marcado carácter internacional ao traer a Santiago de Compostela un total de 23 compañías procedentes de Arxentina, Brasil, Portugal ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto do estado español.

A programación incluirá este ano tres estreas absolutas, ademais de trece obras nunca vistas antes no estado español, e máis de 1.200 rapaces acudirán cos seus centros de ensino á programación dedicada ao público escolar. A vontade do Festival Galicreques –segundo explicou o seu director, Jorge Rey na presentación aos medios– segue sendo achegarlle á cativada o xénero de títeres, facendo un especial achegamento aos/ás espectadores/as de educación secundaria. As obras que se estrearán nesta edición serán Viaje a un país de…, coprodución de Títeres Cachirulo, Tres Tigres Teatro e Chachakün; Cantamos?, de Luis Vallecillo (o martes 18 ás 18.30 no CSC Santa Marta); e Home, dos madrileños Mazzú Teatro (o xoves 18 ás 20.30 h. no Teatro Principal).

 

Xornada Inaugural

O XXIII Galicreques comezará mañá cun total de cinco funcións repartidas en diferentes espazos. Así, a programación dará inicio o sábado ás 17.00 horas no Teatro Principal coa función inaugural, que correrá a cargo da compañía ecuatoriana Titiritainas, que presentará o seu espectáculo El alguacil Buñuelo. Nese mesmo escenario, ás 20.30 horas, terá lugar a primeira das estreas: Viaje a un país de…, coprodución galego-arxentina das compañías Títeres Cachirulo (Galicia), Tres Tigres e Chachakün (Arxentina). Pola súa banda, a Fundación SGAE, acollerá o sábado ás 18.00 horas a montaxe For+, dos valencianos de Xarop Teatre. A Praza do Toural albergará a esa mesma hora o espectáculo Alforria, dos portugueses de Boca de Câo. Esta mesma compañía ofrecerá o mesmo sábado ás 13:00 h. un percorrido polas rúas da zona vella para anunciarlle ao público o comezo do festival. A súa ruada principiará na Alameda para desprazarse despois ás prazas do Toural, Praterías e Mazarelos.

 

Descentralización 

Unha das novidades desta vixésimo terceira edición do Galicreques é a súa vontade de espallar a súa programación por toda a cidade, dedicando especial atención aos diferentes barrios compostelás e a distintos lugares de encontro co público. Deste xeito, ás sedes habituais do Galicreques como son a Fundación SGAE, o Teatro Principal ou o Centro Sociocultural de Santa Marta, hai que unirlles os Centros Socioculturais da Trisca, Vite, O Ensanche, Fontiñas, Conxo e O Castiñeiriño. Todos estes centros de xestión municipal acollerán funcións de diferentes compañías, realizando un exercicio de proximidade e de integración cultural dos barrios.

Por outra banda, a descentralización desta edición incluirá a intención de levar o xénero escénico dos títeres ao público en diferentes espazos de encontro. Galicreques estenderá as súas funcións ás prazas Roxa e Praterías e á Alameda, que un ano máis acollerá a Carpa do Galicreques, escenario que contará entre o xoves 18 e o domingo 21 cun total de 12 funcións.

Ademais, este ano o Centro Dramático Galego une a súa colaboración ao Galicreques, xa que o Salón Teatro acollerá a función de clausura o domingo 21 de outubro ás 18.30 horas. A despedida correrá a cargo da compañía mexicana Mano y Contramano e o seu espectáculo El oso que no lo era.

 

Compañías galegas

O programa deste ano inclúe un total de 23 compañías, das cales seis son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Luís Vallecillo, Os Monicreques de Kukas, Fantoches Baj e Art-Monium). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (Mazzú Teatro), Valencia (Xarop Teatre) ou Aragón (Teatro de Medianoche e Teatro Arbolé). Do panorama internacional, Galicreques contará con formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres Teatro, Ulularia Teatro), Ecuador (Titiritainas), Brasil (Sobrevento), México (Mano y Contramano), Colombia ( Arlequín y los Juglares) ou Venezuela (La pareja).

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos