in

Teatro do Atlántico leva á escena ‘A conquista da escola de Madhubai’, de Hélène Cixoux

MadhubaiAtlantico |
O vindeiro 28 de febreiro, ás 20:30, no Pazo da Cultura de Narón, Teatro do Atlántico estrea A conquista da escola de Madhubai, de Hélène Cixoux. Haberá unha segunda función en Narón, ao día seguinte, sábado 29, ás 20:00.

 

A nova montaxe da compañía contará coa dirección de Xulio Lago –quen tamén asina o deseño de iluminación– e cun elenco formado por María Barcala, Sheyla Fariña e Cesar Goldi. O espazo escénico é de Antonio F. Simón, o espazo sonoro e a música orixinal, de Vadim Yukhhnevich e o vestiario, de Susa Porto. Completan a ficha técnica Aleixandre Lago, como axudante de dirección e Purificación Cabido como responsable da tradución da obra de Cixoux.

Teatro do Atlántico parte dun texto escrito no ano 1983 que sitúa a acción nunha pequena aldea da India. A autora inspírase nuns feitos acontecidos naquel país nos anos oitenta do pasado século, nomeadamente os que fan referencia á historia de Phoolan Devi, coñecida como “a raíña dos bandidos”, quen foi unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio.

Publicidade

Con ese punto de partida, e facendo uso da capacidade extraordinaria que ten o teatro para servir de espello á sociedade que o contempla, a compañía pretende poñer en debate feitos dramáticos que marcaron a biografía da personaxe protagonista da peza, e que están a acontecer hoxe en moitos puntos da nosa contorna: as “manadas”.

A proliferación de “manadas” nos últimos anos en numerosos puntos da xeografía española resulta insoportable: Pamplona, Lugo, Las Palmas, Alacante, Xaén, Pola de Lena, Molíns de Rei, Tarifa, Beniaján, Murcia, Gran Canaria, Xirona, Cádiz, Menorca, Barcelona… E na medida en que son parte da realidade na que nos toca habitar, deben tamén ocupar un lugar no noso espazo de expresión: o escenario.

“O teatro ten entre as súas funcións”, explican dende a compañía, “a de ser testemuña dos aconteceres do seu tempo, observalos e compartilos coa cidadanía da maneira máis obxectiva posible; e, tamén, intentar reflexionar sobre o que se move na mente e no corazón dos humanos en relación con determinados comportamentos”.

A posta en escena de A conquista da escola de Madhubai, ademais, transita por outros asuntos principais, como o concepto de liberdade, o impulso de rebeldía contra o maltrato, o dereito á educación, a complexa dialéctica entre Lei e Xustiza, o interese persoal e o ben público no exercicio da acción política ou a vinganza.

A compañía xa ten confirmadas outras datas para a xira deste espectáculo: o 20 de marzo, no Auditorio Municipal de Vilalba; o 27, de marzo no Auditorio de Culleredo; o 23 de abril, no Auditorio de Monforte; o 25 de abril, no Auditorio García Márquez de Oleiros; o 2 de maio, no Auditorio Municipal de Cangas; e os días 7 e 8 de maio, no Teatro Principal de Compostela.

 

Sinopse

Sakundeva, bandida, perseguida pola policía e o exercito, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.
Pídelle quedar durante dous días agochada na súa casa, para poder meditar con tranquilidade que decisión tomar nunha disxuntiva transcendental que se lle presenta. Sen tempo para que ela puidese reflexionar, aproxímase xa ao lugar un Ministro do Goberno, que fora o provocador da disxuntiva e que ven demandar unha resposta.

 

Publicidade

A autora

Hélène Cixous nace en 1937 en Orán, Alxeria, colonia francesa naqueles anos. De ascendencia hebrea por parte de nai, e sefardí por parte de pai, a súa infancia desenvólvese nun entorno de diversidade lingüística que resulta parte relevante da súa educación; ao alemán –lingua materna— e ao español -lingua familiar por parte do pai– xúntanse o francés e o árabe.

Instálase en Francia en 1955, onde realiza estudos de Filoloxía inglesa; acada o doutoramento en Letras, e en 1962 comeza unha actividade docente na Universidade de Burdeos, que proseguirá despois na Sorbona.

No ano 1968 será unha das fundadoras da Universidade Experimental de Vincennes. O seu labor intelectual conta con recoñecementos honoríficos de numerosas universidades do Reino Unido, dos Estados Unidos, de Irlanda, Canadá…

A escrita dramática ocupa un espazo de gran relevancia no conxunto da súa obra creativa. Nesta disciplina a colaboración desde 1984 con Ariane Mnouchkine, directora do Théâtre du Soleil, impulsa unha dramaturxia crítica, comprometida e de elevada ambición artística materializada e enriquecida coa posta en escena da maioría das súas obras como parte do repertorio do Théâtre du Soleil.

Entre os seus títulos, todos representados e/ou publicados, figuran: La Pupille (1971); Portrait de Dora (1975); La Prise de l’école de Madhubaï (1984); L’Histoire terrible mais inachevée de Norodom Sihanouk roi du Cambodge (1985); L’Indiade, ou l’Inde de leusrs rêves, et quelques éscrits sur le théâtre (1987); La Ville parjure ou le réveil des Erinyes (1984); Et soudain, des nuits d’éveil (1997); Tambours sur la digue (1999); Rouen, la Trentième Nuit de Mai’31 (2001); Les Naufragés du fol espoir (2010).

 

Teatro do Atlántico

Teatro do Atlántico, compañía constituída no ano 1985, por María Barcala e Xúlio Lago leva realizadas ata o momento 32 producións, entre as que podemos suliñar Casa de Bonecas, de Ibsen; A noite das Tríbades, de Olov Enquist; Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín, de García Lorca; O cerco de Leningrado, de Sanchis Sinisterra; O encoro, de Conor McPherson; A raíña da beleza de Leenane, de Martín McDonagh; Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure ou Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro.

As súas producións teñen realizado xiras por case todas as autonomías, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de Teatro (FIT de Cádiz, FITEI de Porto, Latinoamericano de Córdoba (Arxentina), Internacional de Caracas, MIT de Ribadavia, FESTEIXO de Viana do Castelo, Mostra de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de Teatro de las Autonomías «Villa de Madrid», ou FIOT de Carballo) presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega.

María Barcala, Casilda García, Susana Dans, María Bouzas e Gonzalo M. Uriarte recibiron importantes premios de Interpretación en papel Protagonista por traballos realizados en producións desta Compañía, premiada tamén varias veces nos apartados de Dirección e Iluminación (Xúlio Lago), Escenografía (Antonio F.Simón e Carlos Alonso), Actor Secundario (Toño Casais) ou Mellor Espectáculo (A noite das tríbades, O encoro, A raíña da beleza de Leenane ou Unha primavera para Aldara).

O principio de Arquímedes, estreada en Marzo do 2015, recibiu no 2016 os Premios María Casares ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Mellor Interpretación Masculina en papel Secundario e Mellor Adaptación.

A compañía recibiu no 2016 o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Artes Escénicas

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pilar Pereira

Goretti Sanmartín propón declarar Filla Predilecta de Compostela a Pilar Pereira

EspidaIO |

Espida