in

Contraproducións estrea ‘A compañeira de piso’ no Salón Teatro

CompañeiraPiso |
Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta adaptación da obra da norteamericana Jen Silverman, a través da que se lle dá resposta á demanda de historias protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos

 

A compañía Contraproducións estrea este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.

Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro, onde poderá verse do xoves 28 de febreiro ao sábado 2 de marzo, ás 20:30, e o domingo 3, ás 18:00.

 

Textos protagonizados por mulleres maduras

Coa elección deste título, co que Jen Silverman gañou popularidade no seu país a raíz da súa representación no Humana Festival of New American Plays de 2015, Contraproducións aborda tamén a necesidade de levar a escena textos protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos, ao tempo que segue a senda emprendida coa súa montaxe Nacidas libres.

Neste caso, A compañeira de piso conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.


Publicidade

Este cruce de vidas, máis semellantes do que parecería atendendo ás evidentes diferenzas, pon en cuestión os roles sociais e os patróns adquiridos, ademais de propoñer unha reflexión sobre a liberdade de escoller o propio destino. Cóntase para isto coa solvencia interpretativa de Rebeca Montero e Patrica Vázquez, dous recoñecidos nomes da nosa escena.

 

Encontro co público

O guitarrista e compositor Guillerme Fernández, membro fundador de Berrogüetto e integrante de numerosos proxectos musicais, asina a música orixinal de A compañeira de piso. Tamén se implicaron nesta montaxe Carlos Alonso no deseño da escenografía e o vestiario, Afonso Castro na iluminación, Xosé Barato na voz en off e Lilian Portela como axudante de dirección, na produción executiva e na adaptación.

Gran parte deste equipo participará no encontro co público que terá lugar este xoves, inmediatamente despois da función de estrea, para a que a entrada é por convite.

Esta é a segunda das cinco coproducións previstas polo Centro Dramático Galego para este ano 2019. Así, tras a presentación o pasado mes de xaneiro de Doppelgänger, con Berrobambán e a compañía colombiana El Arca de N.O.E., e a estrea de A compañeira de piso, as seguintes propostas en ver a luz ao abeiro deste programa do CDG serán Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ESAD5 |

A ESAD de Galicia convoca o VI Premio “A Pegada de Microdramas”

almanonehippie3 |

O Colectivo Verticalia estrea ‘Alma (non é hippie)’ na Coruña