Actualidade

Quico Cadaval estará no ciclo PULSO de encontros con autores

PUBLICIDADE

A sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela anuncia a primeira edición de PULSO, un ciclo de encontros que pretende achegar a realidade dos procesos creativos ao público. Autores ben significados en diferentes ámbitos da cultura falarán sobre a súa experiencia, sobre o seu traballo e, en definitiva, sobre a súa vida. Un número íntimo de espectadores poderá asistir a estas sesións, que serán un espazo de diálogo e non unha serie de conferencias unidireccionais. Nesta primeira edición, o músico Iván Ferreiro, o dramaturgo Quico Cadaval e o cineasta Jorge Coira trasladarán á audiencia o seu propio pulso creativo, os resortes que os estimulan, as particularidades do seu oficio e o seu concepto artístico.

Quico Cadaval, dramaturgo e promotor do movemento de contacontos que xurdiu en Galicia nos anos noventa, autor, adaptador, director, actor e, en definitiva, home de teatro, estará o mércores 24 dentro deste ciclo. Cadaval é unha das figuras máis relevantes da historia do teatro galego contemporáneo. Comezou a súa carreira a finais dos anos setenta e, dende aquela non deixou de traballar en compañías como O Moucho Clerc (Un códice Clandestino, O rouxinol da Bretanha, DaVinci levaba razón…) ou co Centro Dramático Galego, para o que dirixiu pezas como O ano do cometa, Como en Irlanda, Noite de Reis ou A ópera de tres reás. Con Produción Teatrais Excéntricas, a compañía coa que traballa actualmente, dirixiu numerosos espectáculos de Mofa e Befa, ademais de obras como Obra (no comment), Un cranio furado, Oeste solitario ou A cabeza do dragón, o primeiro Valle representado en galego por unha compañía profesional. Premiado varias veces nos María Casares (O ano do cometa, Rapatú, Noite de Reis…), tamén traballou en varias producións para cine e televisión.

Ademais, PULSO comeza o día anterior, 23 de outubro, coa participación do autor e músico Iván Ferreiro, que iniciou a súa carreira como cantante e compositor con Los Piratas, un grupo de Vigo que obtivo éxito público e crítico a finais dos noventa, e que logo desenvolveu unha encomiable carrera artística en solitario. O ciclo remata o día 25 cun encontro con Jorge Coira, guionista, director e montador de cine e televisión, de quen cabe salientar filmes propios, como O ano da carracha (2004) ou 18 comidas (2010) e a dirección de series como Terra de Miranda, Padre Casares, As leis de Celavella, El comisario, Piratas ou Pelotas. Na actualidade, está rodando a versión fílmica da obra de Chévere Eroski Paraiso.

Todas as sesións do ciclo PULSO terán lugar ás 21:00. Para facilitar o diálogo de cada autor co seu público, organizaranse sesións íntimas para un máximo de cen persoas. Pódense adquirir billetes individuais de 5 euros para acceder a cada sesión ou o abono de 12 euros para as tres datas.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Relacionado

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!